Manuel Goded

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Goded Llopis
Goded NAC Archive.jpg
Nome completoManuel Goded Llopis
Nacemento15 de outubro de 1882
Defunción12 de agosto de 1936
FidelidadeEspaña Reino de España
España Segunda República española
Bandera del bando nacional 1936-1938.svg Bando nacional
RangoXeneral de División
Batallas/GuerrasGuerra do Rif
Revolución de 1934
Guerra Civil española

Manuel Goded Llopis, nado en San Xoán de Porto Rico o 15 de outubro de 1882 e finado en Barcelona o 12 de agosto de 1936, foi un militar español que participou na Guerra do Rif e ao comezo da Guerra Civil española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Carreira militar[editar | editar a fonte]

Naceu o 15 de outubro de 1882,[1] en San Xoán de Porto Rico, no seo dunha familia de tradición militar e de orixe francesa.[2] O seu pai era un comandante de artillaría. No momento en que Goded naceu, Porto Rico aínda era territorio español; tras a guerra hispano-estadounidense a familia de Goded retornou á España peninsular.

Goded empezou a súa carreira militar ao catorce anos, ingresando na Academia de Infantaría de Toledo en 1896. En 1905 chegou a ser capitán do Estado Maior. Como moitos militares da época, ascendeu por mérito de guerra grazas á guerra de Marrocos; en 1924 ascendeu a coronel, e dous anos despois foi ascendido ao rango de xeneral de brigada.[1]

Goded dirixiu o desembarco anfibio na baía de Alhucemas no que se coñece como batalla de Alhucemas e que foi considerado como o principio do fin da rebelión do Rif. En 1927, a rebelión remataou e España recuperou o territorio perdido do Protectorado. Goded foi ascendido a xeneral de brigada e, de seguido, foi nomeado xefe do estado maior do Exército Español de África. E despois a xeneral de división.

Aínda que inicialmente apoiou o réxime do xeral Primo de Rivera,[3] posteriormente participou en intrigas contra el, polo que foi xulgado por traizón e pasou á reserva.[4] En 1930 exerceu en varias ocasións, de forma interina, as funcións de ministro do Exército —en substitución do xeneral Dámaso Berenguer—.[5]

Segunda República[editar | editar a fonte]

Cando chegou a República, Goded foi nomeado xefe do Estado Maior Central do Exército[3] pero, tras a súa implicación no Incidente de Carabanchel[6] en xuño de 1932, foi cesado do seu cargo.[7][a] Pouco despois, participou na «Sanjurjada» do 10 de agosto de 1932, polo que foi de novo retirado da actividade militar por parte do goberno. Tras as eleccións de novembro de 1933, foi amnistiado polo goberno de Alejandro Lerroux e regresou ao exército.

En outubro de 1934, colaborou con Franco por orde do goberno republicano na represión da revolta de Asturias, tras o que o goberno radical-cedista nomeouno director xeneral de Aeronáutica e xefe da III Inspección do exército. En 1935, ingresou na clandestina Unión Militar Española, formando parte da súa Xunta Central volvendo a retomar os contactos co resto dos xenerais que estiveran implicados no intento de golpe de 1932.[8]

A principios de 1936, coa Fronte Popular no poder, as sospeitas dunha nova conspiración e a súa falta de sintonía co novo goberno motivou que fose afastado de Madrid, sendo enviado como comandante xeral a Baleares, na confianza de que esta xefatura (afastada dos grandes centros de poder e con poucas tropas ao seu mando) impediríalle realizar algunha revolta contra o goberno.

Implicado na conspiración militar que deu lugar á Guerra civil, Goded foi designado para facerse cargo da xefatura da rebelión en Barcelona.[9]

Guerra Civil Española[editar | editar a fonte]

A mañá do 19 de xullo de 1936, tras producirse a sublevación dalgunhas guarnicións militares, Goded declarou o estado de guerra e sublevou o arquipélago. En pouco tempo logrou facerse co control das illas de Mallorca e Eivisa,[10] sen moita dificultade. Tal e como se acordou, Goded marchou cara a Barcelona nun hidroavión —escoltado á súa vez por unha escuadrilla de hidroavións– para dirixir a sublevación militar de Barcelona.[11] Tras chegar a Barcelona, Goded logrou destituír e arrestar ao xeneral Francisco Llano de la Encomienda, comandante da IV División Orgánica, pero fracasou no seu intento de tomar o control da cidade.[12] Ante a situación de bloqueo, e tras os duros combates que tiveron lugar, Goded acordou renderse.[13] Foi arrestado polas autoridades republicanas na tarde do mesmo 19 de xullo, sendo obrigado a confesar por radio o fracaso do levantamento e a súa rendición:

A sorte foime adversa e caín prisioneiro; se queredes evitar que continúe o derramamento de sangue, quedades ceibes do compromiso que comigo tiñades.[14]

A súa voz ouviuse en toda España e deu ánimos aos partidarios da República no resto do país.[14]

Consello de Guerra[editar | editar a fonte]

Pouco despois foi levado ao barco-prisión Uruguai xunto a outros rebeldes capturados, onde quedou encarcerado.[15] Ás 7 a.m. do 11 de agosto de 1936, celebrouse a bordo do buque o Consello sumario de guerra contra os ex xenerais Manuel Goded Llopis e Álvaro Fernández Burriel, como xefes da sublevación militar na área catalá. O tribunal estaba formado polo presidente, Guillermo de la Peña Cusí (coronel de infantería), o coronel de infantería Josep Puñet Morales, o tenente coronel de infantería Nicolás Martínez Sosuza e Carlos Redondo Flores, o enxeñeiro tenente coronel Mario Giménez Ruiz e Josep Combelles Burgos, como viceportavoz, comandante de infantería. O primeiro xuíz instrutor foi o coronel de cabalería Carlos Caballero Méndez. O primeiro tenente interventor Pere Rodríguez Gomà actuou como fiscal. A cargo da defensa dos procesados, o comandante de Estado Maior Antonio Aymat Mereca e, como suplente, o capitán Antonio Sánchez Bravo.

Tras pronunicarse a expresión "Audiencia Pública", o xuíz instrutor leu a acusación e comezou a o testemuño do capitán xeneral da gornición de Barcelona, xeneral Llano de la Encomienda, do xeneral da Garda Civil José Aranguren a algúns militares procesados. A seguir, o fiscal, nun discurso, solicitou a pena de morte para os acusados e, pouco despois, falou o defensor. Contra as 11:00 a.m., o Consello, rematara e o Tribunal pasou a se reunir en sesión secreta. Pouco despois, dictaminouse a condena a morte[16][17]e informouse ás partes a ao Auditor. Ao día seguinte, 12 de agosto, Manuel Goded foi fusilado xunto a outros militares (como Álvaro Fernández Burriel) nos foxos do Castelo de Montjuic.[16][18]

En palabras de Payne, a morte de Goded, no só decapitou o golpe en Barcelona e Cataluña senón que tamén eliminou a un dos principais rivais persoais e políticos do eventual líder do movemento, Francisco Franco.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que Stanley G. Payne sinala que Goded dimitiu en solidariedade cos seus compañeiros destituídos.[6]
  1. 1,0 1,1 Cabanellas 1973, p. 440.
  2. de Arce 1998, p. 271.
  3. 3,0 3,1 Romero Salvadó 2013, p. 151.
  4. Robinson 1970, p. 28.
  5. de Urquijo Goitia 2008, p. 114.
  6. 6,0 6,1 Payne 1993, p. 98.
  7. Navajas Zubeldia 2001, p. 77.
  8. González Calleja 2011, p. 293.
  9. Martínez Bande 2007, pp. 308-309.
  10. Aróstegui 2006, p. 89.
  11. de Arce 1998, p. 269.
  12. Thomas 1976, p. 260.
  13. Romero Salvadó 2013, p. 72.
  14. 14,0 14,1 Thomas 1976, p. 261.
  15. Alcalá 2007, p. 223.
  16. 16,0 16,1 Preston 2013, p. 314.
  17. Alcalá 2007, p. 221.
  18. Thomas 1976, p. 275.
  19. Payne 1987, p. 101, nota 27.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Non tivo
(Órgano disolto en 1925)
Valeriano Weyler
Xefe do Estado Maior Central do Exército
1931-1932
Sucesor:
Carlos Masquelet
(en 1933)