Parque Natural do Delta do Ebro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Parque natural do Delta do Ebro»)
Vista do Delta do Ebro.

O parque natural do Delta do Ebro, chamado Parc Natural del Delta de l'Ebre en catalán, localízase na desembocadura do río Ebro, na provincia de Tarragona, entre as comarcas do Baix Ebre e do Montsià, na parte máis meridional de Cataluña. Foi declarado parque natural en agosto de 1983, e ampliado en 1986. En 2010 contaba cunha extensión total de 7.736 hectáreas (3979 hectáreas no hemidelta dereito e 3757 hectáreas no hemidelta esquerdo).

O río Ebro, o máis caudaloso da Península Ibérica, é o principal responsable desta contorna, achegando os materiais arrincados da súa cabeceira para depositalos aquí, na conxunción co Mediterráneo. Os sedimentos son por tanto, materiais provenientes dos Pireneos, o sistema Ibérico e a Cordilleira Cantábrica, lugares de onde nace o río e afluentes del. A cantidade de materiais sedimentados crearon unha superficie de máis de 320 km², na que se formaron numerosos hábitats. A actual forma do Delta é unha "frecha" perfectamente debuxada que penetra preto de 22 km no mar, creando así o terceiro maior delta do Mediterráneo tras o Delta do Nilo con 24.000 km² e o do Ródano, que abarca unha superficie de 500 km².

O delta do Ebro é a zona húmida máis grande de Cataluña e unha das máis importantes de Europa Occidental detrás do parque rexional da Camarga en Francia e do parque nacional de Doñana no sur de España.

Hábitats[editar | editar a fonte]

Arrozais[editar | editar a fonte]

No Delta do Ebro existen unhas 22.000 hectáreas de arrozais. Creando, este cultivo, un lugar idóneo de refuxio, alimento e cría para moitas aves acuáticas. Algunhas das aves máis comúns son as pernaslongas, a perdiz do mar ou o mazarico negro. Tamén son frecuentes aves das familias Ardeidae, Laridae ou Sternidae. A presenza das aves nos arrozais tamén causa danos ó cultivo. Así, por exemplo o Flamengo pisa a planta e ocasiona grandes perdas. Mediante a vixilancia, a espantada de aves e as axudas económicas reducíronse os danos económicos. Outra ave que pode ocasionar danos nos arrozais é o Camón, neste caso por alimentarse directamente da planta do arroz; sendo este un fenómeno habitual en toda a costa mediterránea. Algunhas medidas que teñen mitigado o problema foron a separación natural dos arrozais das canaveiras por balsas de auga salgada, o peche das leiras afectadas por tendidos eléctricos ou a realización de fotografía aérea para acadar unha mellor peritaxe.[1]

Perigos[editar | editar a fonte]

Especies invasoras[editar | editar a fonte]

Coma noutros lugares naturais, o Delta do Ebro sofre as consecuencias da proliferación de especies exóticas, que rematan sendo invasoras. A orixe destas invasións é múltiple, podendo estar vinculada a actividades pesqueiras ou náuticas, ó turismo ou a solta e abandono de mascotas domésticas. Coma exemplo citar o fiuncho de auga ou o xacinto de auga dentro do reino vexetal. En canto ós animais citar tartarugas non autóctonas (coma o Trachemys spp. ou o Pseudemys spp.), o mexillón cebra, a ameixa asiática, o caracol mazá, o caranguexo vermello ou o caranguexo sinal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «El conflicto entre el calamón y la agricultura del arroz». Revista Quercus, Cuaderno 333, Novembro 2013 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]