Saltar ao contido

Mexillón cebra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mexillón cebra

Mexillóns cebra
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Heterodonta
Orde: Veneroida
Familia: Dreissenidae
Xénero: Dreissena
Especie: D. polymorpha
Nome binomial
'Dreissena polymorpha'
(Pallas, 1771)[1]

O mexillón cebra (Dreissena polymorpha) é un molusco bivalvo de auga doce e salobre. Aliméntase de plancto e materia orgánica en suspensión[2]. Está incluído na lista 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A súa cuncha ten forma triangular con bandas amarelas e pardo-escuras en zig-zag, e pode chegar a medir tres centímetros en estado adulto. Forma densas colonias de miles de individuos por metro cadrado sobre substratos duros.

Distribución e carácter invasivo

[editar | editar a fonte]

É orixinario dos mares Caspio, Aral e Negro. A partir do século XIX estendeuse por Europa central coa navegación fluvial e no 1985 chegou a América do Norte, ós Grandes Lagos, desde onde se estendeu pola conca do río Mississippi ata o Caribe. Actualmente atópase nun proceso de expansión e está colonizando augas doces en Europa, Asia e Norte América, causando enormes perdas económicas.

Reprodución e invasión do hábitat

[editar | editar a fonte]

Fóra da súa zona de orixe, pódese considerar unha especie invasora que ten serias consecuencias para o medio natural pois produce graves danos no ecosistema pola eliminación ou desprazamento de especies autóctonas ameazadas, o que supón un empobrecemento do patrimonio natural. Tamén causa danos en infraestruturas alleas á auga como depósitos, embarcacións, motores, turbinas etc. Coloniza tubos e conducións de auga poñendo en perigo o abastecemento agrícola, industrial e dos núcleos urbanos, pois tapona as conducións e obstrúe os filtros.

A base do dano ocasionado polo mexillón cebra radica na súa rápida proliferación (a presenza dun exemplar adulto augas arriba supón a vertedura ó leito dun millón de larvas: é un claro "estratega da reprodución"), que pode ter dous ciclos reprodutivos ó ano (primavera e outono aproximadamente); á extraordinaria resistencia do molusco á temperatura, á salinidade, á presenza de cloro (o que na práctica supón que para eliminalo en sistemas abertos eliminaríase tamén case a totalidade dos habitanters do ecosistema); e ó sistema de crecemento en colonias, medrando uns individuos sobre outros, polo que rapidamente colmatan, atoran e inutilizan canos, bombas, depósitos, filtros...

Fálase en ocasións dos efectos beneficiosos do mexillón cebra, ás veces moi valorado en zonas do norte de Europa, como clarificador das augas. As grandes colonias deste animal, e a súa gran capacidade de filtrado - ata 8,5 l ó día-[4] fan que descenda de maneira moi importante a turbidez das augas. Estes efectos beneficiosos sempre suscitaron unha grande controversia, e en todo caso non deixan de ser unha alteración producida no ecosistema por unha especie invasora.

A loita conta o mexillón cebra centrouse ata o presente fundamentalmente en evitar a súa proliferación. É un feito que non se puido expulsar das zonas que colonizou, e se ben o seu número tende a descender tras a primeira invasión e estabilizarse rapidamente, non adoita quedar máis alternativa que a convivencia co molusco e a súa loita e erradicación dos sistemas cerrados, por métodos agresivos.

No caso do mexillón cebra, tanto o impacto ecolóxico como o impacto económico que supón o seu control son enormes. A prevención da invasión de novas áreas e o control da súa expansión nos sistemas cerrados xa ocupados, provoca gastos importantísimos e en continuo crecemento. Probablemente a estratexia máis eficaz ata a data contra a súa dispersión fose a divulgación do coñecemento da praga e os seus defectos, e as medidas profilácticas.

A introdución do mexillón cebra no Ebro

[editar | editar a fonte]

O mexillón cebra introduciuse nas augas do Ebro e adaptouse con éxito ó novo hábitat, chegando a constituír unha verdadeira praga. Por este motivo, os temores sobre a posible invasión deste molusco fixéronse realidade cando en agosto do 2001 un grupo de malacólogos de Cataluña, especialistas en náiades e un grupo de naturalistas de Flix (Tarragona) detectaron a súa presenza no baixo Ebro, desde Xerta ata o encoro de Ribarroja.

Os primeiros datos coñecidos desta especie no Ebro (setembro do 2001) daban a cifra duns 500 mexillóns cebra por m2; a súa elevadísima capacidade de reprodución (cada adulto pode orixinar unha descendencia de 1,5 millóns de exemplares por tempada) convérteo nun axente de cambio ecolóxico radical xa que diminúe a concentración de fitoplancto na auga e altera completamente a cadea trófica dos ríos. Evitar a súa diseminación cara a outros ríos ibéricos é a máxima prioridade.

Despois detectouse a súa presenza noutras concas mediterráneas, como as do Xúcar e do Segura e en tramos máis altos do Ebro, ata o encoro de Sobrón, entre as provincias de Burgos e Áraba, chegando á vertente cantábrica en Biscaia en 2011 (Encoro de Undurraga en Arratia).[5]

Na conca do río Ebro, o molusco bloqueou e inutilizou numerosas infraestruturas, obrigando a realizar abundantes e custosas operacións de limpeza. Detectado tamén no Xúcar, témese que a súa expansión provoque graves danos na economía agraria a escala nacional se se estende á conca dos demais ríos.

Loita contra a especie

[editar | editar a fonte]

Dada a súa perigosidade, desenvolvéronse varias técnicas para combater as larvas do mexillón cebra. As máis comúns son os sistemas mecánicos (filtros); químicos (cloro); térmicos (o mexillón non resiste máis de 38 °C) e sónicos. Axiña se iniciaron outras investigacións para combater o mexillón cebra a grande escala. Unha delas, realizada pola Universitat Politécnica de Valencia en Alcoi desde 2008, con financiamento do Ministerio de Medio Ambiente, pretendía identificar un reactivo químico que fose pouco agresivo con outras especies e co resto de ecosistemas, pero capaz de acabar coa resistencia do mexillón cebra.

O oxidante elixido é unha mestura de auga osixenada con sales de ferro potenciada pola luz do sol. Hai que traballar para definir as doses máis apropiadas e o seu custo económico, así como avanzar na súa posible aplicación realizando ensaios no regadío. É letal para o mexillón cebra, pero debe ser inocuo para o resto das especies.

Outra solución contra o mexillón cebra é o ozono. A investigación foi desenvolvida e posta en práctica en Zaragoza pola empresa Actualia, con sede en Alacant, baseándose en estudos e experiencias americanas. Foi entón, cando Actualia realizou o primeiro tratamento de España para controlar o crecemento do mexillón cebra en sistemas de auga baseado no ozono.[6]

O obxectivo era frear a deterioración dos sistemas de rega causados pola praga invasora. Para iso, aplicouse unha cantidade alta de ozono na entrada de auga mediante un ozonizador; co fin de que sempre houbese unha cantidade mínima de ozono residual nas conducións. Este feito elimina as larvas de mexillón, previndo a adherencia cando maduran.

O ozono elimina os veligers, larvas microscópicas de mexillón cebra, pois do contrario en 8-14 días fixaríanse en superficies sólidas, iniciando o problema. Ademais de previr a praga, comprobouse que o ozono non dana o medio ambiente; é máis, beneficia a calidade da auga, do solo e dos cultivos.

Máis recentemente, comprobouse que certas cepas da bacteria Pseudomonas fluorescens (como a Pf-CL145A) son unha prometedora solución para o control dos mexillóns cebra. Esta cepa pode matar >90% destes mexillóns por intoxicación cando os mexillóns se alimentan dela (é dicir, non mediante infección), tanto se a bacteria está viva coma morta.[7] [8] As investigacións feitas ata agora indican unha alta especificidade por estes mexillóns, sen afectar practicamente a outras especies.[9] A Pf-CL145A foi agora comercializada co nome Zequanox Arquivado 11 de abril de 2019 en Wayback Machine., cuxo ingrediente activo son células bacterianas mortas.

  1. Gary Rosenberg & Markus Huber (2013). Dreissena polymorpha (Pallas, 1771). 181566. 
  2. "Dreissena polymorpha en DAISIE". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2014. Consultado o 04 de maio de 2015. 
  3. Lowe, S; Browne; Boudjelas; Poorter (2000). 100 de las Especies Exóticas Invasoras más dañinas del mundo. Una selección del Global Invasive Species Database. Publicado por el Grupo Especialista de Especies Invasoras (GEEI), un grupo especialista de la Comisión de Supervivencia de Especies (CSE) de la Unión Mundial para la Naturaleza (UICN), 12 pp. Primera edición, en inglés, sacada junto con el número 12 de la revista Aliens, Diciembre 2000. Versión traducida y actualizada: Noviembre 2004. 
  4. Ansenio, R (2003). Folleto divulgativo: El mejillón cebra, una especie exótica que amenaza nuestros ríos. 
  5. Junta de Castilla y León. "Folleto dibulgativo: El mejillón cebra, una especie exótica que amenaza nuestros ríos". 
  6. P, Mónica (4 decembro 2014). "Actualia eliminó el mejillón cebra con ozono". 
  7. Molloy, D. P., Mayer, D. A., Gaylo, M. J., Morse, J. T., Presti, K. T., Sawyko, P. M., Karatayev, A. Y., Burlakova, L. E., Laruelle, F., Nishikawa, K. C., Griffin, B. H. 2013. Pseudomonas fluorescens strain CL145A – A biopesticide for the control of zebra and quagga mussels (Bivalvia: Dreissenidae). J. Invertebr. Pathol. 113(1):104-114.
  8. Molloy, D. P., Mayer, D. A., Giamberini, L., and Gaylo, M. J. 2013. Mode of action of Pseudomonas fluorescens strain CL145A, a lethal control agent of dreissenid mussels (Bivalvia: Dreissenidae). J. Invertebr. Pathol. 113(1):115-121.
  9. Molloy, D. P.; Mayer, D. A.; Gaylo, M. J.; Burlakova, L. E.; Karatayev, A. Y.; Presti, K. T.; Sawyko, P. M.; Morse, J. T.; Paul, E. A. (2013). "Non-target trials with Pseudomonas fluorescens strain CL145A, a lethal control agent of dreissenid mussels (Bivalvia: Dreissenidae)". Manag. Biol. Invasions 4 (1): 71–79. doi:10.3391/mbi.2013.4.1.09. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Minchin, D. (2003). "The Zebra Mussel Dreissena polymopha (Pallas) extends its range westwards in Ireland". Bull. Ir. biogeog. Soc. 26: 176–18.