Anduriña do mar
Anduriña do mar | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Glareola pratincola Linnaeus, 1766 | |||||||||||||||
Distribución de Glareola pratincola Área de cría. Área de ocupación permanente. Área de invernada. Errante (estacionalidade incerta).
|
A anduriña do mar,[2] andoriña do mar[3] ou perdiz do mar[4] (Glareola pratincola) é unha especie de ave caradriforme da familia Glareolidae propia de África, a Europa mediterránea e o suroeste de Asia, que en Galicia é unha ave accidental. É unha ave limícola atípica que lembra unha andoriña grande, debido á súa especializada alimentación aérea, ou a unha perdiz.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha ave robusta e alongada con grandes ás, que mide entre 24 e 28 cm de longo, cunha envergadura alar de entre 60 e 70 cm. Ten patas curtas, que non sobresaen por detrás en voo, e unha cola forcada. Ten un bico curto adaptado á captura de insectos en voo. O dorso, cabeza e peito son de cor marrón uniforme, aínda que as plumas de voo son máis escuras e anegradas. A gorxa é de cor ocre amarelado e está enmarcada por unha líña negra que chega case ata o ollo. O ventre e mitra son brancos, pero a parte inferior das ás é de cor castaña.
Cómpre ter boa vista para distinguila en voo doutras especies de Glareola, como a Glareola nordmanni ou a Glareola maldivarum, coas que pode coincidir na súa área de distribución. A última tamén ten a parte inferior das ás castaña pero a cola é máis curta. A primeira ten a parte superior das ás máis escura.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Clasifícase no xénero Glareola, un dos dous xéneros que integran a subfamilia Glareolinae, a cal, xunto á subfamilia dos corredores, Cursoriinae, conforman a familia Glareolidae. Á súa vez os glareólidos clasifícanse entre os Charadriiformes, unha grande orde de aves na súa maioría acuáticas. As anduriñas do mar diferéncianse dos caradriformes típicos, incluso dos seus parentes máis próximos, os corredores, por estaren adaptadas a un modo de vida aéreo, polo que teñen ás máis longas e patas máis curtas.
A andutiña do mar foi descrita cientificamente por Carl Linnaeus en 1766 na duodécima edición da súa obra Systema Naturae,[5] co nome científico de Hirundo pratincola, clasificada xunto ás anduriñas.[6] Posteriormente foi trasladada ao xénero Glareola, creado polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson en 1760.[5] O nome do xénero, Glareola, procede do diminutivo do termo latino glarea, que significa 'grava', en referencia ao seu hábitat de nidación típico.[7] O nome específico, pratincola, tamén alude ao seu hábitat, e é unha combinación das palabras latinas pratum, 'prado' e incola, 'habitante'.[7]
Recoñécense dúas subespecies dentro de G. pratincola:[8]
- Glareola pratincola pratincola (Linnaeus, 1766) - presente en Eurasia e o norte de África;
- Glareola pratincola fuelleborni Neumann, 1910 - propia da África subsahariana.
Anteriormente describíanse dúas especies máis, G. p. erlangeri Neumann, 1920 e G. p. riparia Clancey, 1979, que agora se integran en G. p. fuelleborni.[8]
Comportamento
[editar | editar a fonte]A súa voz é de tipo carrán, moi aguda. Nidifica en abril-xuño, poñendo dous ou tres ovos nunha única posta, en ocos pouco porfundos. Aliméntase capturando insectos en voo.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Habita (en verán) no sur e costa mediterránea de España, Portugal, zonas húmidas mediterráneos de Francia, Italia e os Balcáns; en Galicia é unha ave accidental. O seu hábitat son os pastos húmidos, pantanos e salinas, onde forma colonias de nidificación laxas e xeralmente asociadas a estérnidos, pernalongas e similares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Glareola pratincola". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2009.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anduriña.. Ver frases e expresións con anduriña. Tamén se admite andoriña.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para perdiz. Ver frases e expresións con perdiz.
- ↑ 5,0 5,1 Zoonomen. "Clasificación de Charadriiformes" (en inglés). Archived from the original on 03 de marzo de 2016. Consultado o 25 de abril de 2016.
- ↑ Caroli Linnæi. Caroli Linnaei: Systema naturae per regna tria naturae, tomus I (Regnum animale) pars 1 / Caroli a Linné Editio duodecima reformata 1766, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.), tomus I (Regnum animale) p. 345.
- ↑ 7,0 7,1 Jobling, James A (2010). Christopher Helm, ed. The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres. pp. 174, 315–6. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 8,0 8,1 Frank Gill y David Donsker. Coursers, noddies, gulls, terns, auks & sandgrouse Arquivado 06 de maio de 2014 en Wayback Machine.. IOC World Bird List versión 7.2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Anduriña do mar |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Anduriña do mar |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hume. Rob. 2002. Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8.