National Geographic (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «National Geographic Magazine»)

National Geographic
PaísEstados Unidos de América
Lugar de publicaciónWashington, D.C.
Lingualingua inglesa, lingua italiana e lingua indonesia
AbreviaturaNatl. Geogr. e Natl. Geogr. Mag.
Fundación1888 e 2005
Primeira edición1888
Circulación
Frecuencia1 mes
ISSN0027-9358
OCLC643483454
Na rede
https://www.nationalgeographic.com/magazine/, http://natgeo.galegroup.com/natgeo/archive, http://books.google.com/books?id=8iRNAQAAIAAJ, http://books.google.com/books?id=ECVNAQAAIAAJ, http://books.google.com/books?id=fwAlAQAAMAAJ e https://nationalgeographic.grid.id
Facebook: NGM Twitter: NatGeoMag Instagram: natgeo Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

National Geographic Magazine, posteriormente abreviada como National Geographic, é unha entidade sen ánimo de lucro que funciona como o órgano de expresión oficial da National Geographic Society dos Estados Unidos. A súa primeira edición data de outubro de 1888, nove meses despois da fundación da sociedade.[1] Esta publicación foi identificada case inmediatamente pola súa característica faixa amarela na portada.

O control da revista estivo en mans de The Walt Disney Company dende 2019.[2]

A revista distribúese mensualmente en 32 linguas en todo o mundo. A súa tirada achégase aos nove millóns (á que se suma os quince millóns de exemplares entregados en fogares cada mes). En ocasións especiais lánzanse publicacións extra e mapas especiais. A revista contén artigos sobre xeografía, ciencia, historia, cultura, eventos actuais e fotografía.

En maio de 2007 e 2008 a revista gañou o General Excellence Award da Society of Magazine Editors na categoría de circulación superior a dous millóns de exemplares e o premio á Mellor Fotografía por tres artigos da revista en 2006. Ademais dun nomeamento ao General Excellence Award de 2009, National Geographic gañou o premio principal por unha fotografía editorial.

Historia[editar | editar a fonte]

Portada do primeiro número da revista da National Geographic Society (publicado o 22 de setembro de 1888)

A primeira edición da revista National Geographic foi publicada en 1888, xusto nove meses despois de que a sociedade fose fundada. O selo foi o seu característico estilo, reinventado dende unha liña próxima ao xornalismo científico a ser unha revista célebre polo seu exclusivo material gráfico en xaneiro de 1905 cando se publicaron moitas fotografías en páxina completa feitas no Tíbet nos anos 1900 e 1901 por dous exploradores enviados polo Imperio Ruso, Gombozhab Tsybikov e Ovshe Norzunov. A edición de xuño de 1985 na súa portada tiña a foto dunha nena afgá duns trece anos chamada Sharbat Gula que chegou a ser unha das imaxes máis recoñecidas da revista.

A finais de 1990 e comezos do 2000 iniciouse un prolongado litixio sobre os dereitos colectivos do contido da revista nunha edición electrónica chamado Greenberg v. National Geographic . Isto causou que a National Geographic retirase do mercado a edición dixital que compilaba todos os artigos vellos da revista. Dúas cortes federais de apelación fallaron a favor da revista permitindo a reprodución e a corte suprema dos Estados Unidos denegou a revisión en decembro do 2008. National Geographic lanzou en xullo do ano 2009 unha versión electrónica do seu arquivo para celebrar os 120 anos da súa creación que contiña artigos que databan dende 1888 ata decembro do 2008, actualizándoa cada ano.

No ano 2006, o escritor da National Geographic Paul Salopek foi arrestado baixo cargos de espionaxe, por entrar no Sudán sen visado, entre outros delitos, mentres estaba a traballar nun artigo. A revista National Geographic e o xornal Chicago Tribune para o que Salopek tamén escribía artigos montaron a súa defensa legal e lideraron unha apelación internacional a Sudán, Salopek foi finalmente liberado.

Artigos[editar | editar a fonte]

Durante a guerra fría a revista comprometeuse a presentar un punto de vista da xeografía física e humana das nacións detrás do pano de aceiro. A revista imprimiu artigos sobre Berlín, a Austria ocupada, a Unión Soviética e a China comunista que se afastaban deliberadamente do político para enfocarse no cultural. Na súa cobertura da carreira espacial, National Geographic enfocouse nos logros científicos mentres evitaba arduamente facer conexión entre a carreira espacial e a conexión coa construción de armas nucleares.

Nos anos posteriores á guerra fría os artigos comezaron a tratar temáticas tales como o medio natural, a deforestación, a contaminación química, o quecemento global e a extinción das especies.

Ocasionalmente a edición enteira dun mes dedícase unicamente a un país, como a unha civilización antiga, ou a un recurso natural que esta en risco de extinción ou outro tema, en décadas posteriores a National Geographic Society lanzou outras revistas con diferentes enfoques.

Fotografía[editar | editar a fonte]

Ademais de ser recoñecida polos artigos sobre paisaxes, historia, e as reportaxes sobre os recunchos máis recónditos do mundo; a revista foi recoñecida polo seu formato tipo libro e a alta calidade da súa fotografía. Este alto estándar fixo que a revista fose o fogar dalgúns dos reporteiros gráficos de máis alta calidade no mundo.

A revista comezou a presentar fotografías en cor a comezos do século XX, cando esta tecnoloxía era escasa. Durante a década de 1930, Luis Marden (1913-2003), escritor e fotógrafo para a National Geographic, convenceu a revista para que permitise aos seus fotógrafos o uso das cámaras pequenas de 35 mm cargadas con película Kodachrome en lugar das voluminosas cámaras con trípodes e lentes prateadas. En 1956, a revista comezou a publicar pequenas imaxes nas súas portadas, despois iniciou a impresión de fotografías grandes, caracterizándose polo emprego das máis adiantadas técnicas de fotografía por exemplo a fotografía dixital.

A portada da revista aínda contén o seu inicial bordo amarelo, mais desapareceu a folla de carballo e a táboa de contidos. Esta foi cambiada por unha das fotografías dos artigos do mes que contiña a edición. En 2006 National Geographic iniciou un concurso mundial de fotografía con preto de 80 países participantes.

Mapas[editar | editar a fonte]

A revista algunhas veces achega mapas das rexións visitadas. Os mapas da National Geographic Society foron empregados polo goberno dos Estados Unidos en circunstancias en que os seus propios recursos cartográficos eran limitados. O mapa do cuarto do presidente Franklin Roosevelt na Casa Branca foi arquivado cos mapas da National Geographic. Un mapa de Europa da National Geographic emprégase no museo de Winston Churchill en Londres, e mostra a marca de Churchill na conferencia de Ialta. En 2001, National Geographic lanzou un conxunto de 8 CD-ROM que contiñan todos os mapas desde 1888 ata decembro de 2000.

Venda dos seus arquivos históricos[editar | editar a fonte]

Por mor da crise económica mundial que sacudiu o mundo a finais da primeira década do século XXI, a revista National Geographic decidiu vender os seus arquivos fotográficos que constan de 500000 negativos dos case 11 millóns de fotografías, o que constitúe o máis grande arquivo fotográfico do mundo.[3]

Debido a que National Geographic optou pola dixitalización do seu material fotográfico, a pesar da venda dos arquivos físicos a sociedade conservará os dereitos de publicación para poder usar estas fotos no futuro. O prezo de venda destas placas fotográficas de carácter prestixioso e exclusivo vai desde os 3000 aos 10000 dólares estadounidenses.

Este material conservábase en cámaras refrixeradas nos seus arquivos en Washington. Iniciouse a exposición dunha colección de 150 imaxes que ilustran a humanidade case dende que xomezou a fotografía nunha mostra da Galería Steven Kasher de Washington. A colección chámase "O mundo en branco e negro: Copias clásicas da National Geographic" e algunhas fotografías exhibidas mostrábanse por primeira vez ao público. Entre estas estaban as imaxes dos Alpes de 1980, Machu Pichu en 1915 e Uganda en 1906.

En outubro de 2009 editou un álbum de fotografías chamado "National Geographic Image Collection".[3]

Os administradores pensaban e asumían que sería doloroso desfacerse do material fotográfico, mais en tempos de crise económica mundial, as doazóns diminuíran levando a buscar medidas para saír dese período difícil xa que era unha entidade sen ánimo de lucro que vivía das doazóns, diminuídas pola crise, así como dos pioneiros aventureiros que financiaban as súas propias expedicións fotográficas e enriquecían o día a día da revista.[4]

Edicións noutros idiomas[editar | editar a fonte]

A primeira edición local de National Geographic noutra lingua foi en xaponés, en abril de 1995. Actualmente a revista publícase en 34 linguas diferentes de todo o mundo incluído o inglés como a edición mundial base.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "National Geographic Fact Sheet". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2007. Consultado o 13 de setembro de 2020. 
  2. "Disney and 21st Century Fox Announce per Share Value in Connection with $71 Billion Acquisition" (en inglés). 19 de marzo de 2019. Consultado o 17 de xullo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "Venderá la National Geographic parte de su histórico acervo - El Financiero". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2018. Consultado o 2009. 
  4. "National Geographic abre sus archivos y vende 500.000 negativos - Cultura_Arte - Cultura - ABC.es". Consultado o 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Roger M. Poole, Explorers House: National Geographic and the World it Made, 2004; reprint, Penguin Press, 2006, ISBN 978-0-14-303593-0
  • Stephanie L. Hawkins, American Iconographic: "National Geographic," Global Culture, and the Visual Imagination, University of Virginia Press, 2010, ISBN 9780813929668, 264 páxinas
  • Moseley, W.G. 2005. Reflecting on National Geographic Magazine and Academic Geography: The September 2005 Special Issue on Africa African Geographical Review. 24: 93–100.

Ligazóns externss[editar | editar a fonte]