Nabo
Nabo | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nabo (Brassica rapa subsp. rapa) in situ. | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Brassica rapa L., Sp. Pl.¡¡, vol. 2, p. 666, 1753 [1] |
O nabo (Brassica rapa subsp. rapa), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme, e tamén para o consumo das súas follas. As variedades de raíz tenra utilízanse para o consumo humano, mentres que as maiores se destinan a forraxe para o gando.
Os nabos son moi populares en Europa, en particular nas rexións máis frías, xa que se poden almacenar durante varios meses despois da colleita. Tamén poden crecer en forma silvestre. En Galiza foi un dos cultivos máis estendidos como indica a microtoponimia; hoxe en día o consumo humano da raíz (chamada comunmente carola[1], cachola ou carocha ou tamén nabo[2]) non é común, porén si seguen a ser moi populares as nabizas e grelos (follas e rebentos respectivamente da mesma planta).
Características
[editar | editar a fonte]A variedade máis común comercializada como hortaliza en Europa e Norteamérica é principalmente a de pel e carne branca, a excepción dos 1–3 cm superiores que, ao sobresaír da terra e recibir a luz do sol, son de cor púrpura, avermellada ou verdosa.
Esta parte superior desenvólvese a partir do tecido do caule, pero permanece soldada á raíz, que é practicamente esférica, de ao redor de 5–15 cm de diámetro e carente de radículas laterais. A raíz principal (que se encontra por debaixo da raíz engrosada) é delgada e duns 10 cm de lonxitude.
As follas son de dúas clases: as vexetativas son as nabizas, e as do rebento floral, os grelos. Medran directamente sobre a parte superior sen apenas colo. Son tamén comestíbeis, e moi populares en Galicia e outras zonas do noroeste da Península Ibérica (Asturias, o Bierzo, norte de Portugal) e deben consumirse moi frescas.
Os nabos chegan a pesar máis de 1 kg. Porén, pódense *colleitar cando son máis pequenos. O tamaño dos máis pequenos é función da variedade e do tempo que se deixou crecer.
A maior parte son variedades especiais, que só están dispoñíbeis cando se recolleitan, e non se conservan durante moito tempo. Adoitan consumirse (follas incluídas) crus, en ensaladas, como os ravos e, dependendo da variedade, teñen a carne amarela, alaranxada ou avermellada.
Orixe
[editar | editar a fonte]O nabo cultivábase xa na Antiga Grecia e durante o Imperio romano. Aínda que se descoñece o lugar exacto onde se cultivou por primeira vez, barállanse Afganistán, Paquistán e a rexión do Mediterráneo como principais candidatos.
Antigamente era un alimento básico na cociña europea; porén foi substituído despois da introdución da pataca, importada de Suramérica polos españois no século XVI.
Hoxe en día volve a ser un apreciado ingrediente en gornicións de asados ou en puré.
Sinonimia galega
[editar | editar a fonte]Ademais de nabo, a raíz engrosada desta planta coñécese en Galicia tamén como nabo galego, nabo forraxeiro, cabeza de nabo, carola e grela. As follas, como quedou dito, nabizas e grelos. As sementes coñécense como nabiñas ou nabías[3]. A leira onde se cultivan nabos chámase nabal, por iso existen en Galiza moitos topónimos deste tipo: nabal, nabais, nabás etc. Nabo é un dos nomes vulgares do pene.
Chámase nabo caíño, nabo da noula á planta brava rubideira Bryonia dioica, chamada tamén en galego saltasebes, xa que bota unha especie de carola ou nabo baixo o chan[4].
Os nabos na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Os nabos na cultura popular galega.
En Galiza xogábase ao arríncate-nabo ou arrinca nabos. A Real Academia Galega no seu Diccionario gallego-castellano de 1913-1928 di que é un xogo de mozos que consiste en sentar todos no chan, e entre as pernas de cada un, senta o que lle segue, ao que o anterior suxeita fortemente cos brazos polo van. Só un xogador queda en pé, e este puxa polo primeiro que está sentado intentando erguelo, cousa difícil, porque o suxeita o anterior, e a este o outro, e así os demais, e, ou se erguen todos ou ningún, rodando, regularmente, polo chan. O que puxa acompaña o esforzo con estas verbas: Arríncate, nabo![5]
- Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento.
- Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.
- Nabos e coles, comer de señores.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carola. Consultado o 24 de febreiro de 2017.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para nabo. (acepción 2)
- ↑ "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991
- ↑ Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009. Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
- ↑ Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano a través de Dicionario de dicionarios - http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=nabo&tipo_busca=lema
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nabo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Grelo
- Nabiza
- Lacón con grelos
- Rutabaga
- Nabo caíño
- Col chinesa (Brassica rapa pekinensis)
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.