Mosteiro de Santa María de Monfero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Mosteiro de Monfero")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°20′26″N 08°02′12″O / 43.34056, -8.03667

Fachada da igrexa do mosteiro.

O Mosteiro de Santa María de Monfero é un mosteiro medieval situado na contorna das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso. Está situado na parroquia de San Fiz de Monfero, no concello coruñés de Monfero.

Historia[editar | editar a fonte]

As súas orixes remóntanse cando menos ao século X, ao se fundar un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a San Marcos. Este cenobio, favorecido polo rei Bermudo II, sufriu o ataque dos normandos, sendo reconstruído a iniciativa de Afonso VII no ano 1135 en colaboración con nobres como Afonso Bermúdez ou o Conde Pedro Osorio, que lle fixeron doazóns e lle concederon privilexios.

Claustro procesional coa fonte barroca no central

A comunidade naquel entón acollíase a regra de San Bieito xa que a comunidade conformárase con monxes desa orde procedentes do Mosteiro de Santa María de Valverde do Bierzo (hoxe de Santa María de Carracedo).

No 1147 [1] acóllese á reforma cisterciense a través do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, vivindo a partir de entón anos de esplendor económico e cultural, ata o punto de ter que recorrer ó rei para defenderse das agresións dos nobles da comarca.

En 1492 os colonos negáronse a pagar os impostos establecidos polo mosteiro e mesmo chegaron a matar o abade. Esta situación, xunto ó declive espiritual pola deixadez dos abades comendatarios, levou ó mosteiro a unha situación crítica, que provocou a anexión á Congregación de Castela en 1506, da que dependeu ata a exclaustración de 1835.

A mediados do século XVI a comunidade monástica iniciou obras de renovación que continuarían ata a seguinte centuria, obras caracterizadas polo seu estilo clásico. No ano 1620 encárgase das obras Simón de Monasterio. A partir de entón imponse o estilo barroco e derrúbase a vella igrexa. A morte no ano 1624 de Simón de Monasterio, ao que se lle atribúen as trazas da planta e o alzado, fai que outros mestres de obra teñan que seguir co seu proxecto.

As obras continuaron e no ano 1639 xa estaba rematado o ciborio. No ano 1645 traballábase na fachada e no ano 1655 consagrouse o templo. A capela da Virxe da Cela remátase cara o ano 1666, obra á que lle seguirán outras como a sancristía, coñecida como Chirola.

En 1803 un raio derrubou o ciblorio e causou importantes danos no edificio e, aínda que se comezou a restaurar en 1807, a invasión francesa interrompeu as obras de restauración. En 1820 produciuse a primeira exclaustración e, cando regresaron os monxes en 1823, o templo estaba baleiro e arruinado. Aínda que comezaron a restauralo, foron de novo expulsados en 1835, definitivamente, baixo a desamortización de Mendizábal.

En 1882 hai un intento efémero de reintroducir a vida monacal no mosteiro ao se establecer unha comunidade cisterciense da que era abade Manuel Antonio Díez, que fora monxe da Congregación de Castela. A ruína do mosteiro e unha epidemia de varíola fixeron fracasar a tentativa.

No ano 1931 foi declarado Monumento Nacional. En 2004 se desenvolveu un proxecto de reconversión do mosteiro nun hotel de luxo, pero a crise económica detivo as obras de rehabilitación. En 2019, o mosteiro seguía abandonado e invadido pola vexetación.

Descrición[editar | editar a fonte]

Escudo do concello
Galería do claustro procesional coas súas bóvedas estreladas do século XVI

A igrexa é a parte que mellor se conserva. A igrexa románica probabelmente constaba de tres naves (a nave actual correspondería coa antiga nave central) e tres ábsidas. Só se conserva dela o muro meridional, notabelmente alombado, cunha porta de acceso de arco apuntado no seu extremo occidental que actualmente está tapiada.

Destaca a súa fachada barroca, única en Galicia polo xadrezado dos perpiaños, alternando granito con xisto, con catro enormes columnas e dúas pilastras rematadas con capiteis corintios, que combina, seguindo a Bonet, unha estrutura clásica cun dinamismo barroco. A fachada do mosteiro ilustra o emblema do escudo do concello de Monfero.

A planta é de cruz latina cunha gran cúpula no cruceiro.

No interior atópanse os sepulcros de Nuno Freire de Andrade, Fernán Pérez de Andrade, O Mozo e Diego de Andrade.

O edificio monacal artéllase arredor de tres claustros:

O inacabado Claustro da Hospedería mandado facer polo abade Ruperto Martínez (1803-1807) sobre outro renacentista do que aínda se conserva o tránsito ao Claustro das procesións e catro columnas correspondentes aos recantos do lenzo meridional. A súa construción foi interrompida pola Guerra da Independencia e as obras nunca se retomaron. Só se fixo un dos catro lenzos e pouco máis.

O Claustro procesional, proxectado por Juan de Herrera, é de estilo renacentista con reminiscencias góticas nos 24 tramos abovedados do andar baixo, e barrocos no tapiado realizado en 1786 deixando óculos elípticos e fiestras rectangulares. Durante o mandato do abade Alonso de Gorbalán (1683-1685) erixiuse unha fonte barroca.

O Claustro dormitorio é o de maior extensión. A diferenza dos outros claustros, é o único que medrou sen unha planificación previa ao longo dun dilatado espazo de tempo.

Contemplando o mosteiro obsérvase o tránsito harmónico desde un clasicismo herreriano a un barroquismo interpretado cunha aberta naturalidade.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1201 segundo Damián Yáñez Neira, en Gran Enciclopedia Galega, s.v. Monfero.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]