Saltar ao contido

Astenia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fatiga»)
Astenia
Clasificación e recursos externos
ICD-9728.87
OMIM245200
DiseasesDB22832
MedlinePlus003174
MeSHD018908
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A astenia (do grego α [a] —alfa privativo—: "carecer", e σθένος [sthénos]: "forza", "poder") é un síntoma médico presente en varios trastornos, caracterizado por unha sensación xeral de fraqueza, fatiga, debilidade física e psíquica, porén sen perda de masa muscular; con principal incidencia entre as persoas de 20 a 50 anos, e maior preponderancia nas mulleres que nos homes.[1] Cando a astenia vai acompañada de perda de masa muscular denomínase miastenia.

Etioloxía

[editar | editar a fonte]

Pode ter moitas causas e moi variadas, malia que a máis frecuente é o estrés. A depresión tamén pode producir astenia.

Unha hipótese sostén que a astenia se debe á diminución de beta-endorfinas, substancias que segrega o sistema endócrino, e que son responsábeis da diminución da sensación de dor. Pode aparecer tamén no marco dun trastorno obsesivo compulsivo da personalidade, paralelamente aos trazos de rixidez do carácter e falta de flexibilidade.

Causa funcional

[editar | editar a fonte]

Polo xeral adoita comezar ao amencer, isto é, predomina pola mañá sendo variábel co percorrer do día. Non mellora ou mesmo empeora co repouso, e adoita estar asociada a un trastorno do sono. Cando é por causas reactivas é porque aparece após un exceso de actividade física ou mental. Cando é por causas psiquiátricas é por asociación á síndrome depresiva.

Causa orgánica

[editar | editar a fonte]

Caracterízase por ter un predominio vespertino, isto é, a altas horas do serán. Adoita ser fixa, sen variacións ou flutuacións co transcorrer do día. Agrávase coa actividade e mellora após o sono.[2] A presunta causa orgánica pode ser:

Sintomatoloxía

[editar | editar a fonte]

Os síntomas principais da astenia son a fatiga e a apatía con sensación de falla de enerxía e motivación, esgotamento ou cansazo. A astenia pode afectar mesmo ás funcións intelectuais, producindo perda de memoria, déficit de atención, concentración e vixilancia. Frecuentemente evidéncianse outros trastornos psicolóxicos incluíndo unha percepción alterada do mundo externo, trastornos da propia personalidade ou ansiedade. A astenia pode afectar tamén ás funcións sexuais producindo unha diminución do desexo sexual e unha disfunción eréctil. Os trastornos físicos máis comúns son a perda de apetito, fatiga muscular e trastornos á hora de conciliar ou manter o sono.

Porén, astenia non é sinónimo de somnolencia. Somnolencia e apatía, entendida como indiferenza, poden ser síntomas da fatiga normal após un esforzo físico intenso ou mesmo da privación do sono. Se non remite cun correcto sono ou cun ambiente pouco estresante, ha de ser valorada medicamente.[3] Outras causas frecuentes de astenia son as causas cardíacas e oncolóxicas, pola súa gravidade, a inxesta de drogas ou alcol, a depresión e o embarazo en adolescentes, a síndrome de apnea obstrutiva do sono e o maltrato, tanto a nivel escolar (bullying) como familiar.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Ao tratarse dun proceso adaptativo do organismo, non existen tratamentos específicos para curar a astenia, polo que non existen medicamentos curativos como tales.[4] Aínda así, si existen algunhas condutas que axudan a que o corpo e a mente se adapten mellor e con maior facilidade. Unha correcta hixiene do sono, unha alimentación saudábel e equilibrada, unha vida libre de estrés físico e psicolóxico, son praxis que poden axudar a curar unha situación de astenia.

Se con estas medidas non se soluciona o problema, ou se demostra que tras dita astenia hai un proceso médico subxacente (como por exemplo, anemia), cómpre solucionar en primeiro lugar esa doenza. Após solucionar o problema clínico subxacente, a astenia debería desaparecer.

Diagnóstico diferencial

[editar | editar a fonte]

A astenia pode aparecer en múltiples infeccións e doenzas, tanto orgánicas como funcionais. Por exemplo:

  1. Marx, John (2010). "Chapter 11". Rosen's emergency medicine: concepts and clinical practice 7th edition. Philadelphia, PA: Mosby/Elsevier. ISBN 9780323054720. 
  2. BARBADO HERNÁNDEZ, F. J.; GÓMEZ CEREZO, J.; LÓPEZ RODRÍGUEZ, M. y VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, J. J.. El síndrome de fatiga crónica y su diagnóstico en Medicina Interna (en español). An. Med. Interna (Madrid) [online]. 2006, vol.23, n.5 [citado 2010-04-13], pp. 239-244. ISSN 0212-7199. doi: 10.4321/S0212-71992006000500009.
  3. CASANOVAS GORDO, J.M.. Del síntoma a la enfermedad: astenia (en español). Rev Pediatr Aten Primaria [online]. 2009, vol.11, suppl.17 [citado 2010-04-13], pp. 425-431. ISSN 1139-7632.
  4. "Astenia: debilidad física y psíquica por estrés, depresión o razón orgánica". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2013. Consultado o 20 de agosto de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]