A mesquita de Quba (Quba' Masjid ou Masjid al-Quba; en alifato árabe: مسجد قباء), sita nas aforas de Medina, Arabia Saudita, é a máis antiga das mesquitas do islam, e unha mesquita nacional de Arabia Saudita.
As súas primeiras pedras foron colocadas polo profeta Mahoma durante a súa Héxira ou emigración desde A Meca a Medina e foi acabada polos seus compañeiros. Mahoma agardou máis de 20 noites nesta mesquita, rezando qasr (un rezo curto), mentres chegaba Ali, que tiña a casa xusto detrás desta mesquita.
Durante un século, a mesquita de Quba sufriu transformacións, que fixeron imposíbel a conservación da vella estrutura. Actualmente comprende un conxunto que inclúe, entre outras, áreas residencias, espazos para as ablucións, e mesmo dúas bibliotecas.