Mercury-Atlas 9
Mercury MA-9 | |
---|---|
Logo da misión Mercury 9 | |
Tipo | Tripulado |
Organización | NASA |
Destino actual | Reentrado na atmosfera.[1] |
Data de lanzamento | 15 de maio de 1963, 13:04 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Atlas LV-3B[2][5] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 14[2] |
Duración da misión | 34 horas, 19 minutos e 49 segundos[2][6] |
Obxectivo da misión | Experimentos e prácticas de manobras con nave tripulada, cuarta misión orbital tripulada dos Estados Unidos e última do proxecto Mercury.[2] |
Decaemento | 16 de maio de 1963[1] |
NSSDC ID | 1963-015A |
Masa | 1360,8 kg[2][6] |
Mercury-Atlas 9 ou MA-9, e tamén coñecida como Faith 7 polo nome da cápsula, foi a cuarta e derradeira misión orbital tripulada do proxecto Mercury co astronauta Gordon Cooper a bordo. Cara ao final da misión unha serie de malfuncionamentos na nave obrigaron a Cooper a tomar o control manual.[2][6]
Desenvolvemento da misión
[editar | editar a fonte]Os obxectivos principais de MA-9 foron avaliar os efectos sobre o astronauta da permanencia en órbita durante un día completo, verificar que tras un día en órbita un astronauta podía ser capaz de seguir pilotando a súa nave e avaliar o rendemento do astronauta xunto coa súa cápsula.[2][6]
O lanzamento da misión estaba planeado para abril, pero foi posposta dúas veces, a primeira en febreiro para recablear o sistema de control do foguete lanzador e a segunda o 14 de maio tras atoparse problemas na bomba de combustible no motor diésel utilizado para separar a grúa da torre de lanzamento do foguete no momento do lanzamento e a problemas na estación de seguimento das Bermudas. MA-9 foi lanzada finalmente o 15 de maio, non sen antes ter que resolver un problema co sistema de guiado pouco antes da ignición. A secuencia da inserción orbital tivo lugar sen ningún contratempo.[2][6]
Na cuarta e última misión do proxecto Mercury a cápsula foi modificada para poder ampliar a duración da misión, aumentando a capacidade dos sistemas de soporte vital, un tanque de propelente máis grande e baterías de maior capacidade: dúas baterías de 3000 vatios-hora fronte a dúas baterías de 1500 vatios-hora en misións anteriores. Instalouse un sistema de televisión de proba para o control do astronauta e os instrumentos e elimináronse compoñentes duplicados de apoio por determinarse innecesarios, entre eles o periscopio, o transmisor de UHF para voz e o transmisor de telemetría. Mellorouse o traxe do astronauta, incluíndo un selo mecánico para o casco, novos guantes e unha sección torácica redeseñada para mellorar os movementos do astronauta, así como unhas botas integradas co traxe para incrementar a comodidade.[2][6]
Entre os experimentos de a bordo incluíanse dous estudos de adquisición e percepción, estudos fotográficos, dous instrumentos para medir a radiación, a liberación dun globo atado á nave, un estudo do comportamento dos fluídos en microgravedade e outro sobre micrometeoritos. Na terceira órbita Cooper soltou unha pequena baliza no espazo que incluía unha luz parpadeante para o estudo da percepción do astronauta. Cooper foi capaz de ver a baliza cerca da nave durante a parte nocturna da cuarta órbita. O experimento co globo non puido levarse a cabo debido á imposibilidade de liberalo do seu receptáculo de almacenamento. Na órbita número dezasete Cooper fotografou a luz zodiacal con fins científicos.[2][6]
Durante a misión, Gordon Cooper converteuse no primeiro home en durmir no espazo. Ademais dunha pequena sesta durante a segunda órbita, Cooper durmiu un rato no descanso planificado na décima órbita, durante o cal a temperatura do seu traxe aumentou, despertándoo, tras do cal axustou a temperatura e volveu durmir.[2][6]
O primeiro problema seria da misión tivo lugar durante a órbita dezanove, cando un sensor detectou supostamente unha aceleración de 0,05 g cando non debería haber ningunha. Cooper comprobou os parámetros da órbita, atopando que todo ía segundo o planeado e que por tanto o sensor estaba proporcionando unha lectura errónea. Desde o control de terra consideraron o problema co sensor como potencialmente perigoso e indicación de que os sistemas automáticos podían estar tendo algún tipo de dificultade. Os temores confirmáronse na seguinte órbita, cando Cooper perdeu todas as lecturas de actitude da cápsula. Na órbita vinte e un produciuse un curtocircuíto que deixou o sistema de control e estabilización automática fóra de servizo. Seguindo o procedemento de emerxencia Cooper fíxose cos controis manuais da cápsula e iniciou o procedemento para a reentrada, que tivo lugar con éxito durante a órbita número vinte e dous. Cooper amarou a 130 km ao sueste do atol de Midway, no océano Pacífico, a 6,4 km do buque USS Kearsage, tras pasar 34 horas, 19 minutos e 49 segundos no espazo.[2][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MERCURY ATLAS 9" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 NASA (26 de agosto de 2014). "Mercury Atlas 9" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
- ↑ "Letter dated 29 July 1963 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (63-16678). 31 de xullo de 1963: 2. Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "Mercury 9 (MA-9 / Mercury-Atlas 9)" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
- ↑ Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Mercury Flight History" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "Mercury MA-9" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mercury-Atlas 9 |