Saltar ao contido

Mercado de Colom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada e parte da cuberta do Mercado de Colom


O Mercado de Colom (en valenciano Mercat de Colom) é un edificio de estilo modernista da cidade de Valencia situado no barrio do Pla del Remei, rehabilitado no 2003 e hoxe dotado de tendas e restaurantes de luxo. Foi construído para satisfacer a demanda do Eixample (ensanche da cidade) burgués da Cap i Casal, en pleno apoxeo no 1914, cando foi concibido polo arquitecto Francesc Mora i Berenguer, sendo no 1916 inaugurado. É un extraordinario exemplo de arquitectura modernista e historicista dentro da tradición construtiva valenciana, o máis gaudiniano da cidade, e Monumento Histórico-Artístico dende 1983.

Localización

[editar | editar a fonte]

O Mercado de Colom atópase no distrito do Eixample de Valencia, dentro do barrio do Pla del Remei, entre a rúa de Colom e a Gran Vía del Marqués de Túria. Sitúase na antiga fábrica de gas do Marqués de Campo. Ocupa unha illa de casas entre as rúas Comte de Salvatierra, Jorge Juan, Martínez Ferrando e Ciril Amorós da capital valenciana.

Os antecedentes do Mercado de Colom atópanse nas continuas peticións, dende 1890, de veciños do Ensanche ao Concello para implantar un mercado provisional o definitivo e evitar a venda ambulante que xeraba a demanda de alimentos ou o desprazamento aos afastados mercados Central ou de Russafa.

A xestación do proxecto comezou no 1910, coa proposta de Francesc Mora para o Mercat Central, finalmente adxudicada a Alexandre Soler i March e Francesc Guàrdia i Vial, onde se suxiren moitas das formas que posteriormente empregaría no proxecto do Mercado do Ensanche, o proxecto definitivo do cal foi presentado por Francesc Mora no 1913.

Inaugurouse no 1916 e co paso dos tempo e apertura de modernas superficies de venda de alimentos o mercado entrou en decadencia a finais do século XX; os comerciantes xubilábanse ou sinxelamente pechaban pola deterioración, e a falta de mantemento espantaba aos clientes.

Despois da restauración do 2003, o Mercado de Colom converteuse nunha galería comercial de luxo. Actualmente conta cun restaurante de arquitectura modernista no primeiro andar; na andar baixo hai herboristerías, cafetarías e orchaterías situadas en cubículos de vidro vangardistas, que contrastan coa decoración modernista do edificio; no soto hai unha tenda especializada en libros, música e cinema, un restaurante vangardista, algunha parada de mercado de luxo (peixe, viño, xamón, queixo etc) e unha parte central diáfana pera acontecementos culturais. Os dous andares de máis abaixo son un aparcadoiro.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

O edificio

[editar | editar a fonte]

O Mercado de Colom ten unha superficie total de 3.500 m². Presenta planta basilical de tres naves, unha central de 18,60 m de alzada e dúas laterais de 9,70 m de luz con beirís de 6 m a cada costado, organizada en 9 cruxías de 7 m de separación. A diáfana estrutura, debaixo a cal dispoñíanse os postos do mercado, agora tendas de luxo, está formada por arcos de perfís remachados e caracois nas ligazóns cos piares de foxa que soportan a cuberta, de 8 e 5 m de alzada, con capitel e base ornamentada.

Interior do Mercat de Colom cara á fachada sur

O conxunto está delimitado por unha rexa perimétrica de ferro e pedra natural, nos chafráns da cal se alzan catro pequenas edículas dunha soa planta.

O acceso ao recinto se produce por oito grandes portas que conectan comodamente co contorno en todo o seu perímetro. Feitas de perfís e chapas de aceiro e con elementos ornamentais de fundición e forxa, as portas sitúanse nos chafráns e ao centro de cada fachada.

Na fachada sur (rúa Jorge Juan) elévase nun arco oxival de 16 m de clave e 13 m de luz entre soportes, coa profundidade dunha cruxía. En medio do arco, unha galería, antes destinada a oficinas e agora a un restaurante, fai de punto entre os dous pavillóns situados a cada costado da fachada, a cal está feita a base de ladrillo, pedra artificial e pedra natural, cun revestimento de mosaico cerámico vitrificado no arco, as voltas interiores e os pináculos. Esta fachada presenta un programa iconográfico e simbólico moi completo, onde están presentes as aves, as carnes, os peixes, as hortalizas, os caracois, as flores e a froita, especialmente laranxas.

Este xeito de suscitar o programa decorativo era común noutros arquitectos da época coma Lluís Doménech i Montaner, Josep Puig i Cadafalch ou Antoni Gaudí, mais o seu desenvolvemento tan completo e exhaustivo lembra necesariamente á Portada del Naixement da Sagrada Familia de Barcelona, da edificación da cal foi testemuña directa Francesc Mora durante os seus anos de estudante, nas súas visitas ao taller de Gaudí.

Galería da fachada sur vista dende o interior
Fachada sur do Mercado de Colom (R/Jorge Juan)

A diferenza da fachada sur, a que mira ao norte (R/ Comte de Salvatierra) consta dun só plano sen volumetría, executada tamén en ladrillo e combinación de pedra natural e artificial. O plano desta fachada está limitado lateralmente por sendas columnas troncocónicas acabadas en pináculos, no centro da cal ábrese un grande arco parabólico de fábrica ladrillo de dimensións semellantes ao outro e o tímpano do cal é pechado por unha colosal vidreira. A parte inferior desta remata a uns 4 m de altura por medio dunha marquesiña de vidro sobre pechamentos metálicos. Na base dos dous grandes pináculos laterais sitúanse os postos de flores, de grande lixeireza e cuberta ondulada revestida tamén con fragmentos cerámicos (trencadís). Esta fachada está carente de ornamentación, levando algúns detalles illados.

Fachada norte do Mercado de Colom
Trencadís na fachada norte
Interior da fachada norte

Dada a súa experiencia no manexo de estruturas metálicas para a estacións de tren, como a Estació del Nord de Valencia, foi Demetri Ribes que deseñou a estrutura metálica da cuberta, con marquesiñas laterais a diferentes alzadas que facilitan aberturas lonxitudinais para unha mellor iluminación e ventilación do espazo. Ao longo da rúa ábrese unha bufarda que alumea naturalmente a nave.

Mercado modernista

[editar | editar a fonte]

En canto que modernista, este edificio participa dunha vasta visión da arquitectura coma obra total, onde o deseño enténdese dende a concepción do edificio até a cada un dos elements que o compoñen, facendo especial insistencia nas artes aplicadas. Deste xeito, Francesc Mora puxo especial interese no deseño das columnas de fundición de ferro, no ladrillo, na cerámica policromada, o vidro, os perpiaños, a pedra artificial e a madeira.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • La arquitectura del eclecticismo en Valencia: vertientes de la arquitectura valenciana entre 1875 y 1925. Benito Goerlich, D. Ajuntament de València, 1992.
  • Conocer Valencia a través de su arquitectura. Autores diversos. Ed. Col·legi Oficial d’Arquitectes de la Comunitat Valenciana-Ajuntament de València, València. 2001.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Vista da fachada sur