Catedral de Valencia
Catedral de Valencia | |
---|---|
País | España |
Coordenadas | 39°28′32″N 0°22′31″O / 39.475611111111, -0.37513888888889 |
Diocese | arquidiocese de Valencia e Roman Catholic Diocese of Valencia |
Estilo | Valencian Gothic e Arte gótica |
Páxina web | http://www.catedraldevalencia.es |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Catedral de Valencia (Basílica Metropolitana) é a sede do arcebispado de Valencia e está adicada a Santa María por desexo de Jaume I, fiel á tradicional devoción mariana do século XIII. Foi consagrada no ano 1238 polo arcebispo de Tarragona Pere d'Albalat. Atópase sobre a antiga mesquita, que ao seu corpo alzárase sobre a antiga catedral visigoda.
O gótico catalán o mediterráneo é o estilo predominante desta catedral, aínda que ademais contén elementos do románico, do gótico francés, do renacemento, do barroco e neoclásico.
No seu interior venérase como Santo Graal un cáliz doado á catedral polo rei Afonso o Magnánimo no 1436. Contén ademais algunhas das primeiras e mellores pinturas do Quattrocento de toda a Península Ibérica, que chegaron de Roma a través de artistas contratados por Alexandre VI. Este último Papa valenciano, cando aínda era o cardeal Roderic de Borja, fixo a petición para elevar a catedral valentina ao rango de Metropolitana, categoría que lle foi outorgada polo papa Inocencio VIII no 1492.
Historia
[editar | editar a fonte]A estrutura principal da Catedral de Valencia alzouse entre os séculos XIII e XV, razón pola que é principalmente de estilo gótico. Con todo, a súa construción prolongouse durante séculos, de feito en Valencia dise a frase "Això és més llarg que l’obra de la Seu" razón pola cal hai unha mestura de estilos artísticos e que a converten nunha xoia da arquitectura universal.
Para levantala empregouse material das veciñas canteiras de Burjassot e Godella, pero tamén doutros máis afastadas como as de Benidorm e Xàbia, de onde chegaron en barco.
Outras razóns que explican a sinxeleza e sobriedade da catedral de Valencia son que foi construída con celeridade para marcar o territorio cristián fronte ao musulmán, e que non foi unha obra suntuaria de ningún monarca, senón unha construción eminentemente cidadá sufragada pola burguesía local.[1]
Evolución construtiva
[editar | editar a fonte]Aínda que o percorrido polo interior da catedral é moi rico e lévanos duns estilos a outros case sen solución de continuidade, trátase basicamente dun edificio de planta gótica de tres naves con cruceiro cuberto con ciborio, deambulatorio e ábsida poligonal.
A catedral, que se ía facendo a medida que a mesquita derrubábase, contaba xa ao final do século XIII co deambulatorio coas súas oito capelas e coa porta románica da Almoina, situada no brazo oriental do cruceiro. Entre 1300 e 1350 pechouse o transepto ou cruceiro polo seu lado oeste coa construción da porta gótica dos Apóstolos. Tamén se construíron tres tramos das tres naves, unha central e dous laterais, e iniciouse o ciborio.
A antiga Sala Capitular (hoxe Capella del Sant Calze) (1356-1369), onde se reunían os clérigos para deliberar os asuntos internos, e a torre campanario do Micalet (1381-1425) levantáronse inicialmente separadas do resto da igrexa, pero en 1459 os mestres Francesc Baldomar e Pere Comte iniciaron a ampliación das naves da catedral nun tramo máis, coñecido como Arcada Nova ou Arcada da Seu, e unírona definitivamente tanto coa sala capitular como co Micalet. Dende aquel momento a catedral mide 94 metros de longo por 53,65 de ancho no transepto.
Os séculos do renacemento (XV-XVI) influíron pouco na xa consolidada arquitectura pero moito na decoración pictórica, como a do altar maior, e escultórica, como a da capela da Resurrección. Da etapa barroca destaca que en 1703 o alemán Konrad Rudolf proxectou e iniciou a porta principal da catedral, coñecida como dos Ferros pola reixa que a rodea. Por mor da Guerra de Sucesión non a puido acabar, e foron principalmente os escultores Francesc Vergara e Ignasi Vergara os que o fixeron. Ao ser a súa planta curva, o paramento cóncavo que orixina creaba un singular e estudado efecto de perspectiva, desvirtuado durante o século XX a causa da derriba dos edificios adxacentes (antiga rúa de Zaragoza) para ampliar a praza da Raíña.
Dende o último terzo do século XVIII púxose en marcha un proxecto de renovación do edificio, cuxa intención era dotalo dun aspecto neoclásico homoxéneo, escapando do estilo gótico que entón era considerado obra de bárbaros. A obra comezou o 1774 e correu a cargo do arquitecto Antoni Gilabert Fornés. A remodelación afectou tanto a elementos construtivos como ornamentais: os pináculos exteriores do templo foron eliminados, as azoteas ocultas por tellados, e a estrutura gótica enmascarada por estucos, dourados e outros elementos pseudoclásicos.
No 1931 foi declarada Monumento Histórico-Artístico, pero durante a Guerra Civil foi incendiada, razón pola que se perderon parte dos seus elementos artísticos. O coro, situado na parte central, foi desmontado en 1940 e trasladado ao fondo do altar maior. Os órganos, que sufriran importantes danos durante o conflito bélico, non foron reconstruídos.
Así mesmo en 1970 as chamadas Casas dos Canonges (Casas dos Cóengos), construcións encastadas nas capelas exteriores na rúa do Micalet, foron derrubadas para devolver á catedral o seu aspecto anterior, ao mesmo tempo que a alixeiraban de elementos de escaso ou nulo valor arquitectónico.
En 1972 emprendeuse a tarefa de repristinación da catedral, que significou a retirada de case todos os elementos clásicos, para recuperar o aspecto gótico orixinal. Só quedou como decoración clásica a maior parte das capelas laterais e do deambulatorio, e algúns elementos puntuais, como as esculturas sobre as cunchas do ciborio.
Na actualidade presenta, despois de varias limpezas, un bo estado de conservación, especialmente despois da exposición levada a cabo o 1999 co nome a Luz das Imaxes [1]. O templo está declarado Ben de Interese Cultural por parte do Consello da Generalitat Valenciana.
Elementos senlleiros da catedral
[editar | editar a fonte]Entre os elementos senlleiros hai que destacar, polo que respecta no exterior do templo:
- A porta oriental, chamada de l'Almoina e de estilo románico (s. XIII)
- A pequena capela setentrional, chamada de Sant Jordi, onde se celebrou a primeira misa (s. XIII)
- A arcada noroccidental, chamada Obra Nova e de estilo renacentista italiano (s. XVI)
- A porta occidental, chamada dos Apóstolos e de estilo gótico francés (s. XIV)
- O campanario, chamado o Micalet e de estilo gótico catalán (s.XIV)
- A porta meridional, chamada dos Ferros e de estilo barroco italiano (s. XVIII)
Polo que respecta no interior do templo hai que destacar:
- O ciborio, marabilla do gótico francés (s. XIV), tanto visto desde dentro como desde fóra
- A antiga sala capitular ou Capela do Santo Cáliz, de estilo gótico tardío (segunda metade s. XIV)
- O deambulatorio, de estilo gótico catalán (s.XIII), maiormente recuberta de decoración neoclásica (s. XVIII)
- O altar maior ou presbiterio, decorado con pinturas renacentistas (s. XV) e engadidos posteriores barrocos (s. XVII)
- A nave principal e as laterais, de estilo gótico catalán (S. XIII-XIV)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sanchis Guarner, Manuel, págs. 96-98.