Maternidade de Elna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maternidade de Elna
Edificio
LocalizaciónElna (Francia)
Coordenadas42°36′15″N 2°57′19″L / 42.6042, 2.9552Coordenadas: 42°36′15″N 2°57′19″L / 42.6042, 2.9552
Construción
Inicio1939
editar datos en Wikidata ]

A Maternidade de Elna, tamén coñecida como Maternidade Suíza (en francés Maternité Suisse d'Elne), foi unha institución fundada en 1939 pola enfermeira suíza Elisabeth Eidenbenz na comuna francesa de Elna, que permitiu o nacemento de 597 criaturas cuxas nais, refuxiadas da Guerra Civil Española, foron internadas en campos de concentración do sueste de Francia. Tamén fixo o propio con 200 criaturas máis, fillas de xudías perseguidas polo nazismo, durante a Segunda Guerra Mundial. Foi pechada pola Gestapo en 1944, despois de axudar a dar a luz a 597 bebés.

Localización[editar | editar a fonte]

Elna é un concello francés situado no departamento dos Pireneos Orientais, na rexión de Languedoc-Rosellón. Tiña 6.410 habitantes en 1999. A maternidade instalouse a uns 7 km do campo de concentración de Argelès-sur-Mer nunha mansión abandonada nos arredores da cidade, o castelo de Bardou.

Refuxiados españois[editar | editar a fonte]

Vista do Château d'En Bardou, onde estaba situada a Maternidade de Elna. Construído en 1900, a súa restauración custou 30 000 CHF en 1939. No ano 2004 o concello adquiriuno para a súa conservación. A fotografía é de 2005.

Coa caída de Barcelona, último bastión republicano importante, en xaneiro de 1939, produciuse a maior diáspora da historia española, cando medio millón de persoas refuxiadas buscaron escapar a Francia como única salvación. Ante a presión da opinión pública internacional, o xefe do goberno, Édouard Daladier, autorizou o 5 de febreiro o paso de refuxiados a territorio francés. A fuxida realizouse principalmente polos pasos fronteirizos de Irún, La Junquera e Portbou, de onde saíron centos de miles de persoas, ademais dos restos do goberno republicano e da 130 Brigada Mixta do Exército Popular Español. Ata o 15 de febreiro de 1939 entraron oficialmente no departamento francés dos Pireneos Orientais (que entón tiña uns 230.000 habitantes), un total de 353.107 persoas, na súa maioría a pé: familias enteiras con todas as súas pertenzas que non tiveran posibilidade de fuxir doutro xeito, militares que loitaran na Fronte do Ebro e membros das Brigadas Internacionais que, por motivos políticos, non puideron regresar ao seu país de orixe.[1]Cando as autoridades francesas comprobaron a magnitude do éxodo, a catástrofe humanitaria xa era inevitable. Poucas semanas antes do remate da guerra, o "informe Valière", elaborado a petición do Goberno francés, estimaba, o 9 de marzo de 1939, a presenza duns 440.000 refuxiados en Francia, dos cales 170.000 eran mulleres, nenos e anciáns, 220.000 militares e milicianos, 40.000 persoas eivadas e 10.000 feridas. [2]

O goberno francés, impotente ante a situación, decidiu conducir aos exiliados da zona este cara ás praias de Argelès-sur-Mer, a 35 km da fronteira. Foron situados sobre a mesma praia, e a zona cercouse con arame de espino. Custodiábanlles tropas coloniais, marroquís e senegaleses, e algúns xendarmes. A situación tornouse caótica: non había campamentos de barracas, letrinas, cociña, enfermaría nin sequera electricidade, e comezaron a multiplicarse os casos de disentería. As persoas enfermas e feridas colapsaron os hospitais da rexión, e establecéronse dous campos próximos: Saint-Cyprien e Barcarès.

As condicións destes campos fixeron que as posibilidades de supervivencia dun recente nado fosen practicamente nulas, ademais de significar o parto un gran perigo para as nais. A mortalidade dos recentemente nados nos campos franceses superaba o 90 %.[3]

Elizabeth Eidenbenz[editar | editar a fonte]

Elisabeth Eidenbenz en 1941.

Elizabeth Eidenbenz foi unha mestra suíza que chegou a Madrid, con 24 anos, o 24 de abril de 1937 como enfermeira voluntaria da Asociación de Axuda aos Nenos da Guerra para axudar a nais e nenos durante a Guerra Civil Española, formando parte dun cargamento de axuda humana e material. Cando se produciu a caída da república, trasladouse cos refuxiados ao sueste de Francia, onde a maioría foron internados. Alí dedicouse a buscar e recoller mulleres embarazadas dos campos de internamento establecidos polos franceses.[3] Xestionou coas autoridades francesas os permisos necesarios e negociou os protocolos de actuación do persoal de maternidade dos campamentos. A súa actuación tivo lugar no Campo de concentración de Argelès-sur-Mer e nos de Saint-Cyprien e Rivesaltes.

Nun primeiro momento a maternidade instalouse nun edificio de Brouilla, que axiña quedou demasiado pequeno.

A maternidade[editar | editar a fonte]

Imaxe artística do lado sur da Maternidade, onde hai unha impoñente terraza. O edificio foi adquirido nos anos 90 por un artesán do vidro, e no ano 2004 polo concello.

Despois de buscar un lugar axeitado, Elizabeth Eidenbenz conseguiu establecesr a maternidade nunha mansión de tres pisos semiabandonada nos arredores de Elna, na estrada de Montescot: o castelo de Bardou, construído en 1900. A súa restauración custou 30.000 francos suízos, que a asociación aportou. O primeiro neno naceu o 7 de decembro de 1939.[3]

O centro utilizou os corredores sanitarios da Cruz Vermella Internacional para a subministración. Consistían principalmente en leite condensado e en po, chocolate, queixo, conservas, fariña, azucre e arroz, ademais de biberóns e medicamentos. O resto do material procedía de recollidas e axuda humanitaria. Ademais, a escola de enfermaría suíza enviaba dous ou tres profesionais cada seis meses. O resto das actividades encargáronse de voluntarias e refuxiadas dos campamentos. De media, asistiuse a 20 partos ao mes.

Tiña 50 camas, distribuídas en cuartos de entre catro e oito camas cada un. A maioría destas salas levaban o nome de cidades españolas: Barcelona, Bilbao, Madrid, Santander, Sevilla e Zaragoza. Tamén houbo outros cos nomes de Suíza, Polonia, Marrocos e París. A sala de partos era unha pequena habitación branca cunha cama, unha mesa, un lavabo e un armario para os utensilios da matrona. [4]

Debido ás dificultades, a asociación fusionouse coa Cruz Vermella en xaneiro de 1942.

Segunda Guerra Mundial e peche[editar | editar a fonte]

Desde o estalido da Segunda Guerra Mundial, a maternidade tamén comezou a acoller a nais xudías que fuxían da persecución nazi. Alí naceron unhas 200 nenas e nenos xudeus. Os alemáns ocuparon o sur de Francia en novembro de 1942 e comezaron a súa procura para deportalos a campos de exterminio. Este afán de ocultar e salvar xudeus provocou que a Gestapo realizase frecuentes visitas e inspeccións na maternidade, ante a oposición do seu director, que culminou co peche da maternidade por parte do exército alemán na Semana Santa de 1944.[3]

O edificio estivo abandonado ata que un artesán do vidro o adquiriu nos anos 90 para establecer alí o seu taller. Alí coñeceu por casualidade en 2001 a Guy Eckstein, de orixe xudía, que era un dos nenos nacidos na maternidade, e quen lle explicou a historia do edificio, descoñecida para el. Xuntos decidiron buscar a Elisabeth Eidenbenz e, en 2002, a historia -perdida no esquecemento- saíu á luz cando o concello decidiu renderlle unha homenaxe institucional á antiga enfermeira. Desde entón, foronlle concedidas varias distincións internacionais.[5]

Ese ano colocouse no lugar unha placa coa inscrición, en francés:

Este lugar, no que estivo a Maternidade Suiza de Elna de 1939 a 1944, viu nacer a 597 nenos e nenas. Dirixido por Elisabeth Eidenbenz baixo o patrocinio da "Seguridade a os nenos da Cruz Vermella Suiza".
As nais, vítimas inocentes da Retirada e de Segunda Guerra Mundial, estiveron internadas nos campos de Argelès, Saint-Cyprien y Rivesaltes.
Elna, 23 de marzo de 2002

O 14 de xullo de 2004, o concello da localidade, cuxo alcalde, Nicolás García, era neto de refuxiados españois, anunciou a adquisición da maternidade, co fin de conservar a súa memoria.

Elisabeth Eidenbenz foi galardoada coa Medalla dos Xustos entre as Nacións (2002), outorgada polo estado de Israel, a Cruz de Ouro da Orde Civil da Solidariedade Social (2006), outorgada pola Raíña Sofía de España, a Cruz de San Xurxo (2006), da Generalitat de Cataluña, e da Lexión de Honra (2007), do goberno francés .

A maternidade na literatura e no cine[editar | editar a fonte]

A historiadora Assumpta Montellà escribiu en 2006 o libro La maternitat d'Elna. Bressols dels exiliats polo que viaxou a Austria e coñeceu persoalmente a Elizabeth Eidenbenz.

En 2007 publicouse Una Cita en Arles da escritora María Luisa Prada, unha obra de ficción onde unha parte da obra se dedica a explicar como funcionaba a institución. En 2008 publicouse Femmes en exil, meres des camps de Tristan Castanier i Palau , co subtítulo Elisabeth Eidenbenz et la maternité suisse d'Elne, orixinalmente en francés. Tamén en 2008 a Editorial Grijalbo publicou Los hillos de Elisabeth, unha novela de Hélène Legrais que combina a ficción coa historia.

En 2007, o director Manuel Huerga iniciou o proxecto de rodaxe da película Las Madres de Elna, baseada no libro de Montellà.

En 2017 Silvia Quer dirixiu a telefilme La luz de Elna ambientada nos últimos anos da maternidade.

En 2019, a escritora chilena Isabel Allende publicou o libro Largo petalo de mar, onde incorpora a Elisabeth Eidenbenz como un dos seus personaxes e introduce fitos da súa biografía, como a creación da Maternidade de Elna, como parte da novela.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Montellà, Assumpta, La maternidad de Elna. Cuna de los exiliados. Editorial Ara Llibres, 2006. ISBN 978-84-96201-43-9

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]