Manuel Rico Prieto
Manuel Rico Prieto | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1889 |
Lugar de nacemento | Mondoñedo |
Falecemento | 18 de outubro de 1964 |
Lugar de falecemento | Mondoñedo |
Nacionalidade | España |
Ocupación | presbítero e escritor |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel Rico Prieto, nado en Mondoñedo[1] o 12 de xaneiro de 1889 e finado na mesma vila o 18 de outubro de 1964, foi un relixioso e escritor galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
A súa familia materna era caseira na propiedade anexa ao mosteiro dos Picos logo de ser desamortizado en 1835. Estudou no seminario de Mondoñedo, e en febreiro de 1913 recibiu as ordes menores e foi nomeado subdiácono[2]. En marzo dese ano foi nomeado diácono, e o 20 de decembro de 1913 foi ordenado sacerdote polo bispo Juan José Solís Fernández. En 1925 era capelán da SIC de Mondoñedo, e en 1933 Secretario da Xunta de Irmáns da VOT da mesma vila. En 1937 o capelán provincial de Falange Española de las JONS nomeou capelán comarcal de Mondoñedo a Antonio Doural Núñez, párroco de Sasdónigas, e á súa vez este nomeou delegado o sacerdote Manuel Rico Prieto.[3] Faleceu no seu domicilio da rúa Guevara, por entón chamada rúa Marqués de Rodil.
Desde novo publicou textos de tema histórico, cultural, relixioso e político na prensa, en publicacións como El Ideal Gallego, El Heraldo Gallego, Las Riberas del Eo ("Mindonienses ilustres", 2 de outubro de 1954), Vida Gallega, Vallibria, La Noche, La Juventud, El Correo Gallego San Pedro de Mezonzo, ou El Eco de Galicia. Empregou os pseudónimos de “Diminuto” e “Así eu medre”, debido a que era baixo. Nos seus textos, a maior parte en lingua castelá, predomina o ton doutrinal e a defensa de valores políticos e relixiosos conservadores. Non obstante, o bispo Mariano Vega Mestre reprendeuno polo estilo dos seus artigos. Algunhas das súas obras de teatro foron estreadas en Santander, Valencia, Porto, San Sadurniño, O Valadouro ou Vilanova de Lourenzá, e outra foi interpretada en Sigüenza ao aire libre.
Obra[editar | editar a fonte]
- Vibraciones (prosa, 1936)
- Balsaminas (miscelánea, 1953)[4]
- O Paragüero (teatro)
- Qué Será (teatro)
- Fantasmón (teatro)
- Contra la envidia caridad (teatro)
- Esther (teatro)
- Paso a Falange (teatro)
- Yo quiero ser estrella (teatro)
- Gonzalo el poeta (teatro)
- El relevo de la guardia (teatro)
- Caridad la cubana (teatro)
- Piénsalo bien (teatro)
- La pecadora Magdalón (teatro, 1953)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ García Doural, A. (20 de outubro de 2018). "D. Manuel Rico Prieto". Miscelánea Mindoniense.
- ↑ Boletín Eclesiástico del Obispado de Mondoñedo, nº5, 20 de febreiro de 1913, páx. 16.
- ↑ El Progreso, 7 de marzo de 1937, páx. 4.
- ↑ Reigosa Carreiras, A. (30 de xuño de 2015). "Balsaminas". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2019. Consultado o 28 de agosto de 2019.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Couceiro Freijomil, A. (1954). "RICO PRIETO, Manuel". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 184.