Apareceu a finais de novembro de 1913, tralo peche de Heraldo de Galicia, ao que veu a substituír. Promovido por Basilio Álvarez e dirixido por Manuel Lustres Rivas, o seu redactor-xefe era Joaquín Núñez de Couto e entre os seus redactores figurou Javier Montero Mejuto ata marzo de 1914.[1] Foi un periódico de tendencia agraria, órgano de Acción Gallega. O xulgado de Ourense ditou auto de procesamento contra o director en decembro de 1913 por unha información referente á anulación do sorteo de concelleiros por Lobeira feito pola comisión provincial.[2] En 1914 o enfrontamento de Basilio Álvarez coas autoridades ourensás e co bispo Eustaquio Ilundáin fixo que El Heraldo Gallego e o seu director caeran baixo o peso das denuncias e as constantes causas xudiciais: O director foi condenado a desterro pola Audiencia provincial en xullo de 1914 por inxurias á Corporación provincial;[3] o periódico sufriu tres denuncias seguidas e foron recollidos os seus números en agosto;[4] en setembro foi xulgado o director por catro delitos de imprenta,[5] e foi condenado por dous deles;[6] ese mesmo mes o bispo de Ourense publicou unha circular prohibindo a súa lectura.[7][8] Cesou a súa publicación o 24 de outubro de 1914.[9]