Manuel Fuentes Rodríguez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de xullo de 1851 Santiago de Compostela, España |
Morte | 9 de febreiro de 1939 (87 anos) Vidán, España |
Alcalde de Santiago de Compostela | |
29 de agosto de 1923 – 1 de outubro de 1923 ← Vicente Goyanes Cedrón – Felipe Gil Casares → | |
Alcalde de Santiago de Compostela | |
15 de febreiro de 1909 – 1 de xullo de 1909 ← Pedro Pena Gamallo – Francisco Piñeiro Pérez → | |
Actividade | |
Ocupación | comerciante, político |
Familia | |
Fillos | Agustín Fuentes Míguez |
Manuel Fuentes Rodríguez, nado en Santiago de Compostela o 22 de xullo de 1851 e finado en Vidán (Santiago de Compostela) o 2 de setembro de 1939[2], foi un industrial e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo natural do xastre Benito Fuentes Fuentes (1830-1913) e de Manuela Rodríguez (?-1868), tivo un irmán e oito medio irmáns do matrimonio lexítimo do seu pai. Tras estudar bacharelato no Instituto de Santiago, seguiu o oficio paterno na xastrería Casa Fuentes, no número 6 da rúa Nova, oficio que foi marxinando en favor dunha crecente presenza pública, debido a súa desafogada posición económica. Neste sentido, foi socio do Recreo Artístico e Industrial de Santiago (cando menos desde 1879, sendo vicepresidente 1º en 1904[3][4]), e desde o 11 de xaneiro de 1882 exerceu de depositario da Sociedade de Socorros La Benéfica (naquel momento no Concello de Conxo), dirixida por Camilo Pintos Troncoso. Tamén, en 1890, consta a súa pertenza á Cámara de Comercio de Santiago[5].
Actividade política
[editar | editar a fonte]A carón do primeiro monterismo
[editar | editar a fonte]As súas simpatías políticas fixéronlle militar no monterismo e seguir despois ao seu sucesor político, Manuel García Prieto. En 1885 resultou elixido rexedor (concelleiro) do Concello de Santiago de Compostela, posto que exerceu entre o 1 de xullo dese ano e o 31 de outubro de 1889, en que por fin da terna foi relevado. O 1 de agosto de 1894 constituíuse en Santiago o Partido Liberal, vencellado ao monterismo, do que Fuentes resultaría elixido vogal do seu primeiro comité directivo, baixo a presidencia do Marqués de Casa Pardiñas[6]. Ata este momento Manuel Fuentes acudía ás eleccións como independente, cousa que mudou a partir de entón[7]. Novamente ocupou o mesmo cargo no Concello desde o 1 de xullo de 1895, acadando a quinta tenencia de alcaldía xusto dous anos despois, e a cuarta tenencia de alcaldía o 1 de xaneiro de 1902[8] ata que abandonou o consistorio o 1 de xaneiro de 1904.
O romerodonallismo e a primeira alcaldía
[editar | editar a fonte]O 1 de decembro de 1903 integrouse como vogal no comité directivo do novo Partido Liberal Democrático, dirixido en Compostela por Felipe Romero Donallo, aínda que baixo a presidencia de honra de Montero Ríos e García Prieto[9]. A súa influencia no partido, viuse desde entón minguada.
Nas eleccións locais do 12 de novembro de 1905, Fuentes resultou elixido outra vez concelleiro (por certo, o único dos 18 liberais que se declaraba monterista[7]), accedendo ao cargo o 1 de xaneiro de 1906. Neste novo consistorio, Fuentes quedou fora da repartición das tenencias de alcaldía, pese a ser un reputado membro do partido; todo debido á entrada na alcaldía da familia política do novo líder local, Romero Donallo[10]. O novo alcalde, Lino Torre Sánchez-Somoza, acabou por presentar a súa dimisión por mor da nova Lei de Descanso Dominical, así que o tenente de alcalde, Pedro Pena Gamallo, foi quen ocupou a alcaldía. Pero, Pena deixou o posto moi cedo, todo o que puido, e o 15 de febreiro de 1909 (Ano Santo e en medio da organización da Exposición Rexional Galega) pasouna co carácter de interinidade ao 3º tenente de alcalde, o propio Manuel Fuentes, ao ter falecido poucos días antes o 2º tenente de alcalde, Manuel Pereiro Caeiro, de acordo aos artigos 52 e 119 da Lei municipal[11]. Fuentes desenvolveu o cargo de alcalde ata que o 1 de xullo tomou posesión o novo alcalde, Francisco Piñeiro Pérez.
No consistorio que iniciou a súa andaina o 1 de xaneiro de 1910, Fuentes acadou a terceira tenencia de alcaldía[12], que ocupou ata a constitución do novo concello do 1 de xaneiro de 1912, no que pasou a ser simple concelleiro[13]. Desde o 1 de xaneiro de 1914 recuperou unha tenencia de alcaldía, a terceira[14], conseguindo a segunda tenencia na seguinte corporación do 1 de xaneiro de 1916[15]. Entrementres, en xullo de 1915, faleceu a súa dona, Carmen Rin. Desde o 9 de agosto de 1916[16] ata case finalizado o mes de outubro, encargouse da alcaldía accidentalmente, debido á ausencia do alcalde Luis Blanco Rivero. Finalmente, o seu mandato como concelleiro rematou o 1 de xaneiro de 1918, logo de non resultar reelixido nas eleccións de finais do ano anterior.
Derradeira alcaldía
[editar | editar a fonte]Entre 1918 e 1920, Fuentes estivo afastado das institucións públicas, aínda que en xullo de 1919 presentouse candidato para un posto de deputado provincial da Coruña polo distrito de Padrón-Santiago. Enfrontouse polo posto a Rafael Otero Ramos e a Estanislao Pérez Artime (da facción gassetista), quen foi o que finalmente resultou elixido nas eleccións celebradas o día 6[17].
En medio dunha complicada situación política, Fuentes volveu presentarse ás eleccións municipais previstas para o 8 de febreiro de 1920. Pero, no acto de proclamación das candidaturas, que se celebrou o día 1, resultou que só se presentaba el polo 1º distrito, de xeito que polo controvertido artigo 29 da Lei electoral quedou proclamado concelleiro electo sen necesidade de acudir ás urnas[18][19]. O día 1 de abril tomou posesión da súa cadeira de concelleiro na nova corporación[20], cando contaba xa 70 anos de idade. Neste convulso mandato a cidade coñeceu ata catro alcaldes, sendo os primeiros Máximo de la Riva García, o interino Víctor García Ferreiro e o catedrático Vicente Goyanes Cedrón. O 25 de agosto de 1923, o alcalde Goyanes presentou a súa dimisión, argüíndo razóns de saúde e de acumulación de traballo na súa cátedra de Medicina[21][22]. Foi aceptada na sesión municipal do día 29[23], asumindo o concelleiro Fuentes a nova alcaldía, aínda que levaba xa todo o mes de agosto exercéndoa accidentalmente.
Pero, este novo mandato como alcalde durou ben pouco. O 13 de setembro produciuse a caída do Goberno do país, presidido por García Prieto, tras o golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera. Era cuestión de tempo que en Santiago o mandato de Fuentes chegara a súa fin, e así sucedeu a tarde do 1º de outubro. Nas dependencias da alcaldía presentouse o Comandante Militar de Santiago, naquel momento Coronel do Rexemento de Zaragoza nº 12, Julio Rodríguez Pérez, quen tras visitar o Pazo de Raxoi decidiu a destitución de todos os concelleiros, recibindo a autoridade militar o bastón de mando[24]. Aquí rematou a actividade política de Fuentes Rodríguez, a unha avanzada idade e un amplo bagaxe de 38 anos na escena política compostelá e 28 anos e 4 meses pertencendo ás súas corporacións.
Automóviles Compostelanos S.A.
[editar | editar a fonte]En 1900 fundou, xunto a Juan García Lavandera (ou Labandeira), Juan Golpe e Cayetano Carro entre outros, a compañía Automóviles Compostelanos S.A., co obxectivo de crear unha liña de transporte entre Santiago e A Coruña, sendo elixido como xerente. Para isto adquiriuse en Francia cinco coches (ómnibuses) da casa parisiense Dion-Bouton et Cie, cunha capacidade total cada un deles para 22 pasaxeiros e 35 cabalos de potencia[25], custando cada vehículo unhas 30 mil pesetas. O 21 de xullo de 1900 se inaugurou a liña cun servizo diario á cidade herculina[26]. As cocheiras da compañía en Santiago tiñan unha superficie de 700 m² e o seu despacho de venda de billetes se encontraba nos baixos da fonda La Estrella[27], na rúa da Senra, onde antes estivera a administración da empresa El Noroeste[28]. Os coches ían a vapor e facían dúas paradas para percorrer os 66 quilómetros, en Ordes e no lugar da Ponte Lago (Carral) para tomar auga e carbón, tardando cinco horas no percorrido. Tiñan a súa saída diaria ás 7 da mañá, e nos días impares alternos engadíaselle outra saída as 11 da mañá[29]. A mecánica corría a cargo dun traballador da francesa Dion-Bouton chamado E. Collin.
Case rematando o ano, o 9 de decembro fusionou a sociedade coa tamén empresa de transportes Automóviles Gallegos, xerenciada por José María Gaspar, trasladando a sede da nova compañía (Automóviles Compostelanos y Gallegos) á desta última nos baixos da rúa de Entrecarreteras, número 1[30], sendo dirixida por ámbolos dous. Non obstante, as relacións entre os dous industriais non foron boas e, por un acta notarial de 12 de maio de 1901, Fuentes deu por disolta a compañía e requiriu a Gaspar para abandonar as instalacións da rúa de Entrecarreteras (que Gaspar tiña arrendadas ao propietario, Nicolás Fraga), cousa que rexeitou dando comezo a un longo proceso xudicial, que comezou cun requirimento de desafiuzamento que presentou Fuentes o 25 de xuño de 1901. A acción baseábase nun documento de alugueiro que Fraga tiña asinado con Fuentes, que Gaspar entendeuno como falso. O xuízo foi complicándose con causas paralelas, como a que afectou por estafa ao ex-xerente Juan García Labandeira[31], e a situación interna da compañía, con profundas desavinzas entre os socios que, por exemplo, levaron a dimisión do novo xerente, Cayetano Carro, en novembro de 1902[32]. En xaneiro de 1903 trasladáronse as oficinas para outro baixo contiguo ao anterior, xunto ao hotel Petit Christian, na actual praza de Galicia, e en febreiro desenvolveuse o xuízo por falsidade documental contra Manuel Fuentes[33], acusación da que finalmente resultou absolto. Por fin, no mes de agosto deste mesmo ano, Automóviles Compostelanos deixou de prestar o servizo entre Santiago e A Coruña[34], procedéndose á poxa dos seus coches o 2 de setembro por débedas coa contribución urbana[35]. Á poxa acudiu o industrial e inventor sadés Antonio Sanjurjo Badía, quen se fixo con todo por 6.150 pesetas[36], e aínda que algúns salientaban a incomodidade dos coches polo seu peso e recomendábanlle que non se volveran a empregar no transporte entre Santiago e Coruña[37], Sanjurjo restableceu a liña baixo o nome de La Regional. Pouco a pouco iría substituíndo os vellos coches a vapor por outros con motor de bencina, mellorando o servizo, ata que vendeu a compañía en 1918 a Evaristo Castromil[38].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou dúas veces. Coa súa primeira esposa tivo a Agustín Fuentes Míguez, que foi xuíz municipal de Santiago. A súa segunda muller foi Carmen Rin Iglesias.
Predecesor: Pedro Pena Gamallo |
Alcalde de Santiago 1909 |
Sucesor: Francisco Piñeiro Pérez |
Predecesor: Vicente Goyanes Cedrón |
Alcalde de Santiago 1923 |
Sucesor: Felipe Gil Casares |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vida Gallega, 01/6/1909, p. 17.
- ↑ Necrolóxica en El Compostelano, 2-9-1939, p. 3.
- ↑ Gaceta de Galicia, 5-1-1904, p. 3.
- ↑ El Correo de Galicia, 21-6-1904, p. 2.
- ↑ La Economía y la sociedad compostelanas a finales del siglo XIX (1992), de Xosé Manuel Pose Antelo; p. 336.
- ↑ Gaceta de Galicia, 2-8-1894, p. 2.
- ↑ 7,0 7,1 A administración local en Compostela na era monterista (2006), de Margarita Barral Martínez; p. 53.
- ↑ El Eco de Santiago, 2-1-1902, p. 2.
- ↑ El Correo de Galicia, 2-12-1903, p. 2.
- ↑ El Correo de Galicia, 4-1-1906, p. 2.
- ↑ Diario de Galicia, 16-2-1909, p. 2.
- ↑ El Eco de Santiago, 3-1-1910, p. 2.
- ↑ Diario de Galicia, 3-1-1912, p. 1.
- ↑ El Eco de Santiago, 2-1-1914, p. 2.
- ↑ El Eco de Santiago, 3-1-1916, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 9-8-1916, p. 2.
- ↑ El Noticiero Gallego, 7-7-1919, p. 3.
- ↑ El Compostelano, 2-2-1920, p. 1.
- ↑ El Eco de Santiago, 2-2-1920, p. 1.
- ↑ El Compostelano, 7-4-1920, p. 4.
- ↑ El Eco de Santiago, 25-8-1923, p. 2.
- ↑ El Eco de Santiago, 27-8-1923, p. 1.
- ↑ El Eco de Santiago, 30-8-1923, p. 2.
- ↑ El Compostelano, 1-10-1923, p. 3.
- ↑ Revista La Energía Eléctrica (Madrid), 10-4-1902 (número 7), p. 185.
- ↑ Gaceta de Galicia, 18-7-1900, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 29-7-1900, p. 3.
- ↑ La Correspondencia Gallega, 7-9-1900, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 7-9-1900, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 21-2-1903.
- ↑ La Correspondencia Gallega, 28-11-1901, p. 2.
- ↑ El Diario de Pontevedra, 11-11-1902, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 21-2-1903, pp. 1-2.
- ↑ El Áncora, 6-8-1903, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 29-8-1903, p. 3.
- ↑ La Correspondencia Gallega, 5-9-1903, p. 3.
- ↑ Gaceta de Galicia, 6-9-1903, p. 2.
- ↑ "Artigo La Industriosa, na web da Asociación Buxa.". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 25 de agosto de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barral Martínez, Margarita (2006). Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ed. A administración local en Compostela na era monterista (PDF). Monografías 05. Santiago. p. 86. ISBN 978-84-453-4402-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de novembro de 2017. Consultado o 01 de novembro de 2018.