Música do Clasicismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Música do Clasicismo
Mozart family crop.jpg e Altes AKH Vienna June 2006 583 cropped.jpg
Instrumentos típicosPiano, violín, clarinete etc.

Clasicismo é o estilo da música culta europea desenvolvido aproximadamente entre 1750 e 1820 por compositores como Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart e Ludwig van Beethoven. Coincide coa época cultural e artística (na arquitectura, a literatura e as demais artes) hoxe denominada Neoclasicismo. Tivo os seus grandes centros de difusión en Berlín, París, Mannheim e, sobre todo, Viena. Caracterízase pola claridade das texturas, a simetría das frases, a consolidación da tonalidade plena e o establecemento das formas musicais clásicas (sinfonía, sonata, cuarteto, concerto...).

Denominación[editar | editar a fonte]

Mentres que as restantes artes descubrían e copiaban nesta época os antigos modelos grecorromanos, os moi escasos restos musicais coñecidos da música da Antigüidade eran insuficientes para basearse neles, polo que o clásico é un estilo musical novo.

Estética e características xerais[editar | editar a fonte]

O século XVIII foi o da Ilustración, e a súa estética trasladouse ao estilo musical: gusto polo natural, o equilibrado e o claro; rexeitamento do artificio e o exceso de sofisticación da música barroca; imitación da natureza, en forma de estruturas simples e frases simétricas similares ás da música folclórica; na ópera, verosimilitude e proximidade ao espectador dos argumentos, e integración íntima do drama e a música.

Ademais o público da música culta estendeuse da vella aristocracia á puxante burguesía, que mercaba masivamente edicións de partituras e enchía os teatros de ópera e de concerto, o que impulsou aos compositores a achegar o seu estilo ao popular. A difusión da música aumentou e internacionalizouse, e con ela a fama dos compositores máis destacados, de modo que o estilo unificouse en toda Europa e os autores máis coñecidos fixeron frecuentes xiras polas principais capitais do continente.

Molto allegro (I) da Sinfonía núm. 40 de Mozart. Con forma sonata global, os once primeiros segundos exemplifican a típica melodía acompañada e simétrica do Clasicismo.

Como consecuencia de todo iso as características principais da música do Clasicismo son:

  • Uso da textura de melodía acompañada, consistente no predominio da voz máis aguda, que centra o interese na súa melodía, mentres o resto de instrumentos acompáñana; só en ocasións úsase a homofonía ou a polifonía imitativa. O acompañamento xa está escrito explicitamente (desuso do baixo continuo).
  • Melodías dun maior carácter cantabile e simétricas, con frases estruturadas en antecedente e consecuente (ou pregunta e resposta), que tipicamente se pechan nas harmonías de dominante e tónica, respectivamente.
  • Harmonías moi claras e funcionais, baseadas nos acordes de tónica, dominante e subdominante, que estruturan as frases e a forma musical con cadencias moi claras. O ritmo harmónico (velocidade á que cambian os acordes) adoita ser máis lento que no Barroco: é típico o acompañamento arpexado chamado baixo de Alberti no piano, ou o trémolo no acompañamento orquestral.
  • Escríbese moita máis música en modo maior (máis alegre) que en modo menor. Amplíase o campo das modulacións e úsanse tonalidades cada vez con máis alteracións.
  • Compás moi claro e rexido tamén pola harmonía.
  • Amplíase a orquestra e o seu rango dinámico. Cada vez escríbese en detalle unha maior variedade de dinámicas e articulacións, deixando menos espazo á interpretación do executante.
  • Úsanse formas estandarizadas (en particular a chamada forma sonata) pero con gran interese e variedade na estrutura interna da música. É neste período cando se definen claramente as formas e estruturas nas que se basea a música culta occidental case até os nosos días: a sonata, a sinfonía, o cuarteto e o concerto clásico.

Períodos e autores da música do Clasicismo[editar | editar a fonte]

Os estilos preclásicos[editar | editar a fonte]

A mediados do século XVIII conviviron diversas correntes musicais. O Rococó ou estilo galante, exemplificado por Johann Christian Bach fillo de Johann Sebastian Bach e coñecido como o Bach de Londres, caracterizouse polo paso das texturas complexas a melodías claras con acompañamentos sinxelos, e a creación de estruturas formais ben definidas con seccións claramente articuladas: unha fusión da claridade formal da música francesa coas innovacións harmónicas e estruturais do estilo italiano, como as do sinfonista milanés Giovanni Battista Sammartini. En Alemaña xurdiu o Empfindsamer Stil ou estilo sentimental, que buscaba a expresión directa e natural de sentimentos, e que practicaron Wilhelm Friedemann Bach e Carl Philipp Emmanuel Bach (o Bach de Berlín), fillos ambos tamén de Johann Sebastian.

Unha das figuras decisivas na fixación da forma sonata foi o compositor italiano Domenico Scarlatti. O estilo das súas obras era innovador porque utilizaba estruturas claras, e melodías con acompañamentos cada vez máis comprensibles para o oínte. Outro compositor influente foi Christoph Willibald Gluck, reformador operístico que pretendeu volver a unha fusión de música e texto, restándolle importancia á improvisación de ornamentos típica do bel canto e atendendo máis á modulación como forma de articular as escenas dramáticas.

No campo sinfónico foi fundamental a achega da Escola de Mannheim, cuxa orquestra de corte estivo na vangarda da técnica orquestral (cambios dinámicos espectaculares, introdución dos clarinetes...). A esta escola pertenceron Johann Stamitz, Franz Xaver Richter, Carl Stamitz, Franz Ignaz Beck e Christian Cannabich.

1750 a 1775[editar | editar a fonte]

Joseph Haydn, retratado por Thomas Hardy, 1792.

Para a década de 1750 as formas instrumentais como o concerto e a sinfonía (esta orixinalmente a mera abertura das óperas) gañaran a suficiente forza como para ser interpretadas independentemente da música vocal, e tiñan gran aceptación nas cortes.

O compositor do momento era Franz Joseph Haydn. Ademais de escribir sinfonías de estrutura claramente clásica, escribiu sonatas para pianoforte, o novo instrumento de teclado en plena fase de perfeccionamento e que permitía maiores capacidades expresivas. Foi considerado tamén o gran creador do cuarteto de corda, pois as súas obras para esta formación, de gran refinamento melódico e harmónico, deron unha importancia similar ós catro instrumentos e fixaron a forma, o que contribuíu a que o cuarteto queda establecido até os nosos días.

Cara a 1770 xurdiu o estilo chamado Sturm und Drang, inspirado nunha especie de protorromanticismo literario do mesmo nome que podemos exemplificar no Werther de Goethe, e que en música produciu obras sinfónicas de ambiente tráxico e apaixonado, case todas en modo menor, como algunhas sinfonías de Haydn e C.P.E. Bach.

1775 a 1820[editar | editar a fonte]

Wolfgang Amadeus Mozart, en retrato póstumo de Barbara Krafft, 1819.

O centro de gravidade da música europea situouse en Viena, onde un novo compositor comeza a revolucionar a ópera e o concerto: Wolfgang Amadeus Mozart. Aínda que se baseou nas achegas de Haydn, Mozart prefería melodías máis cantables, ao estilo italiano. Ademais nas súas obras aprécianse máis cromatismos e outras modificacións harmónicas. En canto á instrumentación, utiliza máis variedade de instrumentos, en ricas combinacións tímbricas.

Na década de 1780 Muzio Clementi adquire prestixio coas súas sonatas e estudos para piano. Este compositor incentivou a extensión da tesitura do instrumento, entre outras modificacións que brindaron novas posibilidades. Similar papel xogou para o Violoncello Luigi Boccherini, italiano afincado en España.

Beethoven e o paso ao Romanticismo[editar | editar a fonte]

Unha nova xeración de compositores formada por Johann Nepomuk Hummel, Luigi Cherubini, Gaspare Spontini, Gioachino Rossini e Ludwig van Beethoven comezou a cobrar importancia. Formalmente, a sección de desenvolvemento da forma sonata fíxose cada vez máis complexa. Tamén se complicaron os acompañamentos para crear texturas máis ricas, e a harmonía volveuse máis flexible e elaborada. O piano ocupou un lugar central. Beethoven foi o que produciu os cambios máis profundos no estilo e por iso é considerado o responsable da transición cara ao período romántico. As súas principais achegas foron as innovacións harmónicas, e a procura dunha maior expresividade. Tamén foi un pioneiro en canto á orquestración das súas sinfonías, xa que utilizou moitos instrumentos que non formaban parte da orquestra e isto impulsou a ampliación da mesma.

As formas musicais do Clasicismo[editar | editar a fonte]

Neste período establécense as principais formas musicais vixentes até entrado o século XX, e as estruturas que as rexen; entre estas estruturas destácase a chamada forma sonata, desenvolvida nos primeiros movementos da maioría das formas musicais do momento (sonata propiamente dita, cuarteto, sinfonía, concerto, etc.).

Formas instrumentais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sonata.

As formas instrumentais do Clasicismo reciben o seu nome segundo o conxunto ao que están destinadas:

  • A sonata está escrita para un instrumento solista (xeralmente o piano), ou ben para piano e un segundo instrumento (violín, frauta, etc.).
  • O trío, o cuarteto, o quinteto... denominan a obras escritas respectivamente para tres, catro, cinco... instrumentos. Entre estas combinacións quedan fixadas algúns modelos, como a do cuarteto de corda ou o quinteto de vento.
  • A serenata, o divertimento e a casación adoitan estar escritas para un conxunto de tamaño medio (pequena orquestra de cordas, banda de vento), para ser interpretados ao aire libre.
  • O concerto está escrito para un instrumento solista e orquestra.
  • A sinfonía é unha obra escrita para orquestra sinfónica.

Todas estas obras son estruturadas de modo similar, tomando como modelo a sonata. Ten esta tres ou catro movementos:

  • No primeiro séguese un esquema con tres partes: primeiro unha exposición na que o compositor nos presenta dous temas, un enérxico, na tonalidade principal, e outro máis melódico, na dominante ou o relativo maior. En segundo lugar, o desenvolvemento, no que se establece un conflito entre os dous temas, que son fragmentados, transportados, variados... Finalmente a reexposición, na que a tensión harmónica resólvese ao volver escoitarse os temas iniciais na mesma tonalidade.
  • O segundo movemento, lento, adoita ser máis melodioso, utilizándose a forma lied, de estrutura ternaria e carácter lírico.
  • O terceiro movemento ten un carácter máis desenfadado, xeralmente en forma de minueto, danza de orixe francesa, ou de scherzo (no caso de Beethoven).
  • No cuarto movemento adóptase case sempre a forma rondó, que alterna un tema principal a modo de refrán, na tonalidade principal, con episodios noutros tons.

Na sonata propiamente dita os compositores adoitaban prescindir ás veces dalgún dos catro movementos canónicos, á súa elección. O concerto nunca ten minueto, quedando por tanto estruturado sempre en só tres movementos. Os divertimentos e serenatas, pola contra, adoitaban ampliar a secuencia habitual con algún movemento suplementario.

Aínda que a maioría dos instrumentos sinfónicos xa existían desde o Barroco, moitos deles cambian e adáptanse aos novos requirimentos estilísticos e de composición da época: así, os de vento aumentan o número de buracos e chaves para adaptarse ás tonalidades con moitas alteracións. Algúns instrumentos que xorden neste período son o pianoforte, o arpeggione e o clarinete, mentres perden vixencia case até a súa extinción a viola da gamba, o clavicordio, a frauta doce (que volverá renacer no século XX), o baixón e o laúde, entre outros. O fortepiano impúxose sobre a clave de tal forma que pasou a ocupar un lugar central na música de cámara e mesmo nos concertos solistas.

Este é un período chave tamén para a orquestra porque se configura a orquestra sinfónica como tal, por influencia de Mozart, Haydn e a escola de Mannheim. Da orquestra de cámara herdada do Barroco mantense a sección de cordas como base, aínda que esta é ampliada en número e adoita complementarse con polo menos un par de óboes e de trompas. Ao avanzar o século queda fixada a sección de instrumentos de madeira a dúas: dúas frautas traveseiras, dous óboes, dous clarinetes e dous fagots. A sección de metal adoitaba incluír entre dúas e catro trompas, dúas trompetas (con timbais) e, ocasionalmente, un ou varios trombóns. Abandónase a práctica do baixo continuo, e con iso o clavecín na orquestra, salvo para os recitativos operísticos.

As formas vocais[editar | editar a fonte]

Manuscrito do Réquiem de Mozart: inicio do Lacrimosa.

A ópera[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Ópera e Historia da ópera.

Xa desde comezos do século XVIII converteuse nun fastuoso espectáculo de corte, a través do cal os monarcas e aristócratas exhibían o seu esplendor. Os temas referíanse á mitoloxía e á historia antiga e representaban grandes traxedias heroicas, montadas con gran aparello: era a chamada ópera seria, cantada en italiano.

Pola contra, as clases sociais menos favorecidas contaban co seu propio teatro musical, a ópera bufa, pequenas actuacións satírico-burlescas. De breve duración e argumento simple, recorren á expresión directa en linguaxe coloquial e sérvense de dúas ou tres personaxes soamente, reducindo ao máximo os elementos musicais, nos que desde logo están ausentes os coros e cobra a maior importancia a melodía popular de fácil construción. A ópera bufa gañou importancia e nivel artístico durante o Clasicismo, e apareceron ademais versións nacionais, escritas na lingua local e con diálogos en lugar de recitativos, como o singspiel en Alemaña, a ballad opera en Inglaterra, a zarzuela en España e a opéra-comique en Francia.

A música relixiosa[editar | editar a fonte]

Un gran número de compositores seguiu adscrito ao servizo da Igrexa, e continuaron escribindo por tanto formas relixiosas como a misa e o motete, en xeral para orquestra, coro e solistas, e nun estilo deliberadamente arcaico. Un exemplo moi coñecido deste xénero é o Réquiem de Mozart.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rosen, Charles (2009). El estilo clásico: Haydn, Mozart, Beethoven. Madrid: Alianza Música. ISBN 8420685291. 
  • de la Motte, Diether (1998). Tratado de armonía. Barcelona: Idea Books. ISBN 84-8236-105-8. 
  • Downs, Phillip G. (1998). La música clásica. La era de Haydn, Mozart y Beethoven. Akal Música. ISBN 978-84-460-0734-0. 
  • Grout, D.J.; et al. (1993). Historia de la música occidental. (Dous tomos). Madrid: Alianza Música. ISBN 9788420664910 - ISBN 9788420664927. 
  • Michels, Ulrich (1982). Atlas de Música. (Dous tomos). Madrid: Alianza Atlas. ISBN 84-206-6999-7. 
  • Alsina, Pep; Frederic Sesé (1994). La música y su evolución (1ra ed.). Editorial Graó. ISBN 84-7827-110-4. 
  • Robertson, A. Historia general de la música III. España: Editorial Istmo S.A. ISBN 84-7090-036-6. 
  • Suárez Urtubey, Pola (2004). Historia de la música. Claridad. ISBN 950-620-155-2. 
  • Honolka, Kurt; Reinhand, Kurt; Stäblein, Bruno; Enge, Hans; Netil, Paul (2005). Edaf, ed. Historia de la música. Madrid. ISBN 978-84-7166-198-2.