Luís Noya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Luís Noya
Nacementooutubro de 1932
 A Guarda
Falecemento16 de agosto de 2006
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
PaiXoán Noya
editar datos en Wikidata ]

Luís Noya Domínguez, nado na Guarda en outubro de 1932 e morto en Vigo o 16 de agosto de 2006, foi un impresor galego emigrante en Venezuela e vencellado á resistencia antifranquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A emigración[editar | editar a fonte]

Era fillo de Xoán Noya, tenente alcalde da Guarda cando aconteceu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, sindicalista, xornalista e activo integrante do Partido Galeguista. Ao pouco do remate da guerra, nun clima de represión, Xoán Noya marchou para Venezuela cos seus dous fillos, Luís e Óscar.

En Venezuela participou da vida do republicano e galeguista Lar Gallego que se fundara en 1945 pouco tempo despois da Eusko-Etxea de Caracas. Tamén participou na fundación da Irmandade Galega de Venezuela o 12 de outubro de 1960. Alí na emigración tivo contacto con diversos intelectuais galegos, como Pura Vázquez ou Celso Emilio Ferreiro, así coma co partido comunista.

Futbolista de vocación, no país suramericano organizou e participou do fútbol entre as comunidades inmigrantes e chegou a xogar como profesional deste deporte, minoritario en Venezuela.

O Santa María[editar | editar a fonte]

A volta definitiva de Luís Noya a Galiza produciuse en 1961, a bordo do barco portugués Santa María. Ao pouco de saír de Caracas o barco foi secuestrado por un comando formado por galegos e portugueses, o DRIL. Nese comando estaban dous coñecidos seus, Xosé Velo e o comandante Soutomaior. A Luís Noya débese a única filmación existente do secuestro, filmación que tomou coa súa pequena cámara e que agochou ao chegar a Canarias para que non fora confiscada polas autoridades franquistas.

A volta[editar | editar a fonte]

Ao volver da emigración, Luís Noya púxose a traballar a carón do pai para sacar adiante a imprenta familiar Gráficas Numen, de Vigo. A empresa foi moi importante no tecido da resistencia antifranquista, producindo diversos materiais e folletos vencellados a grupos comunistas e galeguistas, así como diversos libros en galego. Nos locais da imprenta consérvase a minerva coa que se estampaba en Ourense o xornal agrarista La Zarpa. Polo seu labor editorial recibiu o premio Xerais de apoio á edición literaria.

Durante as últimas décadas do franquismo militou activamente no PCE e en diversos movementos solidarios, e apoiou o Comité Galego Bolivariano de Solidariedade, de tendencia chavista.

O 19 de agosto de 2006 espallaron as súas cinzas na súa vila da Guarda, ao son do himno galego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]