Canción de Harmodio e Aristoxitón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Canción de Harmodio e Aristoxitón é un poema da Antiga Grecia de cronoloxía indeterminada. Atribúese a un poeta chamado Calístrato, do que non se coñecen máis datos. Trátase dun tipo de composición chamado escolia ou escolio, que era un canto que se entoaba nos banquetes e que era acompañado pola cítara. A Canción de Harmodio e Aristoxitón, en concreto, foi tremendamente popular posto que se dicía que se cantaba en todos os banquetes.

Tema[editar | editar a fonte]

O tema do poema é a exaltación de Harmodio e Aristoxitón, dous personaxes históricos que asasinaron ao tirano Hiparco de Atenas e por iso foron chamados tiranicidas. O poema encomia a súa acción e os equipara a heroes da mitoloxía grega ao situalos nas Illas dos Benaventurados.

Cronoloxía e unidade do poema[editar | editar a fonte]

O texto tradicional desta obra conservouse grazas a Ateneo, que transmitiu os versos na súa obra Banquete dos eruditos. Con todo diversos especialistas móstranse contrarios á unidade deste poema posto que a presenza nel de repeticións ou ritornellos fai supoñer que podería tratarse de varias versións do mesmo poema. Ademais, Aristófanes tamén transmite un verso que se supón que é o inicio dunha estrofa non conservada.

Xamais houbo home ningún en Atenas...
Aristófanes, Avespas, 1224

.

Existe xa que logo debate en torno á data de composición da oda; hai quen a sitúa en torno ao ano -476, data na cal se erixiron na ágora de Atenas dúas estatuas dos tiranicidas. Outros, con todo, cren que o poema sería xa composto en época de Clístenes, xa que nesa época se instituíu un culto no seu honor. Por todo isto, os estudosos supoñen que houbo unha versión do poema máis antiga, en forma de dístico, que non se conservou e da que dependen os versos que Ateneo transmite.

Influencias posteriores[editar | editar a fonte]

O poema tamén é citado e reproducido en A viaxe do novo Anacarsis a Grecia de Jean-Jacques Barthélemy. Edgar Allan Poe tamén compuxo un poema baseado nel.

Notas[editar | editar a fonte]