Saltar ao contido

Libélula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Libélulas
Rango fósil: Triásico - actualidade

Exemplar macho da libélula Aeshna cyanea.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Superclase: Hexapoda
Clase: Insecta
Orde: Odonata
Fabricuis, 1793
Subordes, Superfamilias e Familias
Véxase o texto

As libélulas son uns insectos carnívoros que pertencen á orde dos odonatos (Odonata). Esta orde inclúe, entre outras especies, as libélulas[1] e cabalos do demo.[2]

O grupo apareceu na Terra durante o Triásico.

Características

[editar | editar a fonte]

As características distintivas das libélulas son as seguintes:

  • Corpo fusiforme, co abdome moi alongado.
  • Ollos compostos, constituídos por milleiros de facetas (ata 30 000), que lles confiren un campo visual de 360º.
  • Dous pares de ás semitransparentes.
  • Teñen entre 2 e 19 cm de envergadura.
  • As especies máis rápidas poden voar a velocidades de cerca de 85 km/h.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Este grupo ten unha distribución mundial e ten preferencia por hábitats nas inmediacións de cursos de auga estancada (pozas ou lagos temporais), zonas pantanosas ou preto de ribeiras e regatos.

As libélulas son predadoras, alimentándose doutros insectos, como mosquitos e moscas. As larvas de libélula (no estadio de ninfa) son acuáticas, carnívoras e extremadamente agresivas, e poden alimentarse non só de insectos senón tamén de peixes xuvenís.

Non teñen a capacidade de picar, porque as súas mandíbulas están adaptadas á mastigación. Dentro do seu ecosistema, son bastante útiles no control das poboacións de mosquitos e das súas outras presas, prestando así un servizo importante ao ser humano.

As libélulas adultas cazan baseándose no seu sentido da visión, extremadamente agudo.

O grupo xurdiu no Triásico,[3] sendo bastante abundantes no período Carbonífero, e conserva ata hoxe as mesmas características xerais. As maiores libélulas de sempre pertencen ao xénero Meganeura, que floreceu no Permiano e podían atinxir envergaduras de 70 a 75 cm.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A orde foi descrita en 1793 polo naturalista, entomólogo e economista danés Johan Christian Fabricius (1745-1808).[4]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Nome científico

[editar | editar a fonte]

Fabricius cuñou o termo Odonata unindo o elemento odon-, derivado da palabra do grego antigo οδούς, οδόντoς odoús, odontos, "dente", coa forma sufixa do latín científico -ata, indicando substantivo neutro plural, porque aparentemente estes animais teñen dentes nas súas mandíbulas (aínda que a maioría dos insectos tamén teñen mandíbulas dentadas).[5][6]

Nome vulgar

[editar | editar a fonte]

Libélula vén do latín libellula, palabra coa que os antigos romanos designaban a estes animais. A palabra é un diminutivo de libella, "o nivel da balanza" que, á súa vez, é un diminutivo de libra, "balanza" (e tamén o nome da unidade de peso equivalente a 12 onzas). Segundo parece, estes insectos deben o seu nome á súa capacidade de permaneceren suspendidos e equilibrados no aire. O termo foi introducido na sistemática no século XVIII, cando Linneo creou o xénero Libellula na 10ª edición do seu Systema Naturae (1758).[7]

Clasificación

[editar | editar a fonte]
Sympetrum sanguineum.
Sympetrum vulgatum.

Orde Odonata

Nomes vulgares galegos

[editar | editar a fonte]

Os entomólogos galegos empregan diferentes nomes para distinguir os membros das distintas familias, entre eles:

Cabaliños, candís, donceliñas, emperadores, esmeraldas, gaiteiros, gaiteiriños, lavacús, libélulas (para os anisópteros), libeliñas, patexas, quitaollos e tizóns.[8][9][10][11]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Ver o artigo principal en Galería de imaxes de libélulas de Galicia
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para libélula. No dicionario da RAG considéranse anisópteros.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cabalo do demo. No dicionario da RAG considéranse zigópteros, pero tamén lle dan o significado xeral de odonatos.
  3. Hoell, H.V., Doyen, J.T. & Purcell, A.H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity, 2nd ed. Oxford University Press. pp. 320. ISBN 0-19-510033-6. 
  4. Odonata Fabricius, 1793 no ITIS.
  5. Mickel, Clarence E. (1934). "The significance of the dragonfly name "Odonata"". Annals of the Entomological Society of America 27 (3): 411–414. doi:10.1093/aesa/27.3.411. 
  6. odonata no Merriam Webster Unabridged Dictionary.
  7. Etimología de libélula en etimologias.dechile.com.
  8. Libeliñas en Odonatos de Galicia].
  9. Algúns cabaliños do demo galegos: os gaiteiros e as libeliñas.
  10. Quitaollos común. Libeliñas (Libélulas)
  11. Libélulas[Ligazón morta] en Bolboretas galegas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. McGraw-Hill-Interamericana, Madrid. ISBN 0-87893-097-3.
  • Chinery, Michael (1977): Guía de Campo de los insectos de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0469-1.
  • Cugno, Alain (2016): Libellules. Klincksieck. Col. De Natura Rerum. ISBN 978-2-252-04026-3.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]