Sistemática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A sistemática é unha área da bioloxía encargada de clasificar ás especies a partir da súa historia evolutiva (filoxenia). Ocúpase da diversidade biolóxica nun plano descritivo e nun interpretativo.[1]

A unidade fundamental da que parte toda a clasificación é a especie, aquela agrupación de seres na que todos os seus membros son quen de aparearse entre si e producir descendencia viable e fértil. Para a designación das especies utilízase a nomenclatura binomial de Linneo, consta de dúas palabras escritas en minúsculas e cursiva, a primeira delas corresponde sempre ó xénero e comeza con maiúscula e a segunda escrita na súa totalidade en minúscula corresponde á especie. Os nomes de xéneros e especies sempre van nunha tipografía diferente que o resto do texto, normalmente en itálicas para texto tipografiado e subliñados no caso dun texto escrito a man. Os biólogos e paleontólogos adoitan incluír detrás do nome completo da especie o nome da persoa que a describiu, así como o ano de publicación.

Nos anos cincuenta o entomólogo alemán Willi Hennig (fundador da cladística), suxeriu un sistema de agrupación baseado na historia evolutiva dos seres vivos (filoxénese), no que tras estudar todas as características dun grupo e excluír aquelas que non marcan o seu desenvolvemento, define unha nova agrupación, chamada clado, é necesario advertir que os trazos máis obvios e acusados non necesariamente marcan o desenvolvemento evolutivo dunha liñaxe. Esta agrupación en clados presta máis atención ós puntos en que os diversos clados se bifurcan ou separan entre si, que á agrupación por características morfolóxicas, que nalgúns casos, poderían ser secundarias e desvirtuar a lóxica no tempo do esquema arbóreo.

Isto pasa cos osos panda xigantes, taxonómicamente clasificáronse dentro dos Úrsidos (osos) ó considerar determinadas características morfolóxicas, con todo considerando a súa historia evolutiva (cladisticamente) atópanse dentro do clado ó que corresponden os mapaches, o cal obriga a revisar a súa asignación taxonómica.

Orixe[editar | editar a fonte]

Dende que a vida xurdiu nas súas formas máis sinxelas, hai aproximadamente 3.500 millóns de anos, os seres vivos fóronse diferenciando xeración tras xeración nun proceso de evolución continua. Estímase que están descritas ó redor de 2 millóns de especies viventes de animais e inférese que deben existir varios millóns máis. Se pensamos no número de especies que xorden e as extintas dende que apareceu a vida, o número total ascende extraordinariamente.

A sistemática é unha área da bioloxía que se desenvolveu primeiro dentro do campo da historia natural, abranguendo a parte descritiva e sistemática da xeoloxía. O seu método centrouse inicialmente na observación sistemática. A rápida acumulación de datos descritivos conduciu a mediados do século XVIII á revolución linneana, co estabelecemento de convenios precisos de nomenclatura e clasificación dos seres vivos, válidos con independencia da nacionalidade, a lingua ou os obxectivos precisos do investigador. Así que o sistema máis utilizado con algunhas modificacións é o "Linneano", creado polo botánico sueco Carl von Linné (1707-1778) no século XVIII.

Así como outras ciencias que se ocupan de sistemas complexos e determinados por unha historia concreta, a sistemática beneficiouse do desenvolvemento da estatística descritiva, dende finais do século XIX e moi especialmente da estatística multivariante, a mediados do XX.[2]

A diversidade de características que desprega a natureza vivente, as semellanzas e diferenzas, son o resultado da evolución e dúas causas xerais:

  1. As relacionadas coa herdanza. Todas as modificacións, por moi drásticas que sexan, como as extremidades dos vertebrados, as ás dos morcegos ou as aletas do golfiño, parten dunha mesma estrutura esquelética, que se altera só dentro de límites amplos pero insalvables.
  1. As relacionadas coa adaptación. A evolución conduce ós caracteres cara a graos maiores de adecuación para a función que os explica. É a existencia da adaptación, un dos efectos da selección natural, a que obriga á bioloxía a recorrer a fórmulas teleolóxicas nas súas explicacións.

Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]

Os organismos agrúpanse en dendrogramas. Cada póla ou nodo do dendrograma corresponde cun taxón.

Para o estudo da clasificación dos organismos xurdiu unha ciencia chamada taxonomía (da raíz grega taxis que significa ordenación). A organización que estabelece a taxonomía ten unha estrutura arbórea na que as pólas divídense á súa vez noutras e estas subdivídense noutras menores. A cada unha das pólas, xa sexan grandes ou pequenas, dende o seu nacemento até o final, incluíndo todas as súas ramificacións, denomínaselles taxón.

A taxonomía ten por obxecto agrupar ós seres vivos que presenten semellanzas entre si e que amosan diferenzas con outros seres, estas unidades clasifícanse principalmente en sete categorías xerárquicas que son, por orde decrecente dos seus niveis:

Dominio - Reino - Filo ou División (Tipo) - Clase - Orde - Familia - Xénero - Especie

Estes sete niveles ás veces non son suficientes para clasificar dun xeito claro a todos os seres vivos e é necesario nalgunhas pólas crear subdivisións intermedias, como suspendedor, suborde e super familias.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mayr & Ashlock, 1991.
  2. http://www.scribd.com/doc/7996147/11-Conocimiento-sistematico-para-la-conservacion-biologica Conocimiento sistemático para la conservación biológica