Lexislación antitabaco en España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Desde que a mediados dos anos cincuenta do pasado século se publicaron os primeiros estudos que establecían unha relación directa entre o consumo de tabaco e o cancro de pulmón, o tabaquismo comezou a considerarse un problema de saúde pública que esixía unha regulación legal dos produtos do tabaco, entendendo como tales calquera produto destinado a ser fumado, inhalado, chupado ou mastigado constituído, aínda que sexa só en parte, por tabaco.

Co paso do tempo e trala confirmación daquelas sospeitas, as organizacións sanitarias internacionais, comezando pola OMS, elaboraron propostas e acordos que recomendaban ós estados membros a adopción de medidas de control e restrición, incluíndo medidas reguladoras dentro da lexislación de cada país. En España, o nacemento da lexislación contra o tabaco data de finais da década dos setenta.

Sexa por iniciativa propia ou por imposición de directivas europeas, foron promulgándose distintas normas que, pouco a pouco, foron regulando a publicidade e a etiquetaxe, a venda e a composición dos produtos do tabaco, así como restrinxindo os espazos onde se podía fumar. O fito máis transcendente foi a promulgación da lei 28/2005, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo, coñecida popularmente como lei antitabaco, que prohibiu fumar en tódolos centros de traballo e obrigou a establecer zonas libres de fume nos lugares de lecer (bares, cafeterías e establecementos de restauración) dunha superficie superior ós 100 m2. Posteriormente, en 2010, ditouse unha modificación –lei 42/2010- que estendeu a prohibición de fumar a tódolos lugares de lecer, independentemente do seu tamaño e a calquera outro local público pechado.

Estratexias da lexislación antitabaco[editar | editar a fonte]

O consumo de tabaco comeza como unha forma de socialización, xa na infancia, que busca imita-los comportamentos dos adultos, especialmente cando estes modelos se presentan como homes e mulleres de éxito, social e económico. Co tempo, a concepción do tabaco como un dos instrumentos de socialización fortalécese. De feito, o argumento dos colectivos opostos a normativas restritivas do tabaco, como a Federación Española de Hostalaría e Restauración, vai nese mesmo sentido, relacionando directamente a actividade social da concorrencia a bares, cafeterías e restaurantes co consumo de bebidas e comidas e, simultaneamente, co consumo de tabaco. As fábricas de tabaco incidiron sempre na súa publicidade nestes argumentos: fumar como símbolo de éxito e sedución.

"En las películas de la edad dorada de Hollywood, las mujeres más hermosas sostenían cigarrillos y expulsaban despacio el humo para ser más seductoras, y los hombres para ser más viriles ... Los cigarrillos eran símbolo de la emancipación femenina, igual que las faldas y las melenas cortas y los labios pintados de rojo"

En liñas xerais, as normas legais dirixidas contra o consumo do tabaco susténtase sobre dúas estratexias:

  • Lexislación dirixida a regula-la produción, promoción e venda:
    • Limitacións e restricións na publicidade dos produtos de tabaco, na liña de desnormaliza-lo consumo.
    • Contrapublicidade mediante a inserción obrigatoria nos envases de tabaco e nos espazos onde se permite fumar de avisos de advertencia dos riscos contra a saúde derivados do consumo do tabaco.
    • Redución do contido dos compoñentes adictivos (nicotina) e nocivos (alcatrán e monóxido de carbono) presentes no tabaco [2].
    • Lexislación tributaria sobre os produtos do tabaco.
  • Lexislación dirixida a cambia-los hábitos dos fumadores e evitar ou atrasa-la indución ó consumo de tabaco:
    • Restricións na venda, tanto no número de puntos onde de permite a venda como na idade mínima para poder comprar tabaco.
    • Restrición dos espazos onde se pode fumar, que actualmente exclúen calquera espazo pechado de uso público.
    • Programas preventivos mediante campañas antitabaco (educación para a saúde).
    • Programas e tratamentos para consegui-la deshabituación do tabaquismo.

O éxito de cada unha destas medidas, calculado sobre a súa incidencia na diminución da prevalencia do hábito de fumar, é moi variable, polo que adoitan aplicarse combinadas.

Precedentes[editar | editar a fonte]

Década dos 70[editar | editar a fonte]

Os xogadores de cartas (Cezanne)
O cigarro, pracer para uns, molestia para outros e veleno para todos

A normativa tendente a combate-lo consumo de tabaco nace en España co Real Decreto 1100/1978 que regulaba a publicidade do tabaco na televisión española. Limitaba a publicidade do tabaco -e das bebidas alcohólicas- a horarios posteriores ás 21:30 horas, é dicir, fóra do horario infantil; nunca en programas dirixidos á audiencia infantil, de contido pedagóxico ou de carácter informativo promovidos pola Administración ou organismos públicos ou tutelados polo Estado. A publicidade non podería utilizar argumentos dirixidos a menores de idade nin conter alusións á eficacia social do consumo do tabaco; tampouco poderían intervir nos anuncios os menores de 18 anos [3].

Década dos 80[editar | editar a fonte]

En 1982 publicouse un real decreto -RD 709/1982- que establecía medidas encamiñadas a protexe-la saúde dos españois fronte ós riscos inherentes ó consumo de tabaco, advertindo ó consumidor dos mesmos e buscando fórmulas para reduci-lo tabaquismo. Estas primeiras medidas consistiron na obrigatoriedade de incluír na etiquetaxe dos paquetes de tabaco a lenda "A Dirección Xeral de Saúde Pública advirte que o uso do tabaco pode ser prexudicial para a súa saúde" [4]. Moi pronto (1983) esta fórmula condicional pasou a redactarse de forma máis directa: "A Dirección Xeral de Saúde Pública advirte que o uso do tabaco é prexudicial para a súa saúde".

A norma tamén prohibía a comercialización no mercado nacional de labores de tabaco con máis de 24 mg de alcatrán ou 1,8 mg de nicotina por cigarro. Modificacións posteriores foron reducindo estas cifras, e así, a partir de 1993 prohibiuse a comercialización de tabaco con niveis superiores a 15 e 1,3 mg, respectivamente. Canto ás modalidades chamadas baixas en nicotina, light ou similares, un real decreto de 1979 establecera niveis máximos de 16 e 1 mg, que en 1988 se reduciron a 13 e 0,9 e, en 1993, a 10 e 0,8 mg, respectivamente. Estas denominacións terminaron sendo prohibidas en 2003.

Canto ás limitacións no consumo, estableceu a prohibición absoluta de fumar nos medios de transporte colectivo, urbano ou interurbano, que admitiran viaxeiros sen ocupar asento; e, nos que non se admitan, a creación de zonas reservadas para fumadores que supoñan, canto menos, o 25% dos asentos. Nos transportes ferroviarios, estas zonas reservadas establecíanse por vagóns completos. Tamén se podían reservar zonas para fumadores nos establecementos públicos e grandes locais comerciais, así como nos centros escolares e sanitarios, sempre debidamente sinalizados.

A lei 34/1988, xeral de publicidade, prohibiu a publicidade de tabacos na televisión e en todos aqueles lugares nos que estivese prohibida a súa venda e consumo [5]. Deixou prevista para unha regulamentación posterior a forma, contido e condicións da publicidade do tabaco co obxectivo de protexe-la saúde e seguridade das persoas e a non indución directa ou indirecta ó consumo, con especial atención ós ámbitos educativos, sanitarios e deportivos.

Típico pictograma de prohibición de fumar

Efectivamente, o Real Decreto 192/1988 declara o tabaco como substancia nociva para a saúde das persoas e a prevalencia do dereito á saúde dos non fumadores sobre os dereitos dos fumadores. En consecuencia, concreta as advertencias que han figurar nos paquetes de tabaco e aumenta a relación de espazos nos que se prohibe fumar. No tocante ó primeiro punto, a mensaxe de advertencia será algunha das seguintes:

  • As autoridades sanitarias advirten que:
    • Fumar prexudica seriamente a saúde.
    • Fumar provoca cancro.
    • Fumar provoca enfermidades cardiovasculares.
    • Fumar no embarazo dana o futuro fillo.

No tocante ó segundo punto, mantén as prohibicións das normas anteriores [6] e engade que non se permitirá fumar en centros de atención social destinados a menores de dezaseis anos; centros, servizos ou establecementos sanitarios; centros docentes; zonas das oficinas das Administracións públicas destinadas á atención directa ó público; locais onde se elaboren, transformen, preparen ou vendan alimentos, excepto os destinados especificamente ó consumo dos mesmos [7]; salas de uso público xeral, lectura e exposición; locais comerciais pechados con frecuente congregación de persoas; salas de teatro, cine e outros espectáculos públicos e deportivos en locais pechados; e mais en ascensores e elevadores.

Aparece tamén neste Real Decreto a primeira prohibición de fumar nos lugares de traballo pero só naqueles onde se poida combina-la nocividade do tabaco co prexuízo ocasionado polos contaminantes industriais e naqueles espazos onde traballen mulleres embarazadas. Finalmente, prohibe a venda a menores de 16 anos de tabaco e de produtos que o imiten ou induzan ó habito de fumar, co que desapareceron do mercado os cigarros de chocolate e outras lambetadas que o imitaban.

Década dos 90[editar | editar a fonte]

No ano 1992[8] modifícase de novo o texto das advertencias que deberán mostra-los paquetes de tabaco de modo que, por unha cara se indique que "As autoridades sanitarias advirten que o tabaco prexudica seriamente a saúde"; e na outra cara a unha destas fórmulas:

  • Fumar provoca cancro.
  • Fumar provoca enfermidades cardiovasculares.
  • Fumar durante o embarazo dana o futuro fillo.
  • Protexa os meniños; non lles faga respira-lo fume do tabaco.
  • Fumar provoca cancro, bronquite crónica e outras enfermidades pulmonares.
  • Fumar prexudica os que o rodean.

O mesmo real decreto contempla, por primeira vez, a prohibición de fumar nos voos nacionais dunha duración programada inferior a 90 minutos.

No 1996, publicouse en Galicia a lei 2/1996, sobre drogas. Interesa mencionala aquí porque define as drogas como aquelas substancias que, administradas ó organismo, estimulan, inhiben ou perturban as funcións psíquicas, prexudican a saúde e son susceptibles de xerar dependencia, e cita entre elas, especificamente, o tabaco [9]. No referido xa concretamente ó tabaco, esta lei desenvolveuse mediante o Decreto 75/2001 sobre control sanitario da publicidade, venda e consumo do tabaco. A idade mínima para comprar tabaco elévase ós 18 anos e comezan a limitarse os puntos de venda, así como as zonas nas que se permite fumar.

Prohibe a venda de produtos de tabaco nos centros sanitarios, nos centros docentes destinados a menores de 18 anos, nos centros culturais, nas instalacións e centros deportivos e, en xeral, en tódolos lugares onde estea prohibido fumar. Prohíbese fumar en hospitais e centros sanitarios e nos centros docentes, se ben permite a creación de zonas para fumadores, que deberán estar sinalizadas; nos centros de traballo onde a combinación dos contaminantes industriais co fume do tabaco incrementen o risco da saúde, onde traballen mulleres embarazadas e nas áreas das administracións públicas destinadas á atención ó público; en tódolos medios de transporte público etc.

Década do 2000[editar | editar a fonte]

Artigo principal: lei antitabaco 28/2005.
Algunhas mensaxes de advertencia nos paquetes de tabaco.

En xuño de 2001, a Unión Europea dita a Directiva 2001/37/CE relativa á aproximación das disposicións legais dos Estados membros en materia de fabricación, presentación e venda dos produtos do tabaco. Esta Directiva entrou en vixencia o 30 de setembro de 2002 [10] e esixe que a partir desa data as mensaxes de advertencia sexan máis expresivos e directos. Nunha cara aparecerá unha das seguintes mensaxes:

  • Fumar mata.
  • Fumar pode matar.
  • Fumar prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ó seu redor.

e na outra, unha das seguintes mensaxes:

  • Fumar acurta a vida.
  • Fumar obstrúe as arterias e provoca cardiopatías e accidentes cerebrovasculares.
  • Fumar provoca cancro mortal de pulmón.
  • Fumar durante o embarazo prexudica a saúde do seu fillo.
  • Protexa os meniños: non lles faga respira-lo fume do tabaco.
  • O seu médico ou o seu farmacéutico poden axudarlle a deixar de fumar.
  • O tabaco é moi adictivo: non empece a fumar.
  • Deixar de fumar reduce o risco de enfermidades mortais de corazón e pulmón.
  • Fumar pode ser causa dunha morte lenta e dolorosa.
  • Axuda para deixar de fumar: [número de teléfono/enderezo postal/enderezo Internet/Consulte ó seu médico ou farmacéutico].
  • Fumar pode reduci-lo fluxo sanguíneo e provoca impotencia.
  • Fumar provoca o avellentamento da pel.
  • Fumar pode dana-lo esperma e reduce a fertilidade.
  • O fume contén benceno, nitrosaminas, formaldehído e cianuro de hidróxeno.

Canto ós produtos de tabaco de uso oral ou sen combustión, a única advertencia esixida é a lenda "Este produto do tabaco pode ser nocivo para a súa saúde e crea adición".

Outra importante disposición contemplada nesta Directiva foi a prohibición de utilizar nos envases de tabaco calquera palabra, texto, marca ou imaxe que poidese da-la impresión de que algúns produtos de tabaco son menos nocivos que outros. Na práctica, isto prohibe o uso de expresións como light, ultra light, mind, baixo en nicotina ou similares, aínda que non impediu que a industria tabacaleira continuase utilizando para estas presentacións as cores branca ou azul coa que se identificaban ante o consumidor [11].

Esta Directiva foi transposta ó ordenamento xurídico español mediante o Real Decreto 1079/2002, que a recolle sen modificacións de consideración. Limita os contidos de nicotina a 1 mg por cigarro, alcatrán: 10 mg, e monóxido de carbono: 10 mg; e mantén os prazos citados para que desaparezan as denominacións light ou similares -ata o 30 de setembro de 2003- e de prórroga de comercialización -ata a mesma data de 2003 para os cigarros e ata o 30 de setembro de 2004 para outros produtos do tabaco-.

Quizais o punto de inflexión máis significativo nesta loita legal contra o tabaco foi a promulgación da lei 28/2005, que impuxo a prohibición absoluta de fumar nos lugares de traballo e obrigou a reservar un espazo libre de fumes nos establecementos de lecer que, como mínimo, tiña que supoñe-lo 70% da superficie do local.

Década do 2010[editar | editar a fonte]

En maio de 2010 aprobouse un novo real decreto -RD 639/2010- que regulaba, entre outros aspectos, a etiquetaxe e as mensaxes de advertencia. Nunha cara, e ocupando un mínimo do 30% da superficie da unidade de venda, obriga a incluír unha destas dúas advertencias xerais:

  • Fumar mata.[12]
  • Fumar prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ó seu redor.
Advertencias gráficas nos paquetes de tabaco no Brasil

Na outra cara, e ocupando un mínimo do 40% da superficie, unha das 14 imaxes que o Ministerio de Sanidade pon á disposición dos fabricantes (tomadas das 42 imaxes que aprobara a Unión Europea en 2005). Estas advertencias adicionais combinan texto con fotografías que mostran, como tal, un cadáver, un cancro de gorxa, un pulmón practicamente necrosado, unha caveira xunto a un rostro feminino, un feto, un cigarro curvado representando a impotencia, un grupo de espermatozoides etc.[13]

A maiores, nun lateral do paquete figurará a lenda "Prohibida a súa venda a menores de 18 anos".

Este real decreto concedeulle ós fabricantes un prazo dun ano para modifica-la etiquetaxe dos cigarros e de dous anos para outros produtos de tabaco, de modo que estas advertencias gráficas aparecerán no mercado en maio de 2011. Bélxica, Romanía e o Reino Unido xa aprobaron tamén esta forma de advertencia, así como outros 15 países de fóra da Unión Europea, como Canadá, Brasil e Australia [14].

Situacíón actual[editar | editar a fonte]

Artigo principal: lei antitabaco 42/2010.

A normativa básica que regula en España a venda, publicidade e o consumo de tabaco segue sendo basicamente a lei de 2005, pero a finais de 2010 aprobouse unha modificación que representou un cambio substancial: está modificación veu ditada pola lei 42/2010, en vixencia desde o 2 de xaneiro de 2011, no sentido de prohibir fumar en calquera local pechado de uso público, eliminando a posibilidade de habilitar espazos para fumadores nos bares e restaurantes.

Campañas e programas de deshabituación[editar | editar a fonte]

Onde hai fume, hai lume (Russell Patterson, c. 1920)
Fumando espero...

Un dos obxectivos da lexislación antitabaco en todo o mundo, e tamén da española, é o desenvolvemento de programas de deshabituación tabáquica, baseadas no principio de considera-lo tabaquismo como unha enfermidade adictiva e non un simple hábito. A maiores, distintos estudos poñen en evidencia que serían claramente rendibles desde unha perspectiva puramente económica, ante o aforro que representan para o Sistema Nacional de Saúde os costos directos das cinco enfermidades máis frecuentes relacionadas co consumo do tabaco: a EPOC (Enfermidade pulmonar obstrutiva crónica), a asma, o cancro de pulmón e as enfermidades coronarias e cardiovascular. A Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), sobre datos da Axencia Tributaria, valora en 14.710 millóns de euros os gastos médicos totais atribuíbles ó tabaquismo, fronte a 9.266 millóns de ingresos por impostos sobre o tabaco [2]. Outros costos derivados do consumo do tabaco que se deben engadir ós anteriores son os 7.840 millóns de euros para as empresas españolas, por perda de produtividade, absentismo laboral e gastos de limpeza e mantemento das instalacións [3].

A lei 28/2005 xa establecera como obxectivo a promoción polas Administracións públicas de programas e accións de educación para a saúde e de prevención do tabaquismo (art. 11), así como o desenvolvemento de programas para a deshabituación tabáquica por parte da rede asistencial sanitaria, especialmente nas áreas de atención primaria, potenciando e promovendo a creación de unidades de deshabituación. O que se fixo neste sentido, campañas educativas e programas de asistencia, non satisfizo ós profesionais sanitarios. A modificación levada a cabo en 2010 tampouco concretou moito máis: engade ós obxectivos anteriores a potenciación ó acceso a tratamentos de deshabituación, e reserva ó Sistema Nacional de Saúde a valoración de incorporar estes tratamentos á súa carteira de servizos. Deste xeito, o financiamento público dos tratamentos para fumadores segue sendo unha reivindicación da SEPAR, que a considera prioritaria no caso dos afectados por enfermidades respiratorias e cardiovasculares e, máis adiante, para a poboación en xeral [4].

O Goberno, a través da ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, só se comprometeu a estuda-la posibilidade, como unha posibilidade de futuro, de que a Administración financiase as terapias precisas para as persoas que desexen deixar de fumar [15].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. InfoTabac', número 11 (PDF)
  2. Hai moitos máis compoñentes nocivos no tabaco ou xerados durante a combustión do cigarro, pero os controis oficiais centráronse nestas tres substancias.
  3. Esta norma establecía outra medida de carácter recadador, consistente nun gravame do 100% sobre o importe do anuncio.
  4. A norma establecía que esta advertencia se expresase en castelán. Nas normas posteriores abriuse a porta a outras linguas mantendo que ó menos se indique en castelán.
  5. As mesmas limitacións aplicábanse ás bebidas cunha gradación alcohólica superior a 20 graos.
  6. O espazo reservado para fumadores no transporte público aumenta ata un mínimo do 50%, situado na parte posterior do vehículo.
  7. Evidentemente, mantén a prohibición de fumar ós manipuladores de alimentos, ditada xa en 1983.
  8. Real Decreto 510/1992, que se desenvolve en Galicia mediante o Decreto 113/1993.
  9. Ademais dos estupefacientes e psicotrópicos, as bebidas alcohólicas e os produtos de uso doméstico ou industrial, substancias volátiles e outras que sexan susceptibles de produci-los efectos propios das drogas.
  10. Aínda que concedía un prazo dun ano máis para comercializa-los produtos que non cumprisen os requisitos que establecía.
  11. "La industria desafía a Sanidad y mantiene el color que identifica el tabaco light", en La Voz de Galicia, 30.09.2003.
  12. Nótese que desaparece a opción anterior de que Fumar pode matar.
  13. Pódese ve-la galería de posibles imaxes no Real Decreto 639/2010.
  14. "Las cajetillas llevarán imágenes impactantes de los daños del tabaco", en La Voz de Galicia, 15.05.2010.
  15. Pajín se muestra partidaria de que el Estado pague los tratamientos para dejar el tabaco [1].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dirección Xeral de Saúde Pública: Programa galego de promoción da vida sen tabaco. Documentos Técnicos de Saúde Pública, serie A, nº 3, 1993.
  • Muñoz Molina, Antonio: "Sólo humo", en Muy Interesante, nº 319, de decembro de 2007, 14.
  • Pinilla, Jaime e Negrín, Miguel Ángel: Impacto económico da regulación do consumo de tabaco no ámbito da hostalería: efectos previsibles da ampliación da lei 28/2005 [5] (en castelán)
Lexislación
  • Real Decreto 1100/1978, de 12 de maio, polo que se regula a publicidade do tabaco e bebidas alcohólicas nos medios de difusión do Estado (BOE nº 127, de 29.05. 1978) [6].
  • Real Decreto 1259/1979, de 4 de abril, sobre cualificación de baixa nicotina e alcatráns nos labores de cigarros de tabaco (BOE nº 130, de 31.05.1979) [7].
  • Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo, polo que se regula a publicidade e o consumo do tabaco (BOE nº 90, de 15.04.1982) [8].
    • Modificado por Real Decreto 2072/1983, de 28 de xullo.
  • * Resolución de 9 de setembro de 1982, da Subsecretaría de Ordenación Educativa, pola que se ditan instrucións en cumprimento do Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo (BOE nº 230, de 25.09.19825) [9].
  • Real Decreto 2072/1983, de 28 de xullo, polo que se modifica parcialmente o Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo, polo que se regula a publicidade e consumo do tabaco (BOE nº 186, de 5.08.1983) [10].
  • Lei 34/1988, de 11 de novembro, Xeral de Publicidade (BOE nº 274, de 15.11.1988) [11].
  • Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para protección da saúde da poboación (BOE nº 59, de 9.03.1988) [12].
    • Modificado por Real Decreto 1293/1999, de 23 de xullo.
  • Real Decreto 510/1992, de 14 de maio, polo que se regula a etiquetaxe dos produtos do tabaco e se establecen determinadas limitacións en aeronaves comerciais (BOE nº 133, de 3.06.1992) [13]
  • Decreto 113/1993, do 12 de maio, polo que se establecen normas de protección da saúde da poboación na promoción, venda e consumo dos produtos do tabaco (DOG nº 110, de 11.06.1993).
  • Real Decreto 1185/1994, de 3 de xuño, sobre etiquetaxe de produtos do tabaco distintos dos cigarros e polo que se prohibe determinados tabacos de uso oral e se actualiza o réxime sancionador en materia de tabaco (BOE nº 167 de 14.07.1994) [14].
  • Lei 2/1996, de Galicia, sobre drogas (BOE nº 153, de 25.06.1996) [15].
  • Lei 13/1998, de 4 de maio, de Ordenación do Mercado de Tabacos e Normativa Tributaria (BOE nº 107, de 5.05.1998) [16].
  • Real Decreto 1199/1999, de 9 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 13/1998, de 4 de maio, de Ordenación do mercado de tabacos e normativa tributaria, e regúlase o estatuto concesional da rede de expendedurías de tabaco e timbre (BOE nº 166, de 13.07.1999) [17].
  • Real Decreto 1293/1999, de 23 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para protección da saúde da poboación (BOE nº 188, de 7.08.1999 [18].
  • Decreto 75/2001, de 22 de marzo, sobre control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de produtos do tabaco (DOG nº 71, de 10.04.2001) [19].
  • Directiva 2001/37/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 5 de xuño de 2001, relativa á aproximación das disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos Estados membros en materia de fabricación, presentación e venda dos produtos do tabaco (DOCE nº 194, de 18.07.2001) [20].
  • Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos do tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 251, de 19.10.2002) [21].
    • Modificado por Real Decreto 639/2010, de 14 de maio.
  • Directiva 2003/33/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de maio de 2003, relativa á aproximación das disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos Estados membros en materia de publicidade e de patrocinio dos produtos do tabaco (DOUE nº 152, de 20.06.2003) [22].
  • Decisión da Comisión 2003/641/CE, de 5 de setembro de 2003, sobre o uso de fotografías en cor ou outras ilustracións como advertencias sanitarias nos envases de tabaco (DOUE nº L 226, de 10.09.2003) [23].
  • Orde SCO/127/2004, de 22 de xaneiro, pola que se desenvolven os artigos 4 e 6 do Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos de tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 26, de 30.01.2004) [24].
  • Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco (BOE nº 309, de 27.12.2005) [25].
  • Real Decreto 639/2010, de 14 de maio, polo que se modifica o Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos do tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 128, 26.05.2010) [26].
    • Corrección de erros: BOE nº 135, de 3.06.2010.
  • Ley 42/2010, de 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco (BOE nº 318, de 31.12.2010) [27].
    • Corrección de erros: BOE nº 10, de 12.01.2011.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Organizacións