Saltar ao contido

Cova de Lascaux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lascaux»)
Modelo:Xeografía físicaCova de Lascaux
Imaxe
Tipositio arqueolóxico prehistórico Editar o valor en Wikidata
Descubridor ou inventorvalor descoñecido
Marcel Ravidat (en) Traducir (12 de setembro de 1940) Editar o valor en Wikidata
Parte deSitios prehistóricos e covas decoradas do val do Vézère Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaMontignac-Lascaux, Francia Editar o valor en Wikidata
Mapa
 45°02′57″N 1°10′34″L / 45.0492, 1.1761
Características
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data1979 (3ª Sesión)
Identificador85-011
Monumento histórico clasificado
Data5 de setembro de 1962
IdentificadorPA00082696
Monumento histórico clasificado
Data8 de maio de 1962
IdentificadorPA00082696
Monumento histórico clasificado
Data27 de decembro de 1940
IdentificadorPA00082696
Historia
Data de descuberta ou invención1940 e XVI milenio a. C. Editar o valor en Wikidata
Youtube: UCb7xQ-zCiRY5H5J7xX7GQeg Editar o valor en Wikidata

A cova de Lascaux é unha das máis importantes grutas ornamentadas paleolíticas polo número e a calidade estética das súas obras. É denominada ás veces como "a Capela Sistina da arte parietal". As pinturas e as gravuras que garda non se poden datar con total precisión: a súa antigüidade é estimada arredor de 18.000 e 15.000 anos antes do presente, datación que se apoia nos estudos realizados sobre os obxectos descubertos na caverna, estando asociados ao Magdaleniano antigo, mais as últimas análises mostran que poderían remontar ao Solutreano, período que o precede.

Xeografía e contexto xeolóxico

[editar | editar a fonte]

A gruta está situada no Périgord, no concello (commune) de Montignac (Dordogne), a uns corenta quilómetros ao suroeste de Périgueux.

Ábrese sobre a beira esquerda do río Vézère, nun outeiro calcario do Cretáceo superior. Contrariamente a moitas outras cavernas da rexión, a de Lascaux é relativamente «seca». En efecto, unha capa de arxila impermeábel íllaa de calquera infiltración de auga, impedindo novas formacións de concrecións calcáreas.

Descubrimento

[editar | editar a fonte]

Foi descuberta o 12 de setembro de 1940, por catro adolescentes que andaban á busca do can dun deles: Marcel Ravidat, Jacques Marsal, Georges Agnel e Simon Coencas, que avisaron de contado ao seu antigo profesor, Léon Laval. O prehistoriador Henri Breuil, refuxiado na zona durante a ocupación nazi, foi o primeiro especialista que visitou Lascaux, o 21 de setembro de 1940, na compaña de Jean Bouyssonnie e André Cheynier. H. Breuil foi tamén o primeiro en autentificala, describila e estudala. Deseguido realizou os primeiros calcos desde fins de 1940, pasando varios meses in situ para analizar as obras, que atribuíu ao período perigordiano.

Logo de pasar varios anos en España, Portugal e mesmo en Suráfrica, volveu en 1949, emprendendo de novo escavacións xunto con Séverin Blanc e Maurice Bourgon, ao pé da escena do pozo, onde agardaba atopar unha sepultura. O que sacou a luz foron puntas de azagaias, decoradas, feitas de corno de reno.

De 1952 a 1963, a petición de Breuil, foron efectuados novos levantamentos, sobre 120 m², de calcos por André Glory, que contabilizaban un total de 1.433 representacións (hoxe están catalogadas 1.900).

Por esa mesma época, as representacións parietais foron tamén estudadas por Annette Laming-Emperaire, André Leroi-Gourhan e, entre 1989 e 1999, por Norbert Aujoulat.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A cova foi clasificada entre os Monumentos históricos de Francia desde o mesmo ano da súa descuberta, o 27 de decembro de 1940.

En outubro de 1979 foi incluída no Patrimonio Mundial da UNESCO, xunto con outros sitios e grutas ornamentadas do val do Vézère.

Descrición da cova

[editar | editar a fonte]

A gruta de Lascaux é relativamente pequena: o conxunto dos corredores non supera os 250 m de longo, cun desnivel de arredor de 30 m. A parte decorada corresponde a un nivel superior, pois o inferior está clausurado pola presenza de dióxido de carbono.

A entrada actual corresponde coa entrada prehistórica.

Para facilidade da descrición, a cova está tradicionalmente subdividida nun certo número de zonas, denominadas salas ou corredores. Os nomes, imaxinarios, débense en parte a H. Breuil e fan, a miúdo, referencia á arquitectura relixiosa:

  • a primeira sala é a Sala dos Touros (Salle de Taureaux) ou Rotonda, de 17 m por 6 m de ancho e 7 de alto;
  • prolóngase polo Divertículo axial (Diverticule axial), unha galería máis estreita na mesma dirección, máis ou menos do mesmo tamaño;
  • despois da Sala dos Touros, á dereita do Divertículo axial, accédese á Pasaxe (Passage), un corredor dunha quincena de metros;
  • na prolongación da Pasaxe ábrese a Nave (Nef), outro corredor máis elevado, duns vinte metros;
  • a Nave prosegue cunha parte non decorada, pois as paredes son pouco apropiadas, seguindo logo até o Divertículo dos Felinos (Diverticule des Félins), un estreito corredor duns vinte metros;
  • A Ábsida (Abside) é unha sala redonda que se abre cara ao oeste, na confluencia da Pasaxe e a Nave;
  • O Pozo (Puits) ábrese no fondo da Ábsida. O seu acceso supón unha baixada de 4 a 5 metros até o comezo do nivel inferior.

As representacións parietais

[editar | editar a fonte]
  • A Sala dos Touros presenta a composición máis espectacular de Lascaux. As paredes de calcita son inaxeitadas para gravados, polo que só está adornada de pinturas, con frecuencia de dimensións infrecuentes: algunhas miden até cinco metros de longo.

Dúas fileiras de uros están encaradas entre si, dous dunha banda e tres doutra. Os dous uros do lado norte van acompañados dunha decena de cabalos e mais dun grande animal enigmático, pois ostenta dous trazos rectilíneos sobre a testa que lle gañaron o sobrenome de «unicornio». No lado sur hai tres grandes uros que flanquean a tres menores, pintados en vermello, así como seis pequenos cervos e mais o único oso da gruta, solapado no ventre dun uro e de difícil interpretación.

  • O Divertículo axial está tamén ornamentado de bóvidos, xunto a cabalos acompañados de cervos e de cabritos. Un debuxo representando un cabalo a fuxir foi pintado con xiz de manganeso a uns 2,50 metros do chan. Algúns animais foron pintados no teito, semellando saltar dunha a outra parede. Con estas representacións, que deberon precisar o uso de estadais, entremestúranse numerosos signos (bastóns, puntos e máis signos rectangulares).
  • A Pasaxe presenta unha decoración moi degradada de antigo, especialmente polas correntes de aire.
  • A Nave contén catro grupos de figuras: o panel da Pegada (l'Empreinte), o da Vaca negra, o dos Cervos nadando, así como o dos Bisontes cruzados. Estas obras están acompañadas de innumerábeis signos xeométricos, misteriosos, especialmente de dameiros coloreados que H. Breuil calificou de «brasóns».
  • O Divertículo dos Felinos debe o seu nome a un grupo de félidos, dos cales un parece estar a ouriñar para marcar o territorio. De difícil acceso, pódense ver aquí gravuras de feras de feitura abondo inxenua. Atópanse tamén outros animais asociados a signos, como unha representación de cabalo visto de fronte, algo excepcional na arte paleolítica, pois os animais son, en xeral, representados de perfil ou cunha «perspective tordue».
  • A Ábsida contén máis de mil gravados, algúns superpostos a pinturas, correspondendo a animais e signos. Aquí está o único reno figurado de Lascaux.
  • O Pozo presenta a escena máis misteriosa de Lascaux: un home, con cabeza de paxaro e de sexo ergueito, semella caer, arremetido talvez por un bisonte destripado por unha azagaia; de lado está representado un obxecto alongado sobreposto a unha ave, que quizais sexa un propulsor; na esquerda un rinoceronte parece afastarse. Na parede oposta hai tamén representado un cabalo. Dous grupos de signos son de notar nesta composición:
    • entre o home e o rinoceronte, tres pares de punteados de dedos que tamén se observan no fondo do Divertículo dos Felinos, ou sexa na parte máis recóndita da gruta;
    • sobre o home e o bisonte, un signo barbado complexo que se reproduce noutras paredes da cova, e asemade nas puntas das azagaias e nas lámpadas de gres, que se atoparan nas proximidades.

Achámonos aquí cunha escena na que os diferentes elementos están relacionados uns cos outros, e non cunha xustaposición de animais ou de signos sobre a mesma parede, como é o máis frecuente no caso da arte paleolítica. Para A. Leroi-Gourhan, esta escena evoca probabelmente un episodio mitolóxico, cuxa significación é difícil de estabelecer [1].

Lascaux II

[editar | editar a fonte]

A compañía propietaria de Lascaux lanzouse á realización dunha réplica dunha parte representativa da cova (Divertículo axial e Sala dos Touros). O proxecto foi parcialmente financiado pola venda do orixinal ao Estado en 1972. Parado en 1980, foi logo retomado polo departamento da Dordogne.

Unha dupla capa en formigón permitiu reproducir de xeito fiel a caverna orixinal. As obras parietais foron logo reproducidas por un equipo dirixido por M. Peytral.

Situado a 200 m do orixinal, o facsímile, bautizado como Lascaux II, inaugurouse o 18 de xullo de 1983. Outras reproducións de pinturas (friso dos cervos, bisontes acaroados e a vaca negra da Nave, escena do Pozo) expóñense no parque do Thot, a uns quilómetros de Montignac.

  1. Leroi-Gourhan, A. (1984), « Grotte de Lascaux », in L'art des cavernes - Atlas des grottes ornées paléolithiques françaises, Ministère de la culture.