Juan Eduardo Zúñiga
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de xaneiro de 1919 Madrid, España |
Morte | 24 de febreiro de 2020 (101 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Campo de traballo | Escrita creativa e profesional, xornalismo, crítica literaria e tradución |
Ocupación | tradutor, escritor, crítico literario, xornalista |
Partido político | Partido Comunista de España (1958–1964) |
Familia | |
Cónxuxe | Felicidad Orquín (1956–2020) |
Premios | |
| |
Juan Eduardo Zúñiga Amaro, nado en Madrid o 24 de xaneiro de 1919 e finado na mesma cidade o 24 de febreiro de 2020, foi un escritor, eslavista, lusista, crítico literario e tradutor español.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai era un salmantino monárquico e conservador que estudou Farmacia e casou cunha granadina; moi prestixiado na súa profesión, chegou a ser secretario da Real Academia de Farmacia e farmacéutico da Cruz Vermella; tiña entre os seus mozos de botica tamén a un escritor en cernes, Ramón J. Sender. A familia vivía nun chalé apartado do barrio de Prosperidade.[3]
Foi mobilizado a finais de 1937, pero, por problemas de saúde, destinárono aos servizos auxiliares. A experiencia da guerra civil española marcou para sempre a Juan Eduardo Zúñiga. Estudou Belas Artes e Filosofía e Letras, especializándose en linguas eslavas, en particular ruso e búlgaro, o que lle permitiu ao longo da súa vida realizar diferentes estudos sobre a obra dos principais autores nestes idiomas, collendo amizade ademais co hispanista búlgaro Todor Neikov e o dramaturgo e novelista búlgaro Dimitar Dimov; andando o tempo logrou que en 1987 o Concello de Madrid colocase unha placa na praza da Lealdade, na fachada da casa onde vivira este último.[4] Frecuentou o Ateneo de Madrid e a Biblioteca Nacional de Madrid, onde tamén escribía, contos sobre todo, desde moi novo. Simultáneo ao seu interese polas literaturas eslavas foi a súa admiración pola cultura portuguesa. Segundo Santos Sanz Villanueva foi amigo dos escritores sociais da Xeración do 50 ou do medio século, en especial de Antonio Ferres, Jesús López Pacheco e Armando López Salinas, aínda que a súa concepción estética "áchase nas antípodas dos principios adoptados polos autores comprometidos".[5] Desde 1956 estivo casado coa tamén escritora e editora Felicidad Orquín, coa que tivo unha filla, Adriana, que lle deu dous netos.
O seu xénero preferido era o relato curto, do que publicou varias coleccións desde que se imprimiu o primeiro na revista Ínsula en xaneiro de 1949, “Marbec y el ramo de lilas”. Seguiu a novela curta Inútiles totales (Madrid: Talleres Gráficos de Fernando Martínez, 1951), unha narración barojiana xa co seu característico estilo alusivo e que foi a súa achega persoal ao faladoiro que entre 1945 e 1953 se reunía as noites dos sábados no café Lisboa da Porta do Sol, integrada ademais por Arturo do Hoyo, a súa esposa Isabel Gil de Ramais, Vicente Soto, Francisco García Pavón, José Currais Egea, José Ares Montes e Antonio Buero Vallejo, entre outros.[6] Ademais seguiu publicando numerosos contos en revistas como Ínsula, Índice de Artes y Letras, Acento, Triunfo e Sábado Gráfico, varios deles non recollidos en libro. A novela El coral y las aguas (1962), en pleno auxe do realismo testemuñal, pasou desapercibida, pero resulta ser unha denuncia alegórica da ditadura emprazada nunha Grecia remota e imaxinaria.[7] É "un raro caso de novela política bastante explícita", segundo Sanz Villanueva. Gañou o premio de conto da revista Triunfo con "Un ruído estraño", tamén con certa carga alegórica.
Durante os setenta apareceron relatos seus en revistas como El Urogallo ou Ínsula, e ademais prologou unha antoloxía do conto universal titulada Relatos de siempre (Santillana, Biblioteca Pepsi, 1979). En 1980 publica unha das súas coleccións de contos, Largo noviembre de Madrid, sobre a situación da capital de España durante a guerra, e coñece ao fin o éxito ao ser reimpreso en dúas ocasións máis. De 1983 é a colección de ensaios sobre literatura rusa El anillo de Pushkin; de 1986, La tierra será un paraíso, obra coa que foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Sofía é un ensaio sobre a capital de Bulgaria (1992). Publicou tamén a colección de corenta relatos fantásticos breves Misterios de las noches y los días (1992) e en 1996 Las inciertas pasiones de Iván Turgueniev, unha biografía sobre o grande escritor ruso. De 1999 é a novela histórica Flores de plomo, sobre os últimos días do xornalista español Mariano José de Larra que mereceu o premio Ramón Gómez da Serna dese ano, e de 2003 outro libro de dez relatos, Capital de la gloria, co que terminaba unha triloxía narrativa sobre a Guerra Civil en Madrid e que foi galardoado co Premio Nacional da Crítica á mellor obra de narrativa e o Premio Salambó. Trátase en total de 35 relatos de intrahistoria unamuniana nos que se contemplan os aspectos máis cotiáns da subsistencia na cidade asediada entre os extremos da vida e a morte, a felicidade e a desgraza.[8] Os ensaios sobre literatura eslava contidos en Desde lbosques nevados (2010) valéronlle o Premio Internacional Terenci Moix, conseguindo tamén en 1987 o Nacional de Tradución pola versión castelá das obras do escritor portugués Antero de Quental. Deste idioma traduciu tamén a obra de Urbano Tavares Rodrigues e de Mario Dionisio. En 2016 recibiu o Premio Nacional das Letras Españolas.
Obra
[editar | editar a fonte]Narrativa
[editar | editar a fonte]- Inútiles totales (1951), novela
- El coral y las aguas (1962), novela
- El último día del mundo (1992), novela
- Misterios de las noches y los días (1992), relatos
- Flores de plomo (1999), novela histórica
- La trilogía de la guerra civil (1980-2003), relatos, publicada de forma conxunta sen título en 2007 en ed. Cátedra, e co título comentado e dous relatos máis en 2011 en ed. Galaxia Gutenberg (sumando un total de 35 relatos)
- Largo noviembre de Madrid (1980), relatos
- La tierra será un paraíso (1989), relatos
- Capital de la gloria (2003), relatos
- Brillan monedas oxidadas (2010), relatos
- Fábulas irónicas (2018), relatos
Ensaio
[editar | editar a fonte]- Hungría y Rumania en el Danubio; las luchas históricas en Transilvania y Besarabia. Madrid, Editorial Pace [1944?]
- La historia y la política de Bulgaria (1945). Madrid: Pace.
- Los artículos sociales de Mariano José de Larra (1963). Madrid: Taurus, (antoloxía).
- El anillo de Pushkin. Lectura romántica de escritores y paisajes rusos (1983). Barcelona: Bruguera; reeditado en Madrid: Alfaguara, 1992.
- Sofía (1990), libro de viaxes.
- Las inciertas pasiones de Iván Turgueniev (1999.) (publicado anteriormente co título de Los imposibles afectos de Iván Turgueniev: ensayo biográfico, Madrid: Editora Nacional, 1977)
- Desde los bosques nevados: memoria de escritores rusos (2010).
- "Prólogo" a Anton Pavlovich Chéjov, Cuentos completos (1962). Madrid: Aguilar.
Premios e galardóns
[editar | editar a fonte]- 1983 - Premio Ópera Prima
- 1987 - Premio Nacional de Tradución, ex aequo, con José Antonio Llardent, pola versión en español das obras de Antero de Quental[9]
- 1990 - Finalista do Premio da Crítica e do Premio Nacional de Narrativa por La tierra será un paraíso
- 2003 - Premio da Crítica por Capital de la gloria
- 2003 - Premio Salambó por Capital de la gloria
- 2003 - Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid
- 2016 - Premio Nacional das Letras Españolas
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Riaño, Peio H. (2019-01-25). "El renacimiento a los 100 años de Juan Eduardo Zúñiga". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-13.
- ↑ Riaño, Peio H. (2020-02-24). "Muere el escritor Juan Eduardo Zúñiga". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-13.
- ↑ Cruz, Juan (29 de abril de 2019). "Zúñiga: memorias de un siglo". El País/Cultura (Grupo PRISA). Consultado o 29 de abril de 2020.
En el invierno del año 1930 o 31 cayó en Madrid una gran nevada y, mediada la tarde, el jardincito que rodeaba nuestra casa de la calle General Zabala, en el barrio de Prosperidad, se fue blanqueado, en Madrid.
- ↑ La traducción de la literatura búlgara al español (Tese). pp. 25–26
- ↑ Sanz Villanueva, Santos (2012). "Historias de una historia : La guerra sin guerra de Juan Eduardo Zúñiga" (en castelán).
- ↑ "Noticias - El mundo literario de Juan Eduardo Zúñiga Revista Cultural Turia". Instituto de Estudios Turolenses (en castelán). Consultado o 2023-11-13.
- ↑ "JUAN EDUARDO ZÚÑIGA: ENTREVISTA Y HOMENAJE Antón Castro". antoncastro (en castelán). 2009-06-04. Consultado o 2023-11-13.
- ↑ Véxase a reseña de Rafael Conte, «Las resistencias de Zúñiga», Babelia, 15-2-2003 e a entrevista de Winston Manrique Sabogal, «Juan Eduardo Zúñiga: "La Historia enriquece la invención literaria"», Babelia, 15-2-2003.
- ↑ «Premio Nacional a la Mejor Traducción.» Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Consultado el 15 de noviembre de 2015.