José Luis Pérez-Payá
Nome orixinal | José Luis Pérez-Payá Soler | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 2 de marzo de 1928 Alcoi, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 12 de agosto de 2022 (94 anos) Madrid, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,81 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 81 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1950 - 1957 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
José Luis Pérez-Payá Soler, coñecido como Pérez Payá, nado en Alcoi o 2 de marzo de 1928 e finado en Madrid o 12 de agosto de 2022,[1] foi un futbolista e dirixente deportivo español. Xogaba como dianteiro e militou en varios equipos da Primeira e da Segunda División, entre eles o Atlético de Madrid e o Real Madrid, gañando catro ligas e dúas Copas de Europa entre outros títulos.
Foi presidente da Real Federación Española de Fútbol entre 1970 e 1975.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Naceu en Alcoi o 2 de marzo de 1928, no seo dunha familia acomodada. Era fillo de Ángel Pérez Soler, industrial do papel e persoa moi ligada ao fútbol, pois á parte de practicalo, participou na fundación do Valencia CF, do Real Alcodiam, do Albaidense, do Ontinyent e do Alcoyano, sendo ademais presidente e adestrador dos dous últimos.[2][3]
En 1946 ingresou na Universidade de Deusto para estudar Económicas e comezou a xogar ao fútbol na Sociedad Deportiva Deusto.[4] Despois de dous anos militando neste club e de conquistar o Campionato de España de Afeccionados co Serpis (equipo afeccionado do Alcoyano),[5] para a tempada 1948/49 fichou polo Barakaldo, da Segunda División, coa condición de xogar só os partidos na casa ou en localidades próximas, para dar prioridade así os estudos (destacado estudante, rematou a carreira como número 1 da súa promoción).[4]
Barakaldo
[editar | editar a fonte]O 31 de outubro de 1948, na oitava xornada de liga, debutou na categoría de prata, nunha vitoria por 3-0 sobre o Murcia. Foi titular en case tódolos restantes partidos como local e realizou dúas saídas, a Donostia e Xixón. Marcou 6 goles en 12 partidos, destacando os dous que lle fixo ao Girona (3-0) e o tanto que anotou nun histórico encontro ante a Real Sociedad, con 22.000 persoas nas bancadas do antigo estadio de Lasesarre.[4] Rematou a tempada na quinta posición da táboa.
Alcoyano
[editar | editar a fonte]En 1949, despois de xogar varios partidos amigables nas filas do Athletic,[6] regresou a Alcoi e ingresou no Alcoyano, tamén da Segunda División. En só catro meses de competición, marcou 14 goles en 19 partidos, colocándose entre os máximos goleadores da liga, e levando ao equipo á primeira posición. Foi entón cando fichou pola Real Sociedad, en xaneiro de 1950.[5]
Real Sociedad
[editar | editar a fonte]Debutou na Primeira División coa Real Sociedad, aínda como amateur, o 22 de xaneiro de 1950, ante o Real Madrid, marcando os dos dous goles do seu equipo (2-2). Xogou un total de sete partidos co club donostiarra, marcando cinco goles.
Atlético de Madrid
[editar | editar a fonte]No verán de 1950 fichou polo Atlético de Madrid, onde xogou durante os seguintes tres anos, ao tempo que preparaba as oposicións para funcionario do Estado.[5] Alí deixou de xogar de interior para facelo como dianteiro centro, e formou parte da chamada "dianteira de cristal", xunto con José Juncosa, Ben Barek, Henry Carlsson e Adrián Escudero.[7] Na súa primeira tempada, ás ordes de Helenio Herrera, marcou 14 goles en 26 partidos de liga, contribuíndo á conquista do título por diante do Sevilla. Marcou ademais un triplete na Copa Eva Duarte diante do Athletic, que serviu para empatar 5-5 e forzar un partido de desempate no que finalmente venceu o club vasco.
Na súa segunda tempada en Madrid gañou a Copa Eva Duarte e anotou un total de 15 goles, cifra que se reduciu na súa terceira e derradeira campaña, na que só conseguiu dous tantos. Pechou o seu paso polo Atlético con 81 partidos oficiais e 36 goles.
Real Madrid
[editar | editar a fonte]En 1953 fichou polo Real Madrid, club no que militou outras tres tempadas e onde actuou por primeira vez como profesional.[8] Viña de aprobar as oposicións a inspector de traballo.[6] Gañou dúas ligas nas súas dúas tempadas e compartiu dianteira con xogadores como Gento, Di Stéfano ou Héctor Rial. O 8 de setembro de 1955 foi titular no primeiro partido da historia do Real Madrid na Copa de Europa, diante do Servette suízo. Conquistou a competición europea esa tempada e tamén na seguinte, na que sumou un terceiro título de liga co club branco e o cuarto na súa conta persoal. Co Real Madrid gañou ademais dúas Copas Latinas.[9]
Disputou un total de 50 encontros oficiais co club, nos que marcou 24 goles.
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección española en dúas ocasións.[10] Debutou o 18 de maio de 1955 nun partido amigable contra Inglaterra no estadio de Chamartín, un encontro que rematou con empate a un gol. Xogou un segundo encontro medio ano despois, de novo contra Inglaterra, desta vez en Wembley, onde a vitoria foi para o conxunto inglés por 4-1.
Fóra do fútbol
[editar | editar a fonte]En 1957 retirouse do fútbol, con 29 anos, para continuar a súa carreira no Ministerio de Traballo.[6][8] Na década de 1960 foi asesor técnico do CD Castellón e directivo da Federación Valenciana de Fútbol.[11] O 22 de setembro de 1970 xurou o cargo de presidente da Real Federación Española de Fútbol, que ocupou durante case cinco anos, ata o 26 de maio de 1975. Posteriormente, formou parte da xunta directiva da sección de veteranos do Real Madrid.[8]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María del Carmen Colomer, coa que tivo varios fillos. Unha das súas fillas, Cristina, faleceu con só catro anos, atropelada por un vehículo en Castelló.[12]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Alcoyano Afeccionado
- Campionato de España de Afeccionados (1): 1948.
- Alcoyano
- Segunda División (1): 1949/50.
- Atlético de Madrid
- Primeira División (1): 1950/51.
- Copa Eva Duarte (1): 1951.
- Real Madrid
- Primeira División (3): 1953/54, 1954/55, 1956/57.
- Copa de Europa (2): 1955/56, 1956/57.
- Copa Latina (2): 1954/55, 1956/57.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Agulló, Paco (2022-08-12). "Fallece José Luis Pérez-Payá, el alcoyano que hizo historia en el fútbol español". Consultado o 2022-08-13.
- ↑ "Onteniente Club de Futbol, Ángel Pérez Soler" (en castelán). Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ "Fallece José Luis Pérez-Payá, el alcoyano que jugó en el Madrid con Di Stéfano" (en castelán). 13 de agosto de 2022. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "El singular paso de Pérez-Payá por el Barakaldo" (en castelán). 8 de maio de 2017. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Pérez Payá, un alcoyano al frente del fútbol español" (en castelán). 4 de maio de 2020. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Ramos, Jesús (27 de maio de 2016). "José Luis Pérez Payá, predestinado para el fútbol". Marca (en castelán). Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ "Los agentes dobles del derbi". Marca (en castelán). 18 de novembro de 2016. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 "José Luis Pérez-Payá. DEP" (en castelán). 13 de agosto de 2022. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ "Comunicado Oficial: fallecimiento de José Luis Pérez-Payá". 12 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-13.
- ↑ "Pérez Payá". Consultado o 2022-08-13.
- ↑ "Pérez Payá dimite de su cargo de federativo de la regional valenciana". Mundo Deportivo (en castelán). 9 de marzo de 1962. p. 3. Consultado o 18 de agosto de 2022.
- ↑ "Una hija de Pérez Payá atropellada y muerta por un turismo". La Noche (en castelán) (12856). 20 de febreiro de 1963. p. 8. Consultado o 18 de agosto de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web do Real Madrid (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 18 de agosto de 2022 en Wayback Machine. no sitio web da selección española (en castelán).
- Nados en Alcoi
- Nados en 1928
- Finados en 2022
- Futbolistas da Comunidade Valenciana
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Barakaldo CF
- Xogadores do CD Alcoyano
- Xogadores da Real Sociedad
- Xogadores do Atlético de Madrid
- Xogadores do Real Madrid CF
- Gañadores da Liga de Campións da UEFA
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Dirixentes de fútbol de España
- Presidentes da Real Federación Española de Fútbol