Joseph Ducreux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joseph Ducreux
Portrait de l'artiste sous les traits d'un moqueur, autorretrato, ca. 1793
Nome Joseph Ducreux
Nacemento 26 de xuño de 1735
Lugar Nancy Flag of France.svg Francia
Falecemento 24 de xullo de 1802 (67 anos)
Lugar Estrada de Paris cara Saint-Denis
Eido Retrato pictórico
Premios premier peintre de la reine

Joseph, Baron Ducreux, nado o 26 de xuño 1735 en Nancy e finado o 24 de xullo de 1802, foi un retratista, miniaturista e gravador francés que traballo na corte de Luís XVI de Francia, continuando a súa carreira como pintor trala Revolución Francesa. Foi nomeado barón e premier peintre de la reine (Primeiro Pintor da Raíña), sendo o autor do último retrato feito de Luís XVI antes da súa execución. Os seus retratos menos formais reflicten a súa manifesta fascinación pola fisiognomonía, estendendo o rango de expresións faciais máis aló das habituais nos retratos oficiais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Retrato María Antonieta de Austria, en 1769

Ducreux chegou a París no ano 1760, comezando a adestrarse na pintura como o único estudante de Maurice Quentin de La Tour, quen estaba especializado nos retratos. Jean-Baptiste Greuze foi unha das influencias destacadas na técnica empregada por Ducreux.[1] No ano 1769 Ducreux foi enviado a Viena para pintar un retrato de María Antonieta de Austria antes de que ela saíse da cidade no 1770 para casar con Luís XVI de Francia. Ducreux foi nomeado barón e premier peintre de la reine (Primeiro Pintor da Raíña) como recompensa por este servizo.

Tralo comezo da Revolución Francesa, Ducreux viaxou ata Londres, onde pintou o último retrato que se fixo de Luís XVI antes da súa execución.[2] Jacques-Louis David converteuse nun dos asociados de Ducreux cando este retornou a París no 1793, axudándolle a continuar a súa carreira como pintor.

Obra[editar | editar a fonte]

Autorretrato, ca. 1783

Ducreux estaba especializado no retrato pictórico. Dende o ano 1760 Ducreux mantivo unha lista das súas obras, pero en poucas ocasións firmaba as súas obras. Nos seus retratos menos formais Ducreux buscou saírse das limitacións tradicionais do retrato. Interesado na fisiognomonía, a crenza que o estudo e xuízo da aparencia dunha persoa reflicte a súa personalidade, tentou capturar a personalidade dos seus retratados, así como a súa propia, nas súas obras. Por exemplo, na obra Le Discret (ca. 1790) amósase un home pedindo silencio, cunha expresión timorata, presionando un dedo contra a súa boca en sinal de discreción ou prudencia.[3]

Meme de internet[editar | editar a fonte]

O seu autorretrato titulado Portrait de l'artiste sous les traits d'un moqueur acadou unha certa popularidade na internet en forma de meme. Neste meme, as letras de cancións de hip-hop ou pop amósanse parafraseadas e estilizadas de forma arcaica sobre o retrato en forma de macro.[4]

Galería de obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Joseph Ducreux". Artists (en inglés). The J. Paul Getty Museum. Consultado o 19 de maio de 2011. 
  2. "Louis XVI" (en francés). Consultado o 27 de novembro de 2010. 
  3. "European & American Art". Spencer Museum of Art. Consultado o 27 de novembro de 2010. 
  4. Klee, Miles. "Vanishing Point (Your Memes Reviewed): The Joseph Ducreux Self-Portrait". Consultado o 15 de maio de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]