John Trulock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
John Trulock
John Trulock con CJC 1916.jpg
John Trulock co seu neto Camilo José Cela no regazo en 1916.
Nacemento31 de decembro de 1856
 Bow
Falecemento8 de xuño de 1919
 Iria Flavia
Soterradocemiterio de Adina
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónxerente de The West Galicia Railway Co. Ltd.
CónxuxeJosefina Catalina Aida Bertorini Jones
Fillos
editar datos en Wikidata ]

John Trulock, nado en Bow (Londres) o 31 de decembro de 1856 e finado en Iria Flavia (Padrón) o 8 de xuño de 1919,[1] foi o xerente en Galicia da compañía inglesa The West Galicia Railway Co. Ltd., propietaria da primeira liña de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.[2][3][a]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de John Trulock (1814—1869), un comerciante de millo natural de Bow, e de Henrietta Glascott (1833— ), natural de Whitechapel, que casaron o 31 de xullo de 1855.[b] John Trulock foi o irmán máis vello doutros cinco fillos do matrimonio; Alfred, Arthur, Henry, Kate e mais Ellen.

John naceu en Bow[c] e residiu con seus pais e os seus cinco irmáns en varios lugares do leste de Londres ó longo da súa infancia.[1][d] Tivo unha existencia cómoda ata os trece anos, cando seu pai finou o día 24 de agosto de 1869 á idade de 55 anos. Trala morte de seu pai tódalas pertenzas da familia foron vendidas nunha poxa pouco tempo despois.[1]

A familia foi separada; no censo de 1871 consta que seus irmáns foran acollidos en diferentes asilos para orfos da cidade de Londres,[e] non obstante, John con 14 anos vivía de forma independente e figura no censo como traballador dun almacén para unha fábrica de paraugas en Holborn.[1]

Cando contaba 18 anos de idade Trulock encontrábase en Galicia e foi nomeado voceiro da compañía Sociedad del Ferro-Carril Compostelano de la Infanta Doña Isabel na xunta xeral de accionistas de 1875. En 1876 John Trulock figura como membro do consello do Ferro-Carril Compostelano, representando o financeiro británico da compañía Credit Foncier.[6] En 1883 aparece como xerente,[7] cargo que ocuparía ata a súa morte en Iria Flavia no ano 1919.

Casou o 31 de maio de 1889 no Consulado británico da Coruña con Josefina Bertorini, filla do seu socio comercial Camilo Bertorini e a súa esposa María Margarita Jones. O matrimonio tivo sete fillos, incluída María, que casaría con Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, e mais Camila, a nai de Camilo José Cela Trulock.[8]

John Trulock faleceu o 8 de xuño de 1919 ós 62 anos de idade e foi soterrado no cemiterio de Adina, en Iria Flavia.

Sepulcro de John Trulock e a súa familia.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Trala inauguración da Fundación Camilo José Cela no ano 1991 creouse o 25 de maio de 1999 o Museo do Ferrocarril,[9] integrado dentro da casa Museo Camilo José Cela, en homenaxe a John Trulock.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O primeiro camiño de ferro de Galicia foi inaugurado o 15 de setembro de 1873 e unía a estación de Cornes, no concello de Conxo, preto de Santiago de Compostela, coa estación do Carril, no concello do Carril, preto de Vilagarcía de Arousa.[4]
  2. John Trulock (pai) e Henrietta Glascott casaron o 31 de xullo de 1855 na Holy Trinity Church (en galego igrexa da Santísima Trindade), en Mile End, Londres.[1]
  3. John Trulock naceu nunha casa de Tredegar Square en Bow, no leste de Londres, o 31 de decembro de 1856.[1]
  4. Residiu en diferentes lugares do leste de Londres durante a súa infancia, incluíndo Bow (1855—1859), Bromley (1860—1863), Woodford Green (1865—1867) e Hackney (1969).[5]
  5. No censo de 1871, Arthur atopábase no British Orphan Asylum (Asilo para Orfos Británicos) en Berkshire; Alfred e Henry encontrábanse no City of London Orphan School (Escola para Orfos da Cidade de Londres), en Lambeth; Kate e mais Ellen estaban no Infant Orphan Asylum (Asilo para Nenos Orfos) de Wanstead. Descoñécese o paradoiro de súa nai.[1]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Hooper, Kirsty (08-05-2014). "From Mile End to Iria Flavia: John Trulock (1856-1919), a British Railwayman in Galicia". Hispanic Britain (en inglés). Consultado o 05-04-2020. 
  2. "Historia do ferrocarril en Carril e Vilagarcía de Arousa". patrimoniovilagarcia.com. Consultado o 08-07-2020. 
  3. Peris Torner, Juan (06-03-2012). "Santiago a Carril y Pontevedra, (The West Galicia Railway Company Limited)". spanishrailway.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25-04-2020. Consultado o 08-07-2020. 
  4. "...Cuando 'El Compostelano' enlazaba Santiago con Carril desde la estación de tren de Cornes". El Correo Gallego (en castelán). 02-02-2018. Consultado o 08-07-2020. 
  5. Hooper, Kirsty. "John Trulock en Londres". Consultado o 08-07-2020. 
  6. "Ferro-carril Compostelano". El Diario de Santiago (en castelán). 21-08-1876. p. 1. Consultado o 06-04-2020. —Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. 
  7. "Ferro-Carril Compostelano". Gaceta de los Caminos de Hierro (en castelán). 25-03-1883. pp. 9–10. Consultado o 06-04-2020. —Hemeroteca Digital de la Biblioteca Nacional de España. 
  8. "John Trulock Family Tree". geneanet.org. Consultado o 06-04-2020. 
  9. "Cronología de Camilo José Cela". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Consultado o 08-07-2020. 
  10. "Museo do Ferrocarril da Fundación Camilo José Cela". fundacioncela.gal. Consultado o 08-07-2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]