Jan Ullrich

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jan Ullrich
Nacemento2 de decembro de 1973
Lugar de nacementoRostock
NacionalidadeAlemaña e República Democrática Alemá
Ocupaciónciclista
PremiosSilberne Lorbeerblatt, German Sportspersonality of the Year, German Sportspersonality of the Year e Vélo d'Or
Na rede
http://www.janullrich.de/
IMDB: nm1426279 Facebook: janullrichoffiziell Olympic.org: jan-ullrich Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Jan Ullrich, nado o 2 de decembro de 1973 na cidade de Rostock, Alemaña, é un ex-ciclista alemán, retirado en 2006, que gañou o Tour de Francia no ano 1997 e a Vuelta a España no ano 1999, entre outros moitos éxitos.

Biografía[editar | editar a fonte]

Jan Ullrich naceu en Rostock, na antiga RDA, baixo a influencia do sistema educativo soviético. Foi o segundo de catro irmáns. De pequeno fixo todo tipo de deportes, e destacou en atletismo e ciclismo. A súa nai meteuno no Dynamo de Berlín despois de ser deixada polo seu home, e alí o mozo Jan Ullrich comezou a acadar as primeiras vitorias con 11 anos. En 1988 era campión da RDA, pero a caída do Muro de Berlín fixo desaparecer a escola na que el adestraba, e Jan tivo que mudarse a Hamburgo para seguir correndo nun equipo afeccionado daquela cidade. En 1993 Jan Ullrich acadou a vitoria no Campionato do Mundo de ciclismo en ruta na categoría sub-23 que se disputou en Oslo.

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

En 1994 Jan Ullrich asinou o seu primeiro contrato profesional co equipo Telekom. Ese mesmo ano quedou 3º no campionato do mundo de ciclismo en contra o reloxo.

En 1995 acadou o campionato alemán contra o reloxo e fixo unha boa actuación na Volta a Suíza, pero con só 21 anos de idade, o seu director de equipo non o quixo levar ó Tour de Francia. Non obstante, si foi á Vuelta a España, da que se retirou na 12ª tirada.

1996 foi o ano no cal Jan Ullrich acadou sona mundial por vez primeira. Rexeitou ir ós Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta para participar no Tour de Francia 1996, no cal acadou a 2ª posición final na clasificación xeral, ademais de gañar a última contra o reloxo da proba. A opinión pública pensou que Jan Ullrich houbese acadado a vitoria de non ser o gañador da carreira, Bjarne Riis, o seu xefe de filas. Miguel Indurain declarou que o ciclista alemán gañaría cedo un Tour de Francia.

En 1997 Jan Ullrich chegou a Francia despois de acadar o campionato alemán de ciclismo en ruta e unha vitoria parcial na Volta a Suíza. O traballo do alemán era axudar a Bjarne Riis, pero nas tiradas de montaña da segunda semana conseguiu poñerse o maillot amarelo impoñéndose nas subidas ós Marco Pantani, Richard Virenque, Bjarne Riis ou Abraham Olano. Despois gañou a contra o reloxo da 12ª aumentando a súa vantaxe, e o resto da carreira defendeuse dos ataques de Marco Pantani e Richard Virenque con éxito para coroarse como primeiro ciclista alemán que gañou un Tour de Francia.

Jan Ullrich en 2005 coas cores do equipo T-Mobile.

En 1998 Ullrich púxose de amarelo na 9ª tirada do Tour de Francia, nunha contra o reloxo, pero uns días despois o italiano Marco Pantani atacou nos Alpes e acadou 9 minutos de vantaxe sobre o alemán, que quedaba 4º na clasificación xeral. Na 16ª tirada Jan Ullrich acadou a vitoria no Col de la Madeleine, e despois venceu na última contra o reloxo, o cal lle valeu para rematar aquel Tour de Francia na 2ª posición da clasificación xeral, detrás de Marco Pantani.

En 1999 Ullrich tivo unha caída na Volta a Alemaña, pola cal non puido disputar o Tour de Francia 1999, no cal venceu por vez primeira Lance Armstrong. Jan Ullrich decidiu participar na Vuelta a España, que na cal acadou a súa 2ª vitoria nunha gran volta, e pouco despois venceu no campionato do mundo de ciclismo en contra o reloxo.

No Tour de Francia do ano 2000 agardábase unha loita entre Jan Ullrich, Marco Pantani e Lance Armstrong, os gañadores da carreira francesa nos últimos 3 anos. A vitoria final foi para Lance Armstrong, quedando Jan Ullrich segundo. O alemán gañou pouco despois a medalla de ouro na proba de ciclismo en ruta e a medalla de prata na proba de ciclismo contra o reloxo nos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney.

No 2001 Jan Ullrich correu o Giro de Italia, rematando na posición 52ª da clasificación xeral, e despois acadou novamente a 2ª posición final no Tour de Francia por detrás de Lance Armstrong. Os efectos desta nova derrota fronte ó americano foron unha depresión e a caída na alcoholemia.

En 2002 Jan Ullrich tivo un accidente de tráfico estando baixo os efectos do alcohol, e un mes despois lle foi retirada a súa licenza para competir tras unha análise de sangue na que lle atoparon anfetamina. El confesou ter tomado éxtase coas anfetaminas, e o seu equipo o sancionou con 6 meses. A sanción foi pequena xa que o consumo de drogas tivo lugar nuns meses nos que el estaba mancado nunha perna, polo cal non se considerou que o obxectivo daquel consumo fose o de mellorar o rendemento físico, ou sexa, doparse.

No Tour de Francia 2003 Jan Ullrich xa non estaba considerado como un posible gañador da proba, polo cal sorprendeu a todo o mundo cando foi quen de acadar outro 2º posto na clasificación final. O alemán corría cun equipo pequeno, o Bianchi, que perdeu moito tempo na contra o reloxo por equipos. Na montaña Ullrich puxo en dificultades a Armstrong máis que nunca, mesmo o agardou cando o americano tivo unha caída por mor dun seareiro, e na última contra o reloxo individual, cando as diferenzas na clasificación eran moi pequenas, Ullrich tivo unha caída por mor da choiva, e perdeu a carreira tan só por 61 segundos. Ese ano Jan Ullrich foi nomeado mellor deportista de Alemaña.

En 2004, de volta ó equipo Telekom, Ullrich venceu na Volta a Suíza, proba que se disputa unhas semanas antes do Tour de Francia, pero na carreira francesa non foi quen de acadar un posto no podio. Rematou cuarto.

De novo co obxectivo de gañar en Francia, o día antes de comezar o Tour de Francia 2005, Jan Ullrich tivo un accidente adestrando, cando o coche do seu equipo que ía diante del pisou o freo de súpeto e o alemán bateu coa cabeza na fiestra e apareceu nos asentos traseiros do coche. Ó día seguinte era superado por Lance Armstrong no prólogo do Tour. Nas tiradas de montaña Ullrich caeu de novo e mancouse nas costelas. O alemán acadou o 3º posto na xeral superado por Lance Armstrong e o italiano Ivan Basso.

Lance Armstrong anunciou a súa retirada, e Jan Ullrich decidiu que 2006 tiña que ser o seu ano, de xeito que a tempada estivo totalmente centrada na preparación do Tour de Francia 2006. En maio disputou o Giro de Italia, amosando un bo estado físico. Venceu na 11ª tirada, pero retirouse na 19ª por mor duns dores nas costas. Pouco despois venceu a Volta a Suíza, e semellaba ser o favorito número 1 para gañar de novo o Tour de Francia. Non obstante, só unhas semanas antes do comezo da proba, Jan Ullrich viuse envolto nas pescudas antidopaxe da Operación Puerto, e o ciclista foi expulsado do seu equipo.

En febreiro de 2007 Jan Ullrich anunciou a súa retirada do ciclismo con 33 anos de idade.

Participacións nas Grandes Voltas[editar | editar a fonte]

1994 1995 1996 1997 1998 1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006
Giro de Italia - - - - - - - 52º - - - - Ab.
Tour de Francia - - - - -
Vuelta a España - Ab. - - - Ab. - - - - - -

-: non participou
Ab.: abandono

Equipos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]