Jaime Valle-Inclán Blanco
Jaime Valle-Inclán Blanco | |
---|---|
Nacemento | 29 de xaneiro de 1922 |
Lugar de nacemento | A Mercé |
Falecemento | 17 de outubro de 1985 |
Lugar de falecemento | Barcelona |
Nacionalidade | España |
Ocupación | pintor |
Pai | Ramón María del Valle-Inclán |
Nai | Josefina Blanco |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Jaime Baltasar Clemente Valle-Inclán Blanco, nado na Mercé (Posmarcos, A Pobra do Caramiñal) o 29 de xaneiro de 1922 e finado en Barcelona o 17 de outubro de 1985, foi un pintor e político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo de Ramón María del Valle-Inclán e Josefina Blanco Tejerina. Con pouco máis de dous anos a familia marchou a Madrid, onde viviron ata 1933. Nese ano acompañou ao seu pai a Roma, onde fora nomeado director da Academia Española de Bellas Artes. En 1936 estuda un curso nun colexio de El Escorial que pertencía á Institución Libre de Enseñanza. Trala morte do pai en xaneiro de 1936 trasladouse a vivir a Barcelona, ingresou no Colexio Ausías March no que recibiu clases de historia de Vicens-Vives. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e contra os desexos maternos, incorporouse voluntariamente ao Exército Republicano sendo destinado ao Batallón de Milicias Populares Gallegas, baixo o mando de Enrique Líster. Ao rematar a guerra pasou a Francia e foi internado no campo de concentración de Saint Cyprien. Saíu do campo grazas á axuda de Clara Candiani e trasladado a París tomando contacto con Pablo Neruda, conseguindo ser acollido en Chile coa súa irmá María Beatriz (Mariquiña).
Embarcou no barco "Reina del Pacífico" en La Rochelle o 19 de xuño de 1939. En Chile iniciou a súa actividade pictórica presentando a súa primeira exposición no Instituto Chileno-Norteamericano de Cultura de Santiago de Chile. Entre outubro de 1946 e maio de 1947 está na Arxentina, posteriormente expón tamén en Venezuela e o Brasil. En Venezuela foi profesor de Debuxo e Historia da Arte en San Cristóbal de Táchira. En 1948 viaxou por Colombia, Panamá, México e Cuba e ao ano seguinte foi como correspondente da revista Elite de Caracas a Perú. En 1950 regresou a Europa instalándose primeiro en París, alternando con viaxes a Galicia ata 1958 cando xa se instalou en Madrid. Retornou novamente a París e a España en 1958. Nese tempo caeu gravemente enfermo e paralizouse a súa actividade pictórica. Trala recuperación a comezos dos anos sesenta volveu viaxar a París e comezou a súa colaboración na empresa de enxeñería do seu amigo José Torán Peláez para dirixir o proxecto encargado pola Administración, El Libro del Ebro, deixando de pintar. En 1970 volveu pintar nun estudio cedido polo seu amigo Juan A. Díaz Aguado en El Escorial onde se recluiu varios meses. En 1972 instálase xunto coa familia en Barcelona e dedícase exclusivamente á pintura, participando en moitas de exposicións como a colectiva "Plástica Gallega" na Galería Fauna´s de Madrid en 1980, "El intimismo de la Pintura Española en los siglos XIX y XX" en Quito en maio-xuño de 1980, "Los efectos de la luz en la Pintura Española en los siglos XIX y XX" en Antuerpen en maio de 1981, unha exposición colectiva do Concello de Pontevedra en 1982 e a exposición da sala Dalmau de Barcelona con José Díaz e Guillermo Delgado en 1983.
Morreu en outubro de 1985 en Barcelona. Polo seu desexo os seus restos foron incinerados e trasladados ao cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.[1]
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con Ángela Cruz en 1966 e dous anos despois naceu en Santiago de Compostela o seu fillo Yago.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Odriozola, Antonio (2005). "Valle-Inclán Blanco, Jaime del". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Ficha no Repertorio biobibliográfico do exilio galego Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
- Don Jaime, el Valle-Inclán pintor