Saltar ao contido

Jack o Destripador

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Jack o destripador»)

Modelo:BiografíaJack o Destripador

Descuberta dunha vítima atribuída a Jack o Destripador.
Biografía
NacementoDescoñecido
Reino Unido Editar o valor en Wikidata
MorteDescoñecido
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaLondres Editar o valor en Wikidata
Q89547790Asasinatos de Whitechapel
Actividade
Lugar de traballo Whitechapel (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
OcupaciónAsasino en serie
Período de actividade(Con vida en: 1888 Editar o valor en Wikidata)
Cronoloxía
31 de agosto de 1888Q124029294 Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNew International Encyclopedia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Jack o Destripador[1][2] (en inglés: Jack the Ripper) é o máis coñecido dos pseudónimos que se lle deron a un asasino en serie non identificado que cometeu varios crimes en 1888 no distrito de Whitechapel de Londres. O nome "Jack o Destripador" orixinouse nunha carta diseminada polos medios de comunicación que fora escrita por alguén non identificado que afirmaba ser o asasino. Esta carta considerouse posteriormente unha fraude, probablemente escrita polos propios xornalistas como forma de atraer máis atención cara á historia e incrementar as vendas dos exemplares de xornais. O asasino foi chamado oficialmente "o Asasino de Whitechapel" ("The Whitechapel Murderer") e "Mandil de Coiro" ("Leather Apron") nos ficheiros policiais do caso e nos recontos xornalísticos da época.

Os ataques adscritos a Jack o Destripador involucraban tipicamente a mulleres prostitutas que vivían e traballaban nos suburbios do East End de Londres, ás que se lles cortou a gorxa antes de sufrir mutilacións abdominais. O feito de que o asasino extirpara os órganos internos de polo menos tres das vítimas levou a hipótese de que posuía coñecementos de anatomía ou cirurxía. Os rumores sobre a conexión entre os asasinatos intensificáronse en setembro e outubro de 1888, e Scotland Yard así como diversos medios de comunicación recibiron cartas dun escritor ou escritores que afirmaban ser o asasino. A carta From Hell ("Dende o Inferno") recibida por George Lusk do Whitechapel Vigilance Committee incluía unha metade dun ril humano preservado, presuntamente extraído dunha das vítimas. O público comezou a crer cada vez máis no asasino en serie único coñecido como "Jack o Destripador", principalmente polas características extraordinariamente brutais dos asasinatos e polo tratamento dos eventos por parte dos medios.

A extensa cobertura nos xornais que recibiron estes asasinatos axudaron a que se espallara a notoriedade do Destripador e a que se solidificase a súa lenda. Unha investigación policial de once asasinatos en Whitechapel no ano 1891 non puido conectar estes outros eventos de forma concluínte cos asasinatos de 1888. Cinco das vítimas, Mary Ann Nichols, Annie Chapman, Elizabeth Stride, Catherine Eddowes e Mary Jane Kelly, coñécense como as "cinco canónicas", e os seus asasinatos ocorridos entre o 31 de agosto e o 9 de novembro de 1888 adoitan considerarse os que tiveron unha maior probabilidade de estar conectados entre si. Estes asasinatos nunca chegaron a resolverse, e as lendas que os arrodearon convertéronse nunha combinación de investigación histórica xenuína, contos populares e pseudohistoria. Existen ao redor dun cento de teorías sobre a identidade real de Jack o Destripador, e os seus asasinatos serviron de inspiración para moitas obras de ficción.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

A mediados do século XIX Gran Bretaña experimentou un influxo de inmigrantes irlandeses que incrementaron de forma considerable a poboación das principais cidades, incluíndo o East End de Londres, e dende o ano 1882 refuxiados xudeus escapando dos pogroms do Tsarato ruso así como doutras áreas de Europa oriental emigraron a estas mesmas cidades.[3][4] A parroquia de Whitechapel pasou a estar superpoboada, e as condicións de vida e laborais empeoraron, propiciando o desenvolvemento dunha clase social pobre moi significativa no lugar.[5] Os roubos, a violencia e a dependencia ó alcohol fixéronse comúns, e a pobreza endémica levou a que moitas mulleres comezaran a exercer a prostitución. En outubro de 1888 a policía de Londres estimou que había nese momento 62 bordeis e 1200 mulleres traballando como prostitutas en Whitechapel.[6] Os problemas económicos da poboación sumáronse ao incremento gradual na tensión social. Entre os anos 1886 e 1889 as frecuentes manifestacións levaron a intervención policial e ao desacougo civil, como por exemplo no caso do Domingo Sanguento do 13 de novembro de 1887.[7] O antisemitismo, crime, racismo, disturbios e a severa pobreza que sufría a poboación alimentaron a percepción pública de que Whitechapel era naquel momento un cubil de inmoralidade.[8] No ano 1888 esta percepción reforzouse cando unha serie de asasinatos grotescos atribuídos a "Jack o Destripador" recibiron unha cobertura dos medios sen precedentes ata esa época.[9]

Asasinatos

[editar | editar a fonte]
Lugares dos primeiros sete asasinatos de Whitechapel

O gran número de agresións a mulleres no East End durante a época engade incerteza sobre o número real de vítimas asasinadas pola mesma persoa.[10] Ata once asasinatos separados, dende o 3 de abril de 1888 ata o 13 de febreiro de 1891, foron incluídos nunha investigación da Metropolitan Police Service de Londres e denomináronse colectivamente no informe policial como os "Asasinatos de Whitechapel".[11][12] As opinións dos estudosos varían en canto se todos estes asasinatos estarían ligados ao mesmo asasino, pero cinco deles, coñecidos como os "cinco canónicos", son amplamente aceptados como obra de Jack o Destripador.[13] A maioría dos expertos indican que os profundos cortes na gorxa, as mutilacións nas áreas abdominais e xenitais, a extracción de órganos internos e as mutilacións faciais progresivas son características distintivas do modus operandi do Destripador.[14] Os primeiros dous casos no arquivo dos asasinatos de Whitechapel, correspondentes as vítimas Emma Elizabeth Smith e Martha Tabram, non se inclúen nos cinco canónicos.[15]

Smith foi vítima dun roubo e violación na rúa Osborn o 3 de abril de 1888. O atacante inseriu un obxecto romo na súa vaxina, resgándolle o peritoneo. A lesión evolucionou nunha peritonite e faleceu ó día seguinte no Hospital de Londres.[16][17] Antes de morrer declarou que fora atacada por dous ou tres homes, e que un deles era un adolescente.[17][18] A prensa ligou este ataque cos asasinatos posteriores,[19] pero a maioría dos autores atribúeno á violencia de bandas non relacionada co caso do Destripador.[11][20][21]

Tabram foi asasinada o 7 de agosto de 1888 tras sufrir 39 feridas de arma branca. A brutalidade deste asasinato sen motivo aparente e a proximidade en lugar e data cos asasinatos posteriores de Jack o Destripador levou a que a policía determinase inicialmente que estaban relacionados.[22] Porén, este ataque é diferente ós asasinatos canónicos no feito de que Tabram foi apuñalada no lugar de que lle cortasen a gorxa e o abdome, e moitos estudosos posteriores non ligan este asasinato aos posteriores por mor desta diferenza no padrón das feridas.[22][23]

Os cinco asasinatos canónicos

[editar | editar a fonte]

Os cinco asasinatos "canónicos" atribuídos a Jack o Destripador son os de Mary Ann Nichols, Annie Chapman, Elizabeth Stride, Catherine Eddowes, e Mary Jane Kelly.[13]

O corpo de Mary Ann Nichols descubriuse ó redor das 3:40 a.m. o venres 31 de agosto de 1888 en Buck's Row (posteriormente chamada Durward Street), en Whitechapel. Tiña dous cortes na gorxa e a parte inferior do seu abdome estaba aberta nunha profunda ferida serrada. Tamén tiña outras varias incisións no abdome, causadas pola mesma arma.[24]

O cadáver de Annie Chapman foi atopado ó redor das 6 a.m. o sábado 8 de setembro de 1888 preto dun portal do xardín traseiro do número 29 de Hanbury Street, en Spitalfields. Ao igual que no caso de Nichols, presentaba dous cortes na gorxa.[25] Tiña o abdome aberto por completo, e na investigación forense descubriuse que o seu útero fora extirpado.[25][26] Durante a investigación policial houbo unha testemuña que declarou ter visto a Chapman ó redor das 5:30 a.m. xunto a un home de cabelo escuro e unha aparencia "elegante mais desgastada".[27]

Fotografía policial do cadáver de Catherine Eddowes
Fotografía policial da escena do crime de Mary Jane Kelly

Elizabeth Stride e Catherine Eddowes foron asasinadas a primeiras horas da mañá do domingo 31 de setembro de 1888. O corpo de Stride foi descuberto ó redor da 1 a.m. en Dutfield's Yard, máis aló de Berner Street (posteriormente Henriques Street) en Whitechapel. A causa da morte foi un corte limpo que lle cortou a arteria principal do lado esquerdo do seu pescozo. A ausencia de mutilacións no seu abdome levou a incerteza sobre a atribución do seu asasinato a Jack o Destripador, ou da probabilidade de que algo ou alguén o interrompera durante o ataque.[28] Algunhas testemuñas declararon ter visto a Stride xunto a un home horas antes, pero deron descricións diferentes en cada caso. Algúns deles declararon que ía cun home pálido, outros que era un home de pel escura. Tamén algunhas destas testemuñas dixeron que o home ía desaliñado, mentres que outros afirmaron que ía ben vestido.[29]

O corpo de Eddowes foi atopado na praza Mitre Square da Cidade de Londres, tres cuartos de hora despois de atoparse o cadáver de Stride. Tiña a gorxa tallada e o abdome aberto cunha gran ferida profunda e serrada. Faltáballe o ril esquerdo e gran parte do útero. Un veciño da zona chamado Joseph Lawende pasou preto desta praza xunto a dous amigos seus pouco antes do asasinato, e afirmou que vira un home de cabelo claro e aparencia farrapenta xunto a unha muller que podía ser Eddowes, mais os seus compañeiros non foron capaces de confirmar esta descrición.[30] Os asasinatos de Eddowes e Stride serían chamados posteriormente o "dobre suceso".[31] Parte do mandil ensanguentado de Eddowes foi atopado na entrada dunha vivenda en Goulston Street, Whitechapel. Tamén se atopou un graffiti nese mesmo lugar que semellaba implicar un xudeu ou grupo de xudeus, pero non se chegou a clarificar se este texto o escribira o asasino cando deixou a peza de roupa ou se fora tan só unha coincidencia,[32] xa que este tipo de pintadas eran habituais en Whitechapel. O comisario de policía Charles Warren ordenou eliminar este graffiti antes do amencer por medo a que provocase disturbios antisemitas.[33]

O corpo mutilado e destripado de Mary Jane Kelly apareceu na cama da súa habitación sinxela do número 13 de Miller's Court onde residía, preto de Dorset Street, as 10:45 a.m. o venres 9 de novembro de 1888. Tiña a gorxa cortada ata o espiñazo, o seu abdome estaba baleiro case por completo de órganos e faltáballe o corazón.[34]

Os cinco asasinatos canónicos perpetráronse pola noite, en ou preto dun fin de semana e ou ben a finais ou a comezos de mes.[35] As mutilacións incrementaron en severidade segundo progresou a serie de asasinatos, agás no de Stride no que probablemente o atacante foi interrompido no acto.[36] A Nichols non lle faltaba ningún órgano, a Chapman faltáballe o útero, a Eddowes extirpáronlle o útero e un ril e tiña a cara mutilada, e finalmente Kelly foi eviscerada e desfigurada, aínda que só o seu corazón faltou na escena do crime.[24][25][30][34]

A crenza histórica de que estes cinco crimes foron obra do mesmo home derivou dos documentos contemporáneos que os ligaron entre si e excluíron os outros crimes.[37] En 1894 Sir Melville Macnaghten, subcomisario da Metropolitan Police Service e xefe do Departamento de Investigación Criminal, escribiu un informe no que afirmou que o asasino de Whitechapel tiña 5 vítimas nada máis.[38] Paralelamente, as conexións entre as cinco vítimas canónicas menciónanse nunha carta escrita polo cirurxián de policía Thomas Bond para Robert Anderson o 10 de novembro de 1888.[39] Algúns investigadores históricos expuxeron que mentres que algúns dos asasinatos eran obra dun único asasino sen lugar a dúbidas, o resto de crimes serían obra dun número descoñecido de asasinos que actuaron de forma independente.[40] Os autores Stewart P. Evans e Donald Rumbelow argumentaron que os cinco canónicos son un "mito do Destripador" e que tres dos casos (Nichols, Chapman e Eddowes) estarían conectados entre si, pero que hai unha menor certeza nos casos de Stride e Kelly.[41] Contrariamente a isto, outros autores teorizaron que os seis asasinatos entre Tabram e Kelly foron obra dun único asasino.[14] O doutor Percy Clark, axudante do forense George Bagster Phillips, pensaba que tan só tres dos asasinatos estaban ligados e que os outros foran perpetrados por "individuo(s) sen carácter ... inducidos a emular o crime".[42] Macnaghten non se uniu ao corpo de policía ata un ano despois dos asasinatos, e o seu memorando contén graves erros sobre os posibles sospeitosos baseándose nos feitos.[43]

Asasinatos posteriores en Whitechapel

[editar | editar a fonte]
Ilustración sobre os crimes de Jack o Destripador no Illustrated Police News, 1889

Polo xeral Kelly está considerada como a última vítima do Destripador, e os historiadores asumen que os crimes remataron nese momento por mor do falecemento, arresto, institucionalización ou emigración do culpable.[20] Porén, o informe do caso dos asasinatos de Whitechapel detalla outros catro crimes que ocorreron posteriormente. Estes son os de Rose Mylett, Alice McKenzie, o "torso de Pinchin Street" e Frances Coles.

Mylett apareceu esganada en Clarke's Yard, (High Street, Poplar) o 20 de decembro de 1888. Non se atoparon sinais de loita, e a policía cría nese momento que se aforcara ela mesma co seu colar ao entrar en estado de shock polo alcohol ou que se suicidara.[44] Non obstante o xurado de investigación emitiu un veredicto de asasinato.[44]

McKenzie foi asasinada o 17 de xullo de 1889 cun corte na súa arteria carótide esquerda. A policía atopou varias lesións e cortes menores no seu corpo, que apareceu en Castle Alley, Whitechapel. Un dos forenses que examinou o corpo, Thomas Bond, pensaba que este era un asasinato do Destripador, pero o seu colega George Bagster Phillips, encargado do exame dos corpos das tres vítimas anteriores, non estivo de acordo con esa conclusión.[45] Escritores posteriores tamén amosan unha división entre aqueles que pensan que o asasino copiou o modus operandi do Destripador para evitar ser sospeitoso,[46] e os que atribúen o crime a Jack o Destripador.[47]

"O torso de Pinchin Street" foi un torso sen cabeza nin pernas dunha muller non identificada que se atopou baixo un arco das vías do tren en Pinchin Street, Whitechapel, o 10 de setembro de 1889. Con toda probabilidade o crime tivo lugar noutra parte e as partes do corpo desmembrado foron dispersadas para desfacerse delas.[48]

Finalmente Coles foi asasinada o 13 de febreiro de 1891 baixo un arco da vía do tren en Swallow Gardens, Whitechapel. Tiña a gorxa cortada pero non se atopou ningunha mutilación corporal. James Thomas Sadler fora visto con anterioridade con ela e foi arrestado e acusado do asasinato, e por un breve período de tempo pensouse que el era o Destripador.[49] Non obstante foi liberado desta acusación por falta de probas o 3 de marzo de 1891.[49]

Outras presuntas vítimas

[editar | editar a fonte]

A maiores dos once crimes de Whitechapel, houbo outras vítimas que algúns autores ligaron a Jack o Destripador. No caso de "Fairy Fay" non se chegou a clarificar se o ataque foi real ou inventado como parte do mito do Destripador.[50] "Fairy Fay" foi o alcume que se lle deu a unha vítima que presuntamente se atopou o 26 de decembro de 1887 "co abdome penetrado por unha estaca",[51] mais non existen asasinatos rexistrados de forma oficial en Whitechapel durante ou preto do Nadal de 1887.[52] "Fairy Fay" foi probablemente creada por mor dunha serie de informes confusos na prensa sobre o asasinato de Emma Elizabeth Smith, á que lle inseriron un obxecto romo no abdome,[53] pero a maioría dos autores están de acordo en que a vítima "Fairy Fay" nunca existiu.[50][54]

Annie Millwood entrou na enfermería do asilo de Whitechapel con feridas de arma branca nas pernas e na parte inferior do seu torso o 25 de febreiro de 1888. Foi dada de alta pero faleceu aparentemente por causas naturais a idade de 38 anos o 31 de marzo de 1888.[54] Posteriormente postulouse que foi a primeira vítima do Destripador, pero este ataque nunca puido relacionarse de forma definitiva.[55] Outra das supostas primeiras vítimas foi Ada Wilson, quen segundo os informes sobreviviu a dúas feridas de arma branca no pescozo recibidas o 28 de marzo de 1888.[56] Annie Farmer residía na mesma pensión que Martha Tabram[57] e denunciou ser vítima dunha agresión o 21 de novembro de 1888. Tiña un corte superficial na gorxa, pero segundo a investigación policial probablemente fose autoinflixido.[57][58]

"O Misterio de Whitehall", outubro de 1888

O "misterio de Whitehall" foi o termo acuñado ó descubrimento dun torso sen cabeza dunha muller o 2 de outubro de 1888 no soto do novo cuartel xeral da policía que se estaba a construír en Whitehall por aquel entón. Previamente xa se atopara un brazo que correspondía a ese corpo flotando no río Támese preto de Pimlico, e unha das pernas descubriuse posteriormente soterrada preto do lugar onde se atopou o torso.[59] O resto das súas extremidades e a cabeza nunca se recuperaron, e o cadáver nunca chegou a identificarse. Estas mutilacións foron semellantes as do caso de Pinchin Street, no que as pernas e a cabeza foran cortadas mais non os brazos. Estes dous casos puideron ser parte dunha serie de asasinatos que foron denominados "Os misterios do Támese", levados a cabo por un único asasino que foi alcumado "o Asasino do Torso".[60] Existe un debate sobre se Jack o Destripador e o Asasino do Torso foron a mesma persoa ou se pola contra foron dous asasinos en serie distintos que estiveron activos na mesma área.[60] O modus operandi deste asasino era diferente ó de Jack o Destripador, e a policía naquel momento descartou calquera tipo de conexión entre os dous.[61] Elizabeth Jackson era unha prostituta da que diversas partes do seu corpo foron recollidas do río Támese nun período de tres semanas en xuño de 1889, e puido ter sido outra vítima do Asasino do Torso.[62]

John Gill, un neno de sete anos, foi atopado morto en Manningham, Bradford o 29 de decembro de 1888. Tiña as pernas amputadas, o abdome aberto cos intestinos por fóra e quitáranlle o corazón e unha orella. As semellanzas co asasinato de Mary Kelly levaron a que a prensa especulase que Jack o Destripador fora o asasino deste rapaz. O leiteiro William Barrett, patrón do neno, foi arrestado por dúas veces polo seu asasinato baseándose en probas circunstanciais, pero foi liberado posteriormente, e nunca se chegou a investigar ninguén máis por este crime.[63]

Carrie Brown foi esganada cunha peza de roupa e despois mutilada cun coitelo o 24 de abril de 1891 en Nova York. O seu corpo tiña unha gran brecha na ingua e cortes superficiais nas pernas e nas costas. Non faltaban órganos da escena do crime, aínda que un dos seus ovarios estaba enriba dunha cama, ben extraído a propósito ou desprendido de forma accidental. Naquel momento comparouse o crime cos de Whitechapel, pero a policía finalmente descartou calquera tipo de conexión.[64]

Investigación policial

[editar | editar a fonte]
O inspector Frederick Abberline, 1888

Os informes policiais conservados sobre os asasinatos de Whitechapel fornecen unha visión detallada do proceso policial da época vitoriana.[65] Un extenso equipo de axentes de policía levou a cabo pescudas casa por casa por todo Whitechapel, recolleron e examinaron diverso material forense, identificaron e seguiron a varios sospeitosos, examinando máis a fondo a algúns e eliminando da investigación a outros. Todos estes métodos e padróns son moi semellantes aos procedementos policiais modernos.[65] Entrevistaron a máis de 2000 persoas, investigando a fondo a máis de 300 delas, e detiveron a 80 sospeitosos.[66][67]

A investigación foi conducida inicialmente polo Departamento de Investigación Criminal (CID) da Policía Metropolitana de Whitechapel liderado polo inspector Edmund Reid. Tralo asasinato de Nichols os inspectores Frederick Abberline, Henry Moore e Walter Simon Andrews foron enviados dende a oficina central de Scotland Yard para axudar na investigación. A policía da Cidade de Londres involucrouse por medio do inspector James McWilliam tralo asasinato de Eddowes, que tivo lugar dentro dos límites da súa xurisprudencia.[68] Malia todo, a dirección xeral das investigacións dos asasinatos víronse obstaculizadas polo feito que o daquela recentemente novo xefe do CID Robert Anderson estivo de permiso en Suíza entre o 7 de setembro e o 6 de outubro, tempo durante o que sucederon os asasinatos de Chapman, Stride e Eddowes.[69] Isto fixo que o comisario Sir Charles Warren asignara o inspector en xefe Donald Swanson na coordinación das investigacións dende Scotland Yard.[66][70]

Un grupo de cidadáns voluntarios do East End chamados o "Comité de Vixilancia de Whitechapel" patrullou as rúas na busca de persoas sospeitosas, sentíndose insatisfeitos cos esforzos policiais que se estaban levando a cabo. Este grupo fixo unha petición ao goberno para que puxese unha recompensa para quen ofrecera información sobre o asasino, e contratou a detectives privados para interrogar ás testemuñas de forma independente.[71]

"A pita cega", debuxo na revista Punch do 22 de setembro de 1888, criticando a suposta incompetencia da policía para capturar o asasino.[72]

Carniceiros, matachíns, cirurxiáns e médicos foron sospeitosos por mor da forma na que se realizaron as mutilacións. Unha nota conservada do sarxento Henry Smith, comisario en funcións da policía da Cidade de Londres, indica que se investigou as coartadas dos carniceiros e matachíns locais, descartándoos así da investigación.[73] Un informe do inspector Swanson enviado á oficina central confirmou que 76 carniceiros e matachíns foran interrogados, incluíndo tamén a tódolos empregados que tiveran nos seis meses previos.[74] Algúns persoeiros famosos contemporáneos, incluíndo a raíña Vitoria, crían que o padrón dos asasinatos indicaba que o culpable tiña que ser un carniceiro ou un gandeiro que transportaba o gando en barco entre Londres e a Europa continental. Whitechapel atopábase preto dos Peiraos de Londres,[8] e era común que este tipo de barcas atracasen os xoves ou venres, partindo de novo os sábados ou domingos.[75] A policía investigou varias destas barcas de gando, pero as datas dos asasinatos non coincidían con ningún dos seus movementos e descartaron tamén o traslado de tripulación entre barcos.[76]

Perfil criminal

[editar | editar a fonte]

A finais do mes de outubro, Robert Anderson pediulle ó cirurxián da policía Thomas Bond que dese a súa opinión sobre ata onde chegaban os coñecementos e habilidades de cirurxía do asasino.[77] A valoración feita por Bond sobre a personalidade do "asasino de Whitechapel" é a primeira instancia conservada dun perfil criminal.[78] O informe levado a cabo por Bond baseouse no seu propio exame do corpo de Mary Jane Kelly, a vítima que presentaba o maior número de mutilacións, e nas notas post mortem dos catro asasinatos canónicos previos.[39] No seu informe escribiu:

Todos os cinco asasinatos foron feitos sen dúbida pola mesma man. Nos primeiros catro as gorxas semellan estar cortadas de esquerda a dereita, no último caso debido á extensa mutilación é imposible dicir en que dirección se fixo o corte fatal, pero atopouse sangue arterial en forma de manchas na parede preto do lugar no que debeu estar apoiada a cabeza da muller.
Todas as circunstancias que arrodean os asasinatos lévanme a formar a opinión de que as mulleres deberon estar deitadas e que en tódolos casos o corte da gorxa foi primeiro.
Tradución do orixinal en inglés.[39]

Bond opúxose firmemente á idea de que o asasino posuíra calquera clase de coñecemento científico ou anatómico, nin tan sequera que tivera "o coñecemento técnico dun carniceiro ou matachín de cabalos". Na súa opinión o asasino debeu ser un home de costumes solitarias, suxeito a "ataques periódicos de manía homicida e erótica", e que as características das mutilacións indicaban unha posible "satiríase". Tamén afirmou que "o impulso homicida puido desenvolverse a partir dunha condición mental perturbadora e vingativa, ou ben unha manía relixiosa puido ser a enfermidade orixinal", pero non foi capaz de asegurar que esas hipóteses fosen certas.[39]

Non se atoparon probas de ningunha actividade sexual con ningunha das vítimas,[14][79] mais algúns psicólogos deduciron que a penetración das vítimas cun coitelo e a forma na que as deixaron expostas en posicións degradantes indicaba que o perpetrador obtivo pracer sexual dos ataques.[14][80] Non obstante esta opinión foi discutida por outros estudosos que consideraron esta hipótese como unha suposición sen probas posibles.[81]

Sospeitosos

[editar | editar a fonte]

A concentración dos crimes nos fins de semana e festivos públicos e a proximidade dunhas poucas rúas entre eles foi indicativo para moitos autores de que Jack o Destripador traballaba e vivía na zona.[82] Outros autores consideraron que o asasino era un home de clase alta cunha boa educación, posiblemente un doutor ou un aristócrata que se aventurou en Whitechapel procedente dunha zona máis adiñeirada.[83] Estas teorías toman inspiración de percepcións culturais como o medo á profesión médica, a desconfianza da ciencia moderna ou a explotación dos pobres por parte dos ricos.[84] Os sospeitosos que se propuxeron anos despois dos asasinatos inclúen virtualmente a calquera que estivese remotamente conectado co caso nos documentos contemporáneos, así como moitos nomes famosos que nunca foron considerados como sospeitosos na investigación policial.[85] Os sospeitosos mencionados nos documentos policiais contemporáneos foron varios, pero as probas contra todos eles foron circunstanciais como moito.[86] Existen moitas e moi variadas teorías sobre a identidade e profesión de Jack o Destripador, pero as autoridades nunca chegaron a poñerse de acordo en ningunha delas, e o número de sospeitosos nomeados chegou a superar a centena.[87][88]

No transcurso dos asasinatos do Destripador, a policía, os xornais e outros recibiron centos de cartas relacionadas co caso. Donald McCormick estimou que eran "probablemente 2000 polo menos",[89] o diario Illustrated Police News do 20 de outubro de 1888 afirmou que a policía investigara unhas 700 cartas,[90] e consérvanse ó redor dunhas 300 na Oficina do Rexistro da Corporación de Londres.[91] Algunhas destas cartas foron ofrecementos de consello ben intencionados para atrapar ó asasino, pero a gran maioría delas foron inútiles.[92] En centos destas cartas os autores afirmaron ser o asasino, das que máis de 200 se conservan na Oficina do Rexistro Público,[89] e tres delas destacaron en particular: a carta Dear Boss, a postal Saucy Jacky e a carta From Hell.[93]

Cartas de Jack o Destripador
Carta Dear Boss
Carta Dear Boss
Carta From Hell
Carta From Hell
Carta Openshaw
Carta Openshaw

A carta Dear Boss ('Querido Xefe') tiña data do 25 de setembro de 1888 e o selo postal era do 27 de setembro de 1888. A Central News Agency de Londres recibiu esta carta e pasouna a Scotland Yard o 29 de setembro.[94] Considerouse unha fraude inicialmente, pero cando se atopou o cadáver de Catherine Eddowes cunha orella parcialmente cortada tres días despois da data do selo postal, a promesa afirmada na carta de "cortarlle a orella á señora" gañou a atención da policía e dos medios.[95] Porén, a orella de Eddowes resultou moi probablemente cortada por accidente durante o ataque do asasino, e a ameaza do autor da carta de enviarlle a orella á policía nunca se levou a cabo.[96] O nome "Jack o Destripador" foi empregado por primeira vez nesta carta por parte do asinante e obtivo unha notoriedade mundial trala publicación da mesma,[97] e moitas das cartas que a seguiron copiaron o ton desta.[98] Algunhas fontes afirmaron que outra carta con data do 17 de setembro de 1888 fora a primeira en usar o nome "Jack o Destripador",[99][100] pero a maioría dos expertos cren que esta foi unha fraude introducida nos rexistros policiais nalgún momento do século XX.[100]

A postal Saucy Jacky estaba selada con data do 1 de outubro de 1888 e recibiuse ese mesmo día na Central News Agency. A letra era semellante á da carta Dear Boss recibida tan só uns días antes.[101] A carta menciona que dúas vítimas foran asasinadas moi preto a unha da outra, o que se cría que indicaba os asasinatos de Stride e Eddowes.[102] Chegou a argumentarse que a carta fora enviada antes de que os crimes se fixesen públicos,[103] pero foi selada máis de 24 horas despois de que ocorresen os crimes, cando os detalles xa eran coñecidos e xa foran publicados na prensa.[102][104]

George Lusk, líder do Comité de Vixilancia de Whitechapel, foi o receptor da carta From Hell o 16 de outubro de 1888. A forma da escrita e o estilo desta carta é diferente ás das cartas anteriores, e chegou acompañada dunha pequena caixa na que Lusk descubriu a metade dun ril conservado en etanol.[105] O ril esquerdo de Eddowes fora extraído polo seu atacante, e o autor desta carta afirmou que "fritira e comera" a metade que faltaba. Malia todo existe un desacordo sobre a orixe do ril, no que varios autores afirman que realmente se trataba do de Eddowes mentres que outros argumentan que tan só era unha broma macabra.[106][107] O ril foi examinado polo doutor Thomas Openshaw do Hospital de Londres, quen determinou que era humano e do costado esquerdo, pero non conseguiu determinar ningunha outra característica biolóxica.[108] O propio Openshaw recibiría posteriormente unha carta titulada "Jack o Destripador", con data do 29 de outubro de 1888.[109]

Scotland Yard publicou facsímiles da carta Dear Boss e da postal o 3 de outubro de 1888 coa esperanza de que alguén recoñecera a letra das mesmas.[110] Charles Warren explicou nunha carta dirixida a Godfrey Lushington, Vicesecretario de Estado do Departamento do Interior: "Creo que todo isto é unha fraude pero por suposto estamos obrigados a intentar verificar quen as escribiu en todo caso."[111] O 7 de outubro de 1888 George R. Sims nun artigo do xornal Sunday Referee insinuou de forma mordaz que a carta fora escrita por un xornalista para aumentar a circulación de exemplares do seu xornal.[112] Axentes da policía afirmaron posteriormente que identificaran un xornalista en particular como o autor da carta e da postal.[113] Este xornalista foi identificado como Tom Bullen nunha carta do inspector xefe John Littlechild dirixida a George R. Sims do 23 de setembro de 1913.[114] Un xornalista chamado Fred Best confesou no ano 1931 que un dos seus colegas do xornal The Star fora o autor das cartas asinadas como "Jack o Destripador" para aumentar o interese nos asasinatos e "manter o negocio vivo".[115]

Cobertura nos medios

[editar | editar a fonte]

Os asasinatos do Destripador marcaron un importante punto de inflexión no tratamento dos crimes por parte dos xornalistas.[20][116] Jack o Destripador non era o primeiro asasino en serie, pero o seu caso foi o primeiro que provocou un frenesí nos medios de comunicación a nivel mundial.[20][116] As reformas fiscais levadas a cabo na década dos anos 1850 posibilitaron a publicación de xornais a prezos moi accesibles cunha maior circulación que ata ese momento.[117] Na época vitoriana isto tivo como consecuencia a circulación masiva de xornais moi baratos e revistas moi populares como The Illustrated Police News, propiciando que o caso do Destripador recibise unha publicidade sen igual ata aquel entón.[118]

Anuncio nun xornal de setembro de 1888

Tralo asasinato de Nichols a comezos de setembro, o Manchester Guardian informou: "Sexa cal sexa a información que posúe a policía, consideran necesario mantela en segredo ... Crese que a súa atención esta dirixida en particular cara ... un personaxe destacado coñecido como 'Leather Apron' (Mandil de Coiro)."[119] Os xornalistas sentíanse frustrados pola negativa do CID de revelar detalles da súa investigación publicamente, polo que recorreron a escribir artigos dunha veracidade cuestionable,[20][120] e varias descricións imaxinativas de "Mandil de Coiro" apareceron nos xornais,[121] malia que outros rivais xornalistas desdeñaron estas descricións cualificándoas de "consecuencias mistificadoras do capricho dos xornalistas".[122] John Pizer, un home xudeu local que fabricaba calzado de coiro, era coñecido co alcume de "Mandil de Coiro"[123] e foi arrestado, aínda que o inspector a cargo da investigación informou de que non tiñan ningunha proba na súa contra,[124] polo que foi posto en liberdade ó pouco tempo cando se confirmou que tiña unha coartada.[123]

Trala publicación da carta Dear Boss, "Jack o Destripador" substituíu a "Mandil de Coiro" como o nome adoptado pola prensa e polo público para describir ó asasino.[125] O nome "Jack" xa fora empregado anteriormente para describir a outro criminal famoso en Londres, "Spring-heeled Jack", quen saltaba por riba dos muros para atacar as súas vítimas e escapar rapidamente.[126] A invención e adopción dun alcume para un asasino particular converteuse nunha práctica habitual nos medios de comunicación. Algúns exemplos de alcumes derivados de "Jack o Destripador" foron os do "Destripador Francés",[127] o "Destripador de Düsseldorf",[128] o "Destripador de Camden",[129] "Jack the Stripper",[130] o "Destripador de Yorkshire"[131] e o "Destripador de Rostov".[132] Os artigos sensacionalistas publicados na prensa da época en combinación co feito de que nunca se condenou a ninguén polos asasinatos resultan contraproducentes para calquera estudo analítico, contribuíndo a crear unha lenda que estendeu a súa influencia a outros asasinos en serie posteriores.[133]

Legado e influencia

[editar | editar a fonte]

A natureza dos crimes e da situación social das vítimas atraeu a atención cara ás pobres condicións de vida no East End[134] e azuou a opinión pública en contra dos barrios baixos superpoboados e insalubres.[135] Nas dúas décadas posteriores aos asasinatos, as peores partes destes suburbios foron demolidas e reconstruídas,[136] pero as rúas e algúns dos edificios sobreviviron e a lenda do Destripador continúa promovéndose por medio de visitas guiadas polos lugares dos asasinatos.[137] O pub Ten Bells en Commercial Street era frecuentado por unha das vítimas, Mary Kelly, e foi un dos puntos principais deste tipo de visitas guiadas durante moitos anos,[138] e no ano 2015 inaugurouse o Museo de Jack o Destripador no leste de Londres.[139]

Cartel promocional dunha visita guiada temática sobre Jack o Destripador, en Londres

Como repercusión inmediata dos asasinatos "Jack o Destripador" pasou a ser tratado popularmente como unha especie de home do saco,[140][141] e as súas representacións adoitaban ser fantasmagóricas ou monstruosas. Nos anos 1920 e 1930 as representacións do personaxe nos filmes amosábao vestido en roupa de diario, na figura dun home reservado á caza de vítimas que non sospeitaban nada. A atmosfera maligna suxeríase grazas aos efectos de iluminación e xogos de sombras.[142] Cara aos anos 1960 o Destripador pasou a representarse como "o símbolo da aristocracia predadora",[142] sendo representado como un cabaleiro cun sombreiro de copa. O Establishment no seu conxunto converteuse no vilán, co Destripador actuando como a manifestación da explotación levada a cabo por parte das clases altas.[143] A imaxe do Destripador na ficción tomou prestados símbolos das historias do cine de terror, como por exemplo a capa de Drácula ou a colleita de órganos de Frankenstein, e o mundo ficticio de "Jack o Destripador" chegou a fusionarse con moitos xéneros diferentes.[142]

A maiores das contradicións e da pouca fiabilidade dos rexistros contemporáneos, os intentos de identificar ó asasino vense obstruídos pola falta de probas forenses sobreviventes.[144] As análises do ADN nas cartas e outro material existente resultan inconcluíntes,[145] xa que este material está demasiado contaminado como para fornecer resultados significativos.[146][147] Existen afirmacións incompatibles entre si de que existen probas de ADN que apuntan a dous sospeitosos diferentes, Aaron Kosminski e Walter Sickert, e en ámbolos dous casos a metodoloxía empregada foi obxecto de crítica.[148][149]

Jack o Destripador aparece en centos de obras de ficción así como outras que mesturan feitos reais con ficticios.[150] O Destripador ten aparecido en novelas, relatos curtos, poemas, banda deseñada, xogos, cancións, obras teatrais, óperas, programas de televisión, filmes e videoxogos. Existen máis dun cento de obras fóra da ficción que tratan sobre os asasinatos de Jack o Destripador, converténdoo nun dos temas máis tratados no eido da literatura sobre crimes reais.[87] A novela de 1913 de Marie Belloc Lowndes titulada The Lodger[151] e a obra Jack the Ripper: The Final Solution escrita por Stephen Knight en 1976, que elaborou unha teoría da conspiración que involucraba ós masóns, á realeza e á profesión médica,[152] foron de grande influencia en moitas dramatizacións posteriores, como por exemplo na banda deseñada From Hell de Alan Moore e Eddie Campbell,[153] adaptada á súa vez ó cinema no filme homónimo From Hell de 2001 protagonizado por Johnny Depp.[154] O termo inglés ripperology ('destripoloxía') foi cuñado por Colin Wilson nos anos 1970 para describir o estudo do caso por parte tanto de profesionais como de afeccionados,[155][156] que publicaron as súas investigacións principalmente nas revistas Ripperana, Ripperologist e Ripper Notes.[157]

Non existe unha figura de cera de Jack o Destripador no museo Madame Tussauds, de acordo coa súa política de non facer modelos de persoas das que non se coñece a identidade con total seguridade,[158] polo que está representado por unha sombra.[159] No ano 2006 a revista BBC History e os seus lectores escolleron a Jack o Destripador como o "peor británico da historia".[160][161]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para destripador.
  2. Algúns usos do nome en medios galegos:
  3. Kershen, Anne J. The Immigrant Community of Whitechapel at the Time of the Jack the Ripper Murders.  (Werner 2008, pp. 65–97)
  4. Vaughan, Laura. Mapping the East End Labyrinth.  (Werner 2008, p. 225)
  5. "Life and Labour of the People in London". The Charles Booth on-line archive (en inglés). Macmillan. 1902-1903. Consultado o 5 de agosto de 2008. 
  6. Evans & Skinner 2000, p. 283; Fido 1987, p. 82; Rumbelow 2004, p. 12
  7. Begg 2003, pp. 131–149; Evans & Rumbelow 2006, pp. 38–42; Rumbelow 2004, pp. 21–22
  8. 8,0 8,1 Marriott, John. The Imaginative Geography of the Whitechapel murders.  (Werner 2008, pp. 31–63)
  9. Haggard, Robert F. (1993). "Jack the Ripper As the Threat of Outcast London". Essays in History (en inglés) (Corcoran Department of History, University of Virginia) 35. 
  10. Woods & Baddeley 2009, p. 20
  11. 11,0 11,1 "The Crimes" (en inglés). London Metropolitan Police. Consultado o 1 de outubro de 2014. 
  12. Cook 2009, pp. 33–34; Evans & Skinner 2000, p. 3
  13. 13,0 13,1 Cook 2009, p. 151
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Keppel, Robert D.; Weis, Joseph G.; Brown, Katherine M.; Welch, Kristen (2005). "The Jack the Ripper Murders: A Modus Operandi and Signature Analysis of the 1888–1891 Whitechapel Murders". Journal of Investigative Psychology and Offender Profiling (en inglés) 2: 1–21. doi:10.1002/jip.22. 
  15. Evans & Rumbelow 2006, pp. 47–55
  16. Begg 2003, pp. 27–28; Evans & Rumbelow 2006, pp. 47–50
  17. 17,0 17,1 Evans & Skinner 2000, pp. 4–7
  18. Begg 2003, p. 28
  19. Begg 2003, pp. 155–156; Cook 2009, p. 62
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Davenport-Hines, Richard (2004). "Jack the Ripper (fl. 1888)". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). Oxford University Press. (require subscrición (?)). 
  21. Begg 2003, pp. 29–31; Evans & Rumbelow 2006, pp. 47–50; Marriott 2005, pp. 5–7
  22. 22,0 22,1 Evans & Rumbelow 2006, pp. 51–55
  23. Marriott 2005, p. 13
  24. 24,0 24,1 Evans & Rumbelow 2006, pp. 60–61; Rumbelow 2004, pp. 24–27
  25. 25,0 25,1 25,2 Rumbelow 2004, p. 42
  26. Marriott 2005, pp. 26–29
  27. Begg 2003, p. 153; Cook 2009, p. 163; Evans & Skinner 2000, p. 98; Marriott 2005, pp. 59–75
  28. Cook 2009, p. 157; Marriott 2005, pp. 81–125
  29. Begg 2003, pp. 176–184
  30. 30,0 30,1 Begg 2003, pp. 193–194; Evans & Skinner 2000, pp. 185–188
  31. Evans & Skinner 2001, p. 30; Rumbelow 2004, p. 118
  32. Cook 2009, p. 143; Fido 1987, pp. 47–52; Sugden 2002, p. 254
  33. Evans & Skinner 2000, pp. 183–184
  34. 34,0 34,1 Sugden 2002, pp. 315, 319
  35. Evans & Skinner 2000, pp. 339–340
  36. Evans & Skinner 2000, pp. 584–587; Fido 1987, p. 98
  37. Cook 2009, p. 151; Woods & Baddeley 2009, p. 85
  38. Cook 2009, p. 151; Evans & Skinner 2000, pp. 584–587; Rumbelow 2004, p. 140
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 Evans & Skinner 2000, pp. 360–362; Rumbelow 2004, pp. 145–147
  40. Cook 2009, pp. 156–159, 199
  41. Evans & Rumbelow 2006, p. 260
  42. Cook 2009, pp. 179–180; Evans & Rumbelow 2006, p. 239
  43. Marriott 2005, pp. 231–234; Rumbelow 2004, p. 157
  44. 44,0 44,1 Evans & Rumbelow 2006, pp. 245–246; Evans & Skinner 2000, pp. 422–439
  45. Evans & Rumbelow 2006, pp. 208–209; Rumbelow 2004, p. 131
  46. Evans & Rumbelow 2006, p. 209
  47. Marriott 2005, p. 195
  48. Evans & Rumbelow 2006, p. 210; Evans & Skinner 2000, pp. 480–515
  49. 49,0 49,1 Evans & Rumbelow 2006, p. 218–222; Evans & Skinner 2000, pp. 551–568
  50. 50,0 50,1 Evans, Stewart P.; Connell, Nicholas (2000). The Man Who Hunted Jack the Ripper (en inglés). ISBN 1-902791-05-3. 
  51. Fido 1987, p. 15
  52. Evans & Skinner 2000, p. 3
  53. Sugden 2002, pp. 5-6
  54. 54,0 54,1 Begg, Paul (2006). Jack the Ripper: The Facts (en inglés). Anova Books. pp. 21–25. ISBN 1-86105-687-7. 
  55. Beadle 2009, p. 75
  56. Beadle 2009, p. 77; Fido 1987, p. 16
  57. 57,0 57,1 Beadle 2009, p. 207
  58. Evans & Rumbelow 2006, p. 202; Fido 1987, p. 100
  59. Evans & Rumbelow 2006, pp. 142–144
  60. 60,0 60,1 Gordon, R. Michael (2002). The Thames Torso Murders of Victorian London (en inglés). Jefferson, Carolina do Norte: McFarland & Company. ISBN 978-0-7864-1348-5. 
  61. Evans & Rumbelow 2006, pp. 210–213
  62. Gordon, R. Michael (2003). The American Murders of Jack the Ripper (en inglés). Santa Barbara, California: Greenwood Publishing. pp. xxii, 190. ISBN 978-0-275-98155-6. 
  63. Evans & Skinner 2001, p. 136
  64. Vanderlinden, Wolf (2003-2004). "The New York Affair". Ripper Notes (en inglés). 16, 17, 19. ISBN 0-9759129-0-9. 
  65. 65,0 65,1 Canter 1994, pp. 12-13
  66. 66,0 66,1 Begg 2003, p. 205
  67. Evans & Rumbelow 2006, p. 113; Evans & Skinner 2000, p. 125
  68. "The Enduring Mystery of Jack the Ripper" (en inglés). London Metropolitan Police. Arquivado dende o orixinal o 4 de febreiro de 2010. Consultado o 31 de xaneiro de 2010. 
  69. Evans & Skinner 2000, p. 675
  70. Evans & Rumbelow 2006, pp. 84–85
  71. Evans & Skinner 2000, pp. 245–252
  72. Begg 2003, p. 57
  73. Rumbelow 2004, p. 274
  74. Begg 2003, p. 206; Evans & Skinner 2000, p. 125
  75. Rumbelow 2004, p. 93; Evans & Skinner 2000, p. 341
  76. Evans & Skinner 2000, p. 399
  77. Evans & Rumbelow 2006, pp. 186–187; Evans & Skinner 2000, pp. 359–360
  78. Canter 1994, pp. 5–6
  79. Woods & Baddeley 2009, p. 38
  80. Woods & Baddeley 2009, p. 111
  81. Evans & Rumbelow 2006, pp. 187–188, 261; Woods & Baddeley 2009, pp. 121–122
  82. Marriott 2005, p. 205; Rumbelow 2004, p. 263; Sugden 2002, p. 266
  83. Begg 2003, p. 43
  84. Woods & Baddeley 2009, pp. 111–114
  85. Evans & Rumbelow 2006, p. 261
  86. Begg 2003, p. 264
  87. 87,0 87,1 Whiteway, Ken (2004). "A Guide to the Literature of Jack the Ripper". Canadian Law Library Review (en inglés) (HeinOnline) 29 (5): 219–229. 
  88. Eddleston 2002, pp. 195–244
  89. 89,0 89,1 Evans & Skinner 2001, p. 8 ,180
  90. Evans & Skinner 2001, p. 199
  91. Evans & Skinner 2001, p. 149
  92. Begg 2003, p. 165; Evans & Skinner 2001, p. 105; Rumbelow 2004, pp. 105–116
  93. Fido 1987, pp. 6–10; Marriott 2005, pp. 219
  94. Cook 2009, pp. 76–77; Evans & Rumbelow 2006, p. 137; Evans & Skinner 2001, pp. 16–18; Woods & Baddeley 2009, pp. 48–49
  95. Cook 2009, pp. 78–79; Marriott 2005, p. 221
  96. Cook 2009, p. 79; Evans & Skinner 2001, p. 179; Marriott 2005, p. 221
  97. Cook 2009, pp. 77–78; Evans & Rumbelow 2006, p. 140; Evans & Skinner 2000, p. 193; Fido 1987, p. 7
  98. Cook 2009, p. 87; Evans & Skinner 2000, p. 652
  99. Eddleston 2002, p. 155
  100. 100,0 100,1 Marriott 2005, p. 223
  101. Marriott 2005, pp. 219–222
  102. 102,0 102,1 Cook 2009, pp. 79–80; Fido 1987, pp. 8–9; Marriott 2005, pp. 219–222; Rumbelow 2004, p. 123
  103. Cullen, Tom (1965). Autumn of terror : Jack the Ripper, his crimes and times (en inglés). Londres: The Bodley Head. p. 103. OCLC 460059251. 
  104. Sugden 2002, p. 269
  105. Evans & Rumbelow 2006, p. 170; Fido 1987, pp. 78–80
  106. "The Hype and the Press Speculation" (en inglés). London Metropolitan Police. Consultado o 1 de outubro de 2014. 
  107. Wolf, Gunter (2008). "A kidney from hell? A nephrological view of the Whitechapel murders in 1888". Nephrology Dialysis Transplantation (en inglés) 23: 3343–3349. doi:10.1093/ndt/gfn198. (require subscrición (?)). 
  108. Cook 2009, p. 146; Fido 1987, p. 78
  109. "Jack the Ripper 'letter' made public". BBC News (en inglés). 19 de abril de 2001. Consultado o 2 de xaneiro de 2010. 
  110. Evans & Skinner 2001, pp. 32–33
  111. Cook 2009, p. 78; Evans & Rumbelow 2006, p. 140; Evans & Skinner 2001, p. 43
  112. Evans & Skinner 2001, pp. 41, 52; Woods & Baddeley 2009, p. 54
  113. Cook 2009, pp. 94–95; Evans & Skinner 2001, pp. 45–48; Evans & Skinner 2000, pp. 624–633; Marriott 2005, pp. 219–222; Rumbelow 2004, pp. 121–122
  114. Cook 2009, pp. 96–97; Evans & Skinner 2001, p. 49; Evans & Skinner 2000, p. 193; Marriott 2005, p. 254
  115. Evans & Skinner 2001, pp. 51–52
  116. 116,0 116,1 Woods & Baddeley 2009, pp. 20, 52
  117. Begg 2003, p. 208
  118. Curtis, L. Perry, Jr. (2001). Jack the Ripper and the London Press (en inglés). Yale University Press. ISBN 0-300-08872-8. 
  119. Begg 2003, p. 98
  120. Begg 2003, p. 214
  121. Begg 2003, pp. 98–99; Evans & Rumbelow 2006, p. 80
  122. Begg 2003, p. 99
  123. 123,0 123,1 Marriott 2005, p. 251; Rumbelow 2004, p. 49
  124. Begg 2003, p. 99; Evans & Skinner 2000, p. 24
  125. Evans & Skinner 2001, pp. 13, 86; Fido 1987, p. 7
  126. Ackroyd, Peter (1991). Introduction.  En Werner 2008, p. 10; Rivett & Whitehead 2006, p. 11
  127. Rumbelow 2004, pp. 249, 303–304
  128. Rumbelow 2004, pp. 312–330; Woods & Baddeley 2009, pp. 218–222
  129. Rumbelow 2004, p. 298; Woods & Baddeley 2009, pp. 235–237
  130. Rumbelow 2004, pp. 305–312; Woods & Baddeley 2009, pp. 223–226
  131. Cook 2009, p. 192; Marriott 2005, pp. 330 351; Woods & Baddeley 2009, pp. 57–59
  132. Rumbelow 2004, p. 298; Woods & Baddeley 2009, pp. 226–228
  133. Marriott, John. The Imaginative Geography of the Whitechapel murders.  En Werner 2008, p. 54
  134. Begg 2003, pp. 1–2; Rivett & Whitehead 2006, p. 15
  135. Cook 2009, pp. 139–141; Vaughan, Laura. Mapping the East End Labyrinth.  En Werner 2008, pp. 236–237
  136. Dennis, Richard. Common Lodgings and 'Furnished Rooms': Housing in 1880s Whitechapel.  En Werner 2008, pp. 177–179
  137. Rumbelow 2004, p. xv; Woods & Baddeley 2009, p. 136
  138. Begg 2003, p. 19
  139. Khomami, Nadia (5 de agosto de 2015). "Jack the Ripper museum architect says he was 'duped' over change of plans". The Guardian (en inglés). Consultado o 12 de agosto de 2015. 
  140. Dew, Walter (1938). I Caught Crippen (en inglés). Londres: Blackie and Son. p. 126. ASIN B0006AO686. 
  141. Begg 2003, p. 198
  142. 142,0 142,1 142,2 Bloom, Clive. Jack the Ripper – A Legacy in Pictures.  En Werner 2008, pp. 251–260
  143. Woods & Baddeley 2009, p. 150
  144. Cook 2009, p. 31
  145. Marks, Kathy (18 de maio de 2006). "Was Jack the Ripper a Woman?". The Independent (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2011. Consultado o 5 de maio de 2009. 
  146. Meikle 2002, p. 197
  147. Rumbelow 2004, p. 246
  148. Edmonds, Lizzie (29 de novembro de 2013). "Is this Jack the Ripper? Artist with links to the royal family is most likely suspect, claims crime writer Patricia Cornwell". Mail Online (en inglés). Consultado o 8 de febreiro de 2016. 
  149. Connor, Steve (7 de setembro de 2014). "Jack the Ripper: Has notorious serial killer's identity been revealed by new DNA evidence?". The Independent (en inglés). 
  150. Begg 2003, p. 299; Marriott 2005, pp. 272–277; Rumbelow 2004, pp. 251–253
  151. Woods & Baddeley 2009, p. 67
  152. Meikle 2002, p. 150
  153. Meikle 2002, p. 188
  154. Deming, Mark. "From Hell (2001)". Allmovie. Consultado o 14 de marzo de 2016. 
  155. Woods & Baddeley 2009, pp. 70, 124
  156. Evans, Stewart P. (2003). "Ripperology, A Term Coined By ...". Ripper Notes. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2008. Consultado o 13 de xuño de 2010. 
  157. Creaton, Heather (2003). "Recent Scholarship on Jack the Ripper and the Victorian Media". Reviews in History (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2006. Consultado o 28 de xaneiro de 2010. 
  158. Chapman, Pauline (1984). Madame Tussaud's Chamber of Horrors: Two hundred years of crime (en inglés). Londres: Constable. p. 96. ISBN 978-0094656208. 
  159. Warwick, Alexandra (2006). "The Scene of the Crime: Inventing the Serial Killer". Social and Legal Studies (en inglés) 15 (4): 552–569. doi:10.1177/0964663906069547. 
  160. "Jack the Ripper is 'worst Briton'"". BBC (en inglés). 31 de xaneiro de 2006. Consultado o 4 de decembro de 2009. 
  161. Woods & Baddeley 2009, p. 176

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]