Jørn Utzon
Jørn Utzon, nado en Copenhaguen o 9 de abril de 1918 e finado o 29 de novembro de 2008, foi un arquitecto dinamarqués de recoñecido prestixio en todo o mundo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun enxeñeiro naval, medrou na cidade de Aalborg, onde se interesou desde moi novo polo mundo da navegación. Estuda na Real Academia Danesa de Belas Artes, onde se gradúa en 1942. Pouco despois comeza a traballar no estudio de arquitectura de Gunnar Asplund, en Estocolmo, onde coñece a Arne Jacobsen. Coa fin da segunda guerra mundial, volta para Dinamarca.
Realizou varias viaxes polo mundo. En México quedou abraiado pola maneira na que os maias construian altos templos para achegarse aos seus deuses. Do tempo que pasou no país comentou que foi «unha das maiores experiencias arquitectónicas da miña vida».
En 1957 gañou inesperadamente o concurso para unha nova casa da ópera na cidade australiana de Sydney. Nos seguintes anos, Utzon gradualmente desenvolveu un xeito para a construción das enormes cunchas que cobren os dous muros.
Tamén tiña plans espectaculares para o interior dos vestíbulos, pero por motivos políticos, o novo goberno electo do estado de Nova Gales Sur parou os pagamentos ao arquitecto, polo que este deixou o país en 1966. Nunca volveu.
A Casa da Ópera de Sydney rematouse finalmente e foi aberta no 1973 pola raíña Isabel II, sendo agora un dos máis recoñecibeis edificios do mundo.
En marzo de 2003, Utzon foi galardoado co título de Doutor Honoris pola Universidade de Sydney. O fillo do arquitecto aceptou o galardón en nome do seu o pai, o cal estaba moi enfermo para viaxar a Australia. Utzon foi galardoado tamén coa Orde de Australia e coa Chave da Cidade de Sydney. Estivo tamén envolto nos traballos de remodelación e redeseño da casa da ópera, principalmente no ástrago da entrada, seguindo o acordo feito no ano 2000. No ano 2003, o arquitecto dinamarqués recibiu o maior honor coma arquitecto, foi galardoado co Premio Pritzker.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Vivenda propia, Hellebæk. 1950–1952
- Casa Middelboe, Holte. 1953–55
- Ópera de Sydney. 1956–73.
- Edificios Elineberg, Helsingborg. 1954–66
- Can Lis, Mallorca. 1971
- Interior da igrexa de Bagsværd, preto de Copenhague. 1968–76
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Edge of the Possible, 58 minute documentary, 1998, Dir: Daryl Dellora, Film Art Doco Pty Ltd. (en inglés)