Itinerarius (Johannes Witte de Hese)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Itinerarius en PDF

O Itinerario de Johannes Witte de Hese é un breve relato medieval de viaxes en latín de arredor de 1400. Aínda que pretende ser un relato certo de viaxes do autor, é un relato ficticio dunha viaxe imaxinaria na mesma tradición o Itinerarius de Xoán de Mandeville. O título Itinerarius procede da primeira edición impresa de arredor de 1490. Johannes Witte de Hese é o nome dado ao autor no manuscrito máis antigo que se conserva, pero non se coñece por ningunha outra fonte e o nome pode ser unha invención. Descríbese como un sacerdote da diocese de Utrecht que estivo en Xerusalén en maio de 1389 antes de emprender os seus dous anos de viaxe polo mundo.[1]

A mediados do século XV, o Itinerario fora traducido ao holandés medio (xermánico occidental).[2]

Nome da obra[editar | editar a fonte]

Witte escribiu en latín. O título completo da súa obra é Itinerarius Joannis de Hese, presbiteri, a Hierusalem describens dispositiones terrarum, insularum, montium et aquarum ac etiam quedam mirabilia et pericula per diversas partes mundi contingentia lucidissime enarrans. A tradución do título ao galego sería: Caderno de viaxe do sacerdote Johannes de Hese, que describe desde Xerusalén as situacións de países, illas, montañas, ríos e que conta moi claramente algunhas marabillas e perigos en (pasando por) varios continentes do mundo.

Witte comeza o seu diario de viaxe en Xerusalén, visitando a Terra Santa. Desde alí viaxa polo Xordán até o Mar Vermello e Exipto. En Exipto visita os mosteiros do Sinaí e lugares asociados á mocidade de Xesús. Desde alí cruzou o Mediterráneo dende o porto de Damietta. Navegou a Edesa. A súa viaxe levouno ao Imperio do Preste Xoán, sobre o que na Idade Media había moita fantasía. Witte foi capturado polos soldados do Gran Khan (latín: Grandicanis). Os seus itinerarios eran fantasiosos: viu pigmeos, peixes voadores, unicornios, desertos vivos etc. e narrou milagres experimentados en primeira persoa. Ao leste viu os muros da Terra Paradisíaca no monte Edom. Os seus muros brillaban entre o musgo e chegaban alto até o ceo, coma unha fortaleza inexpugnable. Tamén atopou a entrada do Purgatorio. En Oriente, describe o "Amazonas Branco" (sen relación coa zona actual do Amazonas salvo a orixe grega do nome): aquí viu unha Insula Masculina (illa con homes) e ao seu carón unha Insula Feminina (illa con mulleres).[3]

Como outras historias de viaxes imaxinarias nos Países Baixos, o Itinerario foi moi popular. Coa chegada da imprenta, a obra foi reeditada repetidamente: en Colonia (1500) , Deventer (1504) e Antuerpen (1565).

Edicións posteriores[editar | editar a fonte]

Máis tarde, os editores engadiron descricións sobre os pobos cristiáns (Tractatus decem nationibus Christianorum ou tamén Divisiones decem nationum totius Christianitatis) e cartas entre o Papa Pío II e Johannes Soldanus ou mesmo omitiron partes do Itinerius. As traducións do latín ao holandés medio seguiron a editarse.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Westrem 2001.
  2. Friedman, John Block; Figg, Kristen Mossler (2017-07-05). Routledge Revivals: Trade, Travel and Exploration in the Middle Ages (2000): An Encyclopedia (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 978-1-351-66132-4. 
  3. Friedman, John Block; Figg, Kristen Mossler (2017-07-05). Trade, Travel and Exploration in the Middle Ages (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 978-1-351-66132-4. 
  4. "Catalogue.bnf.fr". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]