Edom (rexión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Edom (hebreo: אֱדוֹם ʼĔḏôm(tiberiano), Edom, «Vermello»; en asirio: Udumi; en siríaco: ܐܕܘܡ, ʼedōm) ou Idumea (grego: Ἰδουμαία, Idoumaía; latín: Idūmaea) era unha rexión do Levante mediterráneo, situada ao sur de Xudea e do mar Morto, e habitada tradicionalmente polo pobo semita dos edomitas ou idumeos.[1]

A maior parte da información que se ten sobre este pobo provén da Biblia e a arqueoloxía.[1] Orixinouse durante o Bronce Recente grazas ao cataclismo dos Pobos do Mar.[2] Conta Estrabón que os idumeos eran nabateos segregados por disensións.[3] Esta información tamén se pode deducir da Historia natural de Plinio o Vello.[4]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo hebreo אֱדוֹם (ʼĔḏôm) significa ‘vermello’, aplícase á cor vermella das lentellas que Xacob lle deu a tomar a Esaú, o seu irmán, a cambio da súa primoxenitura. A Biblia di ao respecto do nome: conta que Edom era un alcume de Esaú (nome que significa ‘peludo’), ao cal ademais lle preparou un «guiso vermello» ao seu irmán máis novo Xacob a cambio dos seus dereitos de primoxenitura.[5] Polo devandito pacto Esaú trasladaríase á rexión que pasaría a chamarse Edom, concretamente ao monte Seir (que tamén significa ‘peludo’), para converterse no patriarca de todo o pobo edomita.[1]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Habitualmente se localiza a terra de Edom nas montañas ao leste do Uadi Aravá, na fronteira meridional de Xordania e Israel, estendéndose até o norte da Península de Arabia.[1] Trátase dunha rexión montañosa e abrupta ao sueste do mar Morto.

A súa primeira capital foi Bozrah,[6] aínda que logo Petra (Selah en hebreo) converteríase na principal praza forte.[7] Outras cidades importantes foron Asiongaber e Eilat.[7]

Historia[editar | editar a fonte]

Mapa do reino de Edom no seu período de máxima extensión, ao redor do 600 a. C. A área en vermello escuro mostra a fronteira aproximada da Idumea de época clásica.

Os edomitas xa constituían algún tipo de pobo durante os séculos XII e XI a. C.,[8] época de que se acharon rastros da explotación de cobre e ferro.[7] Desta época atopáronse asentamentos fortificados, que se comunicaban entre si utilizando sinais de lume.[7]

A presenza asiria resultou beneficiosa para Edom tanto económica como politicamente, segundo suxiren as escavacións.[7] Ao parecer, é durante esta época cando os edomitas se organizan como reino centralizado por primeira vez.[9] Os séculos VIII a VI a. C. son unha época de apoxeo e poder, momento no que o reino alcanza a súa maior extensión.[7]

Tras a conquista babilonia de Xudea, os edomitas asentáronse cada vez máis ao norte, desprazados polos nabateos ao sur, que tomaron o control de boa parte do antigo reino de Edom e estableceron a súa capital en Petra.[10] Prosperaron no sur de Canaán ata que foron derrotados por Xudas Macabeo (163 a. C.) e Xoán Hircano (ca. 125 a. C.). Este último obrigounos a adoptar os costumes e relixión dos xudeus.[10] Tras as conquistas de Pompeio incorporáronse á provincia de Xudea, que pasou a estar gobernada pola dinastía idumea dos herodianos.[10] Segundo Flavio Xosefo, uns 20 000 idumeos tomaron partido xunto cos celotes na defensa de Xerusalén durante o asedio romano do ano 70 d. C.[10] Esta é unha das últimas mencións históricas aos idumeos como pobo.[10]

Cultura[editar | editar a fonte]

Idioma[editar | editar a fonte]

O idioma edomita estaba estreitamente relacionado co hebreo bíblico, até o punto de considerarse unha variedade dialectal.[11] O idioma edomita coñécese só por un pequeno corpus, maiormente formado por breves inscricións e ostraca.[12] Escribíase mediante unha variante do alfabeto fenicio até o século VI a. C., cando pasou a escribirse co alfabeto arameo.[13]

Literatura[editar | editar a fonte]

Especulouse con que o libro de Xob, o primeiro dos libros sapienciais da Biblia, se escribise ou polo menos que se orixinase na cultura edomita.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Tischler, All things in the Bible, páx. 186
  2. Pérez Largacha, Antonio (2003). "El Mediterráneo Oriental ante la llegada de los Pueblos del Mar". Gerión. Revista de Historia Antigua (Universidad Autónoma de Madrid) 21 (1): 27. ISSN 1698-2444. Consultado o 7 de agosto de 2017. 
  3. Estrabón. Geografía. XVI, 2, 34. 
  4. Plinio el Viejo. Historia natural. 
  5. Xénesis "25:30". BibleGateway (en castelán). 
  6. Xénesis "36:33". BibleGateway (en castelán). 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Tischler, All things in the Bible, p. 187
  8. Números "20:14-21". BibleGateway (en castelán). 
  9. Finkelstein, Israel; Silberman, Neil Asher (2001). The Bible Unearthed: Archaeology's New Vision of Ancient Israel and the Origin of Its Sacred Texts (en inglés). Free Press. p. 46. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Tischler, All things in the Bible, p. 188
  11. Nordhoff, Sebastian; Hammarström, Harald; Forkel, Robert; Haspelmath, Martin, ed. (2013). Edomite. Glottolog (Leipzig: Max Planck Institute for Evolutionary Anthropology). 
  12. Pitard, Wayne T. (2001). "Edom". En Metzger, Bruce M. & Coogan, Michael D. The Oxford Guide to People & Places of the Bible. Oxford: Oxford University Press. p. 181. 
  13. Cohen, D., ed. (1988). "Les Langues Chamito-semitiques". Les langues dans le monde ancien et moderne, part 3 (en francés). París: CNRS. 
  14. Miller, Madeleine S.; Miller, J. Lane (1961). "Edomites". Harper's Bible Dictionary. Nueva York: Harper and Row. p. 149. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Tischler, Nancy M. (2006). All the things in the Bible: An Encyclopedia of the Biblical World (en inglés). Westport: Greenwood Press. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]