Instituto Nacional de Colonización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Instituto Nacional de Colonización
Logo
Tipoorganización
Área de operaciónEspaña
Data de fundación18 de outubro de 1939
Data de disolución21 de xullo de 1971
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

O Instituto Nacional de Colonización (INC) foi un organismo creado en España en outubro de 1939 na posguerra, dependente do Ministerio de Agricultura. A súa creación estivo motivada pola necesidade de efectuar unha reforma tanto social como económica da terra, despois da devastación da guerra civil española.

O obxectivo principal do mesmo era transformar o espazo produtivo mediante a reorganización e reactivación do sector agrícola e o incremento da produción agrícola con vistas aos plans autárquicos da época mediante o aumento de terras de traballo e a superficie de rega.

O seu órgano máximo de goberno era o Consello Nacional de Colonización. O organismo desapareceu en 1971, para dar lugar ao Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario (IRYDA).

Políticas do Instituto[editar | editar a fonte]

Conquista del Guadiana, provincia de Badaxoz.
Valderrosas, provincia de Cáceres.
Logotipo do Instituto Nacional de Colonización nun sumidoiro, Cortichelles, provincia de Valencia.

Para a conversión desas amplas terras de secaño en zonas de regadío, emprendeuse a realización de quenllas, pantanos e importantes canles que cambiaron e configuraron en gran medida a paisaxe rural, principalmente de Andalucía e Estremadura.

Entre todas estas canles cómpre apuntar a canle do Baixo Guadalquivir, co que se quixo levar auga ás zonas de marisma e secaño do baixo Guadalquivir. A súa construción, xa planificada dende comezos do século XIX, puido levarse a cabo grazas ao programa de redención de penas por traballo implantado polo franquismo, un sistema que lle permitiu utilizar multitude de presos políticos.

Os criterios e políticas do INC estiveron marcados pola Lei de Bases de Colonización de Grandes Zonas Regables, promulgada en 1939, e mais pola lei do 25 de novembro de 1940 sobre a Colonización de Interese Local, que permitía ao INC financiar aqueles proxectos de transformación de zonas de secaño a regadío. A estas dúas primeiras sumaríase o Decreto de 1942 que autorizaba o INC para adquirir leiras voluntariamente ofrecidas polos seus propietarios. En 1946 promulgaríase a Lei de Expropiación de leiras rústicas consideradas de interese social, a cal posibilitaba baixo previa indemnización, a expropiación de leiras susceptibles de colonización. O seu desenvolvemento definitivo virá coa Lei de Colonización e Distribución da Propiedade das Zonas Regables, de abril de 1949, a cal clasificaba a terra en:

  1. Terras exceptuadas: aquelas que xa foran postas en rega, así como as que estivesen en proceso de transformación por parte do propietario, antes de que comezase a actuación do INC. Estas quedaban exentas da expropiación. Tan só se precisaba unha pequena mellora na leira para que toda ela fose apartada da actuación do INC.
  2. Terras reservadas: aquelas onde o INC podía ofrecer a axuda necesaria para a súa transformación en regadío de man do propietario, podendo intervir no caso de que o propietario non actuase conforme a estes plans.
  3. Terras en exceso: as terras que estarían destinadas para a instalación dos colonos en unidades familiares de explotación. Os criterios de admisión dos colonos baseábanse en cuestións relacionadas cos niveis de renda e a carencia de leiras rústicas aínda que ás veces podían proceder de expropiacións ou das vilas asolagados polos pantanos creados para pór as súas terras en regadío. Así mesmo, era necesaria a presentación dun certificado de penais. A cada colono entregábaselle unha parcela de catro a oito hectáreas cun período provisional de “tutela” de cinco anos, durante o cal era obrigatorio seguir estritamente o plan de explotación do lote. O INC achegaba sementes, abonos, insecticidas, gando vacún e cabalar, e un anticipo das contribucións e renda da terra. O custo de todo iso debíao reintegrar o colono cunha determinada porcentaxe sobre a produción. Tras a tutela, debía amortizar o valor da terra a un interese do 3 % anual, estabelecéndose os prazos entre 15 e 25 anos para a terra e 40 anos para a vivenda. Tras a satisfacción da cantidade total expedíase o “título de propiedade” da parcela e a casa.[1]

Nestas leiras sometidas a proceso de expropiación, os propietarios tiñan dereito a unha reserva sobre elas deste tenor: os propietarios con menos de 30 hectáreas seguían coa propiedade de toda a súa superficie; das leiras entre 30 e 120 hectáreas reservábanselles 30; e por último, os propietarios con máis de 120 hectáreas podían manter un cuarto da súa superficie.

Unha disposición anexa da lei estabelecía que o propietario podía reservar un número de 30 hectáreas máis por cada fillo. As indemnizacións pola expropiación foron moi altas e pagas en metálico inmediatamente.

En definitiva todas estas políticas de reconversión de terras de secaño en espazos regados acabaron beneficiando os grandes terratenentes do momento quen, en troques de perder unha pequena parte das súas terras, normalmente as de peor calidade, na expropiación das terras en exceso destinadas aos colonos, lograban unha importante revalorización da maior parte das súas leiras.[2]

Localización xeográfica[editar | editar a fonte]

Entre os anos 1945 ao 1970 o INC construíu en España máis de 300 vilas de colonización[3] que albergarían unhas 55 000 familias, feito que se converteu nun dos maiores movementos migratorios promovidos polo Estado español no século XX.

Asentáronse principalmente nas concas fluviais, creando unha estrutura rexional ao redor dos principais ríos: Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir e Ebro. Moitas destas vilas tomarían o seu nome do río do cal tomaba o regadío, seguido do engadido del Caudillo ou outras referencias ao ditador Francisco Franco. Coa chegada da democracia gran parte destas referencias elimináronse, aínda que aínda perviven algúns deles. Hai outras vilas cuxo nome non deriva dun río como Llanos del Caudillo ou Bardena del Caudillo.

Cada rexión albergaba delegacións que habitualmente se correspondían con algunha capital de provincia, aínda que tamén se instalarían en grandes poboacións como Talavera de la Reina (Texo) ou Xerez da Fronteira (Guadalete). Este tipo de vilas repártense por 27 provincias peninsulares, así como unha pequena actuación na illa de Ons pertencente a Pontevedra.

Con respecto aos encargados da proxección destes poboados, para o INC traballarían uns oitenta arquitectos, algúns tan importantes como Alejandro de la Sota, Carlos Arniches Moltó, José Borobio Ojeda, José Antonio Corrales, Fernando de Terán ou Antonio Fernández Alba; ademais dos máis notables arquitectos en persoal do INC como Manuel Rosado, Jesús Ayuso Tejerizo, Manuel Jiménez Varea, Agustín Delgado de Robles ou Pedro Castañeda Cagigas. José Luís Fernández del Amo planificou poboados de colonización como Vegaviana (Cáceres) ou Cañada de Agra (Albacete).[4]

Proxectos de colonización en Galicia[editar | editar a fonte]

A mediados da década de 1950 o ministro de Agricultura Rafael Cabestany de Anduaga e o enxeñeiro Odón Fernández Lavandera levaron a cabo un proxecto para crear catro poboados na comarca da Terra Chá, preto do río Miño:[5][6] O Matodoso (Triabá, Castro de Rei), Arneiro (Goá, Cospeito), A Espiñeira (Santa Cristina, Cospeito) e A Veiga do Pumar (Momán, Cospeito). Boa parte da poboación chegou desde Ernes (Negueira de Muñiz) tras a construción do encoro de Salime.

Ademais poboáronse varias aldeas na illa de Ons.[7][8]

Memoria e estudo[editar | editar a fonte]

En Guadalcacín (Xerez da Fronteira) está o Centro de Exposiciones y Estudios de las Colonizaciones[9][10] dirixido por unha comisión científica.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sánchez Expósito 2011, pp. 131-148.
  2. Guarc Pérez 2007, pp. 141-152.
  3. Villa, Águeda; Ojeda, Juan Francisco (2005). "Investigación. Paisajes coloniales en el Bajo Guadalquivir. Origen, evolución y carácter patrimonial". PH Boletín del Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico: 48. ISSN 2340-7565. 
  4. Centellas Soler 2010, pp. 109-126.
  5. Zas Gómez, Evaristo (2002). "A Terra Chá de Lugo, un caso atípico de poblado INC". Arquitectura, ciudad e ideología antiurbana. Actas del Congreso Internacional de Arquitectura celebrado en Pamplona, 14/15 de marzo de 2002. pp. 197–203. 
  6. Ayán Vila, Xurxo; Señorán Martín, José María (2020). "Colónias para homens novos: arqueologia da colonização agrária fascista no noroeste ibérico". En José Morais Arnaud, César Neves e Andrea Martins. Arqueologia em Portugal. 2020 – Estado da Questão (PDF). Lisboa: Associação dos Arqueólogos Portugueses, CITCEM. pp. 2123–2134. 
  7. "O Instituto Nacional de Colonización na Illa de Ons". Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 7 de outubro de 2021. 
  8. Llano Cabado, Pedro de (1981). Ons, a arquitectura dunha comunidade desaparecida. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-105-8. 
  9. Muñoz, Julián Oslé (2004). "Centro de exposiciones y estudios de las colonizaciones de Guadalcacín. Museo de las Colonizaciones". Periférica Internacional. Revista para el análisis de la cultura y el territorio (en castelán) (5): 121–130. ISSN 2445-2696. Consultado o 3 de agosto de 2019. 
  10. "Centro de Exposiciones y Estudios de las Colonizaciones. Guadalcacín (Cádiz) | revista PH" (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2019. 
  11. redaccion. "El Museo de Colonos tendrá una comisión científica – Las Noticias del Jerez Rural" (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Documentais[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]