Infesta, Infesta, Monterrei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infesta

Igrexa de San Vicenzo
ParroquiaInfesta
ConcelloMonterrei
Coordenadas41°58′30″N 7°30′44″O / 41.975, -7.5122222222222Coordenadas: 41°58′30″N 7°30′44″O / 41.975, -7.5122222222222
Poboación76 hab. (2022)
editar datos en Wikidata ]

Infesta é un lugar da parroquia de Infesta, no concello ourensán de Monterrei, na comarca de Verín.[1] Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 76 habitantes (39 homes e 37 mulleres).

Xeografía e acceso[editar | editar a fonte]

Vista da aldea de Infesta. Ao fondo, a Igrexa de San Vicenzo

A aldea atópase no val de Monterrei, a unha altitude de 442 m sobre o nivel do mar. Está franqueada polos seus extremos leste e oeste polos montes da serra de Meda, e polo seu extremo sur continúase co resto do val. O seu extremo norte mira cara a zona máis elevada da depresión de Monterrei.

Está atravesada polo río Rubín, un dos afluentes do río Búbal. Ao seu paso pola aldea é encorado, orixinándose unha balsa de auga que se emprega como zona de baño. Na entrada de Infesta, o Rubín recibe o río de Rebordondo, un dos seus afluentes. No curso deste último están as fervenzas da Lama.

As terras que rodean ao río son fértiles, e son idóneas, ao igual que o resto do val, para o cultivo da vide, a pataca e o trigo.

Chégase mediante o desvío á esquerda desde a estrada N-525, xa sexa desde Albarellos ou desde Guimarei.

Historia[editar | editar a fonte]

O topónimo galego Infesta é un orónimo que indica un terreo irregular con bastante pendente[3]. Outras orixes posibles do topónimo, neste caso o termo "Infesta", poderían acharse na presenza na localidade dun hospital de leprosos, onde eran tratados os peregrinos que padecían a enfermidade (os "infestados")[Cómpre referencia].

Cara a 1920 a aldea sufriu unha inundación logo de que o río desbordase, o que se repetiu en 2019[4][5]. Consérvanse tres muíños hidráulicos, e canalizacións de auga (hoxe inservibles) na contorna da localidade que datan de 1918. A aldea contou, ata 1973, cunha escola para os rapaces e rapazas, e esta era atendida por mestres que se desprazaban diariamente dende a veciña Verín. Tamén chegou a ter tres bares.

O 3 de xullo de 1987 produciuse un accidente[6] no km 275 da N-525, cando un autobús que transportaba un grupo de xubilados oscenses que viñan de facer unha excursión por Galicia saía despedido por un terraplén e acababa a poucos metros da aldea, deixando 38 mortos. Os veciños da localidade colaboraron todo o que puideron nas labores de rescate[Cómpre referencia].

En 2021 a aldea de Infesta foi escollida (xunto a outras 14 localidades) pola Xunta de Galicia como aldea modelo[7].

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O lombelo

A igrexa de San Vicenzo[8] foi construída entre os séculos XVI e XVIII, e conserva a parede norte de estilo románico, coa inscrición "Esta obra se hizo siendo abad Don Valentín Diéguez Montesinos". A fachada de poñente conta cun óculo circular sobre a porta. Os vértices están rematados por pináculos. Accédese ao templo pola porta de estilo gótico, tamén na parede norte. No interior ten pinturas renacentistas, e unha tumba nunha das paredes interiores, que acolle os restos dun bispo. A igrexa de Infesta ardeu no incendio do verán de 2005, onde se perderon o altar maior, o teito e a maioría das imaxes dos santos. Foi nas posteriores labores de reconstrución cando se redescubriron as pinturas renacentistas.

O patrón de Infesta é San Vicenzo de Huesca, cuxa festividade se celebra o 22 de xaneiro. Na súa honra realízase unha procesión arredor da igrexa. Celébrase tamén o Corpus Christi, momento en que se cobren as rúas con pétalos, follas de fentos e ramos de estraloques para recibir o pasarrúas.

No apartado da gastronomía, da localidade de Infesta é propio o lombelo[Cómpre referencia], nome que recibe o costelar de porco cando é asado a lume lento e aderezado con fariña de millo.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Infesta[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Infesta no concello de Monterrei (Ourense)

Guimarei | Infesta

Parroquias de Monterrei[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Monterrei

Albarellos (Santiago) | Estevesiños (San Mamede) | Flariz (San Pedro) | Infesta (San Vicenzo) | A Madanela (Santa María) | Medeiros (Santa María) | Monterrei (Santa María) | Rebordondo (San Martiño) | San Cristovo (San Cristovo) | Vences (Santa Baia) | Vilaza (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomenclátor de Galicia. Busca directa (ed.). "Lugares da parroquia de Infesta, Monterrei". Consultado o 18 de maio de 2023. 
  2. "Instituto Galego de Estatística, consulta do nomenclátor". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 13 de xaneiro de 2024. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para enfesto.
  4. "Aldeas enteiras asolagadas polas trombas de auga en Ourense". CRTVG. 9 de xullo de 2019. 
  5. Xiana Cid (30 de setembro de 2019). "De aldea maldita a aldea modelo". La Región (en castelán). 
  6. "Mueren 38 personas en un accidente en As Estivadas". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xullo de 2017. Consultado o 25 de xaneiro de 2022. 
  7. "Guías de ordenación produtiva: Infesta". Agader. 
  8. Igrexa parroquial de San Vicenzo de Infesta na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]