Historia do Recife

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana do Recife»)

A historia do Recife desenvólvese entre o que era un lugar secundario como porto ao servizo da capital da colonia portuguesa na rexión, Olinda, e a metrópole actual capital do estado brasileiro de Pernambuco.

O porto no arrecife[editar | editar a fonte]

Vista do "porto no arrecife".

En 1535 o donatário[1] de Pernambuco pola coroa portuguesa, Duarte Coelho Pereira, fundou a poboación de Olinda nun outeiro a carón da costa do Atlántico. Dous anos despois, na carta de concesión de foros de vila para Olinda menciónase o lugar do "arrecife dos navíos" (seis quilómetros ao sur, na foz do río Capibaribe) poboado por pescadores e mareantes [2].

En efecto, Recife foi durante case dous séculos o resgardado porto de Olinda, a capital da colonia onde residía a aristocracia portuguesa, dignatarios e terratenentes da cana de azucre. En realidade, o poboado situábase nun estreito e longo istmo costeiro (barra) defendido das ondas do océano por un arrecife paralelo á costa [3][4].

Cidade Mauricia[editar | editar a fonte]

Planta de Mauritsstad e o Recife.

A desprotección do porto do arrecife fronte aos ataques piratas e a ameaza de invasión pola Compañía Holandesa das Indias Occidentais levaron a erixir empalizadas e fortificacións. Pero en 1630 os holandeses ocuparon a colonia. Deseguida (1637) foi deseñado fronte ao arrecife (onde o poboado tamén recibiu un primeiro ordenamento) o plan para o trazado dunha nova cidade como capital da Nova Holanda que se nomeou Mauritsstad ("Cidade Mauricia", por Xoán Mauricio de Nassau, gobernador dos Países Baixos).

O proxecto de Pieter Post impulsado por Mauricio de Nassau incluía un trazado regular con prazas, canais, diques, pontes [5], parques e xardíns (botánico e zoolóxico). O edificio máis notable era o pazo de goberno (Pazo de Friburgo, hoxe desaparecido [6]), na punta nordeste da illa de Santo Antonio, onde Mauritsstad se asentaba. Era unha cidade moderna (con museo natural, observatorio, servizo de bombeiros e recollida de lixo) aberta á tolerancia relixiosa, o que atraíu moitos europeos, entre eles comerciantes xudeus da Península Ibérica (primeira sinagoga do Novo Mundo).

Segregación de Olinda[editar | editar a fonte]

Logo de expulsados os holandeses (1654) houbo unha gradual reocupación do trazado da Cidade Mauricia ao xeito colonial portugués, perdéndose en parte a regularidade e o rigor xeométrico. Por outra banda, a rivalidade latente entre a empobrecida nobreza azucreira de Olinda e a nova e próspera burguesía inmigrada (comerciantes portugueses ou "mascates") da cidade deixada atrás polos holandeses, estalou nun conflito cando a segregación de Recife como concello independente elevado a categoría de vila (Santo António das Cacimbas do Recife do Porto, en 1709). Sufocada a Guerra dos Mascates polas tropas portuguesas, veu ser o xerme do futuro independentismo brasileiro.

O desenvolvemento da nova vila foi rápido, á calor da riqueza xerada polo comercio do porto. Dos 16.000 habitantes que contaba en 1711 pasou a 25.000 en 1745. Ao longo do século XVIII construíronse moitas igrexas e conventos[7], ampliándose de continuo mediante recheos a superficie habitable tanto no arrecife como na illa de Santo Antonio [8][9]. Na ourela norte do Capibaribe, onde Mauricio de Nassau construíra a súa vila de lecer comunicada con Mauritsstad por outra ponte, desenvolveuse o arrabalde de Boa Vista, futuro terceiro núcleo conformador do centro da cidade [10].

Século XIX[editar | editar a fonte]

Panorama de Recife en 1855: en primeiro termo a Illa de Santo Antonio e á dereita o vello Recife co porto.

O século XIX foi o das revolucións que levaron á independencia do Brasil e Recife converteuse na capitalidade de Pernambuco (1827). No eido urbano supuxo a modernización da cidade de acordo cos tempos e cos status novos, especialmente durante a administración de Francisco do Rego Barros (1837-1844) e segundo o modelo de París, onde aquel residira (auga, saneamento, luz pública, hospitais, ferrocarril entre 1858 e 1870, etc.). As liñas xerais da vila mantivéronse cos tres núcleos principais unidos por novas pontes a través dos brazos de auga [11]. No lugar do arruinado Pazo de Friburgo na punta da illa de Santo Antonio erixiuse o novo Pazo de Goberno e diante a futura Praza da República, co teatro de Santa Isabel [12][13].

Século XX[editar | editar a fonte]

O forte crecemento comezou co século XX (duplicouse a poboación entre 1900 e 1920 ao pasar de 113 000 a 239 000 habitantes). Continuou o labor de modernización, o que implicou ás veces a destrución do pasado colonial no vello Recife [14]. A cidade creceu na beiramar coa urbanización da liña de praia de Boa Viagem no sur [15].

Na segunda metade do século a expansión acentuouse, configurando a metrópole actual.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cargo similar ao de vicerrei (esp: virrei) na tradición política española.
  2. O poboado no arrecife dende a ourela onde se estaba a construír Mauritsstad (ao fondo, no centro apenas se divisa o casarío de Olinda no lonxano outeiro da costa; Frans Post [1][Ligazón morta permanente]
  3. Mapa do arrecife, o istmo co poboado e a vila de Olinda á dereita
  4. "Vista de época do arrecife propiamente dito defendendo o porto". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2012. Consultado o 19 de xullo de 2012. 
  5. A ponte do Recife dende a illa de Santo Antonio, unha das primeiras do novo mundo [2]
  6. A Huis Vrijburg (Pazo de Friburgo) no extremo nordeste de Mauritsstad [3]
  7. Vista do Recife no século XVIII; Santo Antonio á esquerda e o vello Recife á dereita [4]
  8. Evolución urbana do poboado no arrecife, 1637-1739
  9. Mapas do Recife en 1776
  10. Mapa do Recife no século XIX
  11. "Mapa do Recife, 1894". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 05 de abril de 2011. 
  12. O novo Pazo do Goberno e o Teatro Sta.Isabel na futura Praza da República; vista dende o Recife vello (actual ponte Buarque) [5]
  13. Vista aérea moderna da Praza da República
  14. Destrucións no vello Recife para modernizar a rede urbana
  15. Mapa do Recife nos anos cincuenta
  16. Mapa da Rexión Metropolitana do Recife