Compañía Holandesa das Indias Occidentais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Territorios de WIC

Compañía holandesa das Indias Occidentais (en holandés: West-Indische Compagnie ou WIC) era unha compañía da mariña mercante dos Países Baixos entre os séculos XVII e XVIII.

Fundación[editar | editar a fonte]

A República dos Sete Países Baixos Unidos outorgoulle o 3 de xuño de 1621 o estatuto de compañía, co que obtivo o monopolio comercial coas Indias occidentais (é dicir, o Caribe) e recibiu a xurisdición sobre o comercio de escravos de África, Brasil, o Caribe e Norteamérica.

O area no que a Compañía podía operar abarcaba África occidental (o area entre o Trópico de Cáncer e o Cabo de Boa Esperanza) e América, que incluían o Océano Pacífico e a parte oriental de Nova Guinea.

O obxectivo da concesión foi eliminar a competencia, especialmente a de España e Portugal, entre os diversos postos comerciais establecidos polos comerciantes. A Compañía converteuse nun instrumento da colonización holandesa de América.

Monopolio comercial[editar | editar a fonte]

A WIC estaba organizada de xeito similar á Compañía holandesa das Indias Orientais (VOC), moito máis grande e máis rica, que tiña o monopolio do comercio con Asia (principalmente en Indonesia) desde 1602, pero á WIC non se lle permitía emprender accións militares sen a aprobación do goberno holandés.

Como a VOC, a compañía tiña cinco oficinas, chamadas cámaras (kamers), en Ámsterdan, Róterdan (ambas en Holanda), Middelburg (en Zeeland), Hoorn e Groningen (no norte), das cales as de Ámsterdan e Middelburg eran as que contribuían máis á compañía. A xunta directiva tiña 19 membros, coñecidos como os Heeren XIX ('Señores').

Expansión[editar | editar a fonte]

A compañía tivo ao principio un éxito relativo; nos anos de 1620 e 1630 establecéronse a maioría de postos e colonias comerciais. A área de Nova Holanda, que incluía Nova Ámsterdan, abarcaba as zonas dos actuais Nova York, Connecticut, Delaware e Nova Jersey. Establecéronse outros asentamentos nas Antillas Menores, Suriname e Brasil.

En 1630 estableceuse a colonia de Nova Holanda, con capital en Mauritsstad (a moderna Recife), nas posesións en Brasil conquistadas aos Portugueses.

En África establecéronse postos comerciais en Costa de ouro (hoxe Ghana) e brevemente en Angola.

Comercio e piratería[editar | editar a fonte]

Outro éxito da WIC foi a captura dunha flota que transportaba prata das colonias españolas cara a Europa por Piet Hein en 1628. A piratería era un dos obxectivos da WIC.

Nas Américas as peles (Norteamérica) e o azucre (Suramérica) eran os bens comerciais máis importantes, mentres que os asentamentos en África comerciaban con escravos -a maioría destinados ás plantacións das Antillas e Suriname- ouro e marfil.

Perda das colonias[editar | editar a fonte]

Con todo, os éxitos acabaron pronto. En 1654 perderon Nova Holanda, que volveu ao Brasil portugués, tras unha longa guerra, e moitos outros postos comerciais foron destruídos ou capturados por potencias europeas rivais.

A colonización de Nova Holanda non se estendeu moito máis, en parte debido á forte rivalidade con con Inglaterra, que conquistou Nova Holanda en 1664, e en parte debido á dificultade de atraer colonos coa política inicial da compañía, que se baseaba no sistema dos Patroon,[1] que confería un poder enorme sobre os colonos aos homes que os conducían á colonia.

Tras anos de débedas, a WIC orixinal se replegó en 1674, e formouse unha nova compañía reorganizada. Abandonou a piratería e concentrouse principalmente no comercio de escravos entre África e as posesións conservadas en Suriname e as Antillas.

Clausura[editar | editar a fonte]

Despois de que os ingleses conseguisen o control de Suriname durante moitos anos nos 1780, a WIC foi incapaz de recuperarse e en 1791, o goberno holandés adquiriu as accións da compañía e tomou o control dos territorios.

Notas[editar | editar a fonte]