Historia do topónimo Galiza e Galicia
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xullo de 2018) |


Os topónimos Galicia e Galiza son as dúas formas que existen na lingua galega para referirse ao territorio galego. Ambas son recoñecidas como lexítimas e xenuínas pola normativa da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega,[1] que é a oficial na comunidade.[2] Porén, a normativa reintegracionista da lingua galega exposta pola Associaçom Galega da Língua prefire a forma Galiza e considera Galicia unha forma orixinalmente castelá.[3][4]
Porén, só o topónimo Galicia está consignado no Estatuto de Autonomía de 1981,[5] de modo que é o máis común en textos oficiais das administracións públicas. O non recoñecemento do topónimo Galiza entre os nomes oficiais da comunidade tense considerado unha decisión política e institucional por parte de especialistas do Consello da Cultura Galega.[6]
Aínda que tanto Galicia como Galiza son empregados habitualmente na lingua galega, Galicia é considerada o topónimo maioritario actualmente pola RAG,[1] mentres que Galiza o era na Idade Media.[7][8]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]“Quantos hoj’ em Galiza som, atá em terra de Leom”. |
“Este meninh’ em Castela com rei Dom Afonso era,
seu avoo, que do reino de Galiza o fezera víir e que o amava a gram maravilha fera”. —Cantigas de Santa María, s. XIII. Afonso X |
Tanto Galicia como Galiza derivan do termo latino Gallaecia, que significaba literalmente "terra dos galaicos", froito da combinación do prefixo kallā- “madeira” co sufixo complexo local -āik-.
Probábelmente o termo Galiza pasou a ser a forma evolutiva natural do termo Gallaecia, tal e como atestemuñan os diferentes documentos medievais da literatura trobadoresca galego-portuguesa. En varios textos de autores galegos medievais, o topónimo Galiza é a única forma empregada, non habendo vestixios da forma Galicia.[9]
Coa progresiva separación dos idiomas galego e portugués, e a progresiva castelanización de Galicia, produciuse un primeiro fito na desdiferenciación do topónimo. Mentres que no territorio galego comezou a predominar oralmente o termo Galicia, á outra beira do Miño mantívose o termo Galiza. Neste sentido, a introdución do topónimo Galicia seguiría unha traxectoria parella á da introdución do xentilicio galego.[9]
A recuperación do topónimo Galiza
[editar | editar a fonte]Tras varios séculos nos que Galicia era a forma empregada habitualmente no territorio galego no século XIX, incluso no seo das obras de autores comprometidos co idioma e achegados ao nacionalismo galego, a forma Galicia seguía tendo presenza nos textos. A gaita gallega, de Pintos, ou Cantares gallegos, de Rosalía Castro, son dous exemplos de utilización deste topónimo. Varios autores explican este feito coa sonoridade literaria do termo Galicia fronte ao termo Galiza.[9]
No século XX, coa chegada do Rexurdimento, a forma Galiza comezou a adquirir presenza oral e escrita.[Cómpre referencia] Os primeiros vestixios de recuperación da forma xenuína atópanse nas publicacións das Irmandades da Fala, ou na revista Nós. Persoeiros coma Castelao apropiáronse do topónimo, coma queda patente nas súas obras, en especial no seu ensaio político Sempre en Galiza.
O topónimo na era da democracia
[editar | editar a fonte]
No ano 2007, dende a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, producíronse diversas xestións co fin de introducir o topónimo Galiza nas publicacións oficiais do Goberno autonómico. Ante este feito, realizouse unha consulta formal por parte da Xunta á Real Academia Galega. Así, Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega dende 2002 até a 2009, afirmou que as dúas formas poderían ter validez etimoloxicamente.
«Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas no sentido filolóxico. As dúas circularon na época medieval, pero só Galicia mantivo un uso ininterrompido ao longo da historia na lingua oral»[10]
Segundo a RAG, ambos topónimos tiveron presenza na linguaxe oral na Idade Media, pero o termo Galiza foi paseniñamente desaparecendo da linguaxe oral até ser recuperado na linguaxe contemporánea. Así, segundo o presidente da RAG:
«Aínda que Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas, á primeira lle corresponde a denominación oficial do país.»[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Real Academia Galega. 2012. p. 54. ISBN 978-84-87987-78-6. Consultado o 07-06-2026.
Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega,denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escritamoderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego con-temporáneo.
- ↑ "Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística" (PDF). Parlamento de Galicia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05-12-2022. Consultado o 07-06-2026.
Disposición adicional. Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase comocriterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega. Esta normativa será revisada en función do proceso de normaliza ción do uso do galego.
- ↑ "Galicia ou Galiza?". Associaçom Galega da Língua. Consultado o 07-06-2026.
Por sua vez a forma originária galega é Galiza, e assim o rei Afonso X de Castela, o último rei a ser educado na Galiza, quando escreve em galego usa sempre Galiza, entanto em castelhano emprega Galicia. Após o submetimento do reino da Galiza por Isabel I de Castela, a forma galega deixou-se de usar durante séculos na própria Galiza, sendo substituída pola forma castelhana.
- ↑ O modelo lexical galego. Fundamentos da codificaçom lexical do galego-português da Galiza. Através Editora. 2012. ISBN 978-84-87305-68-9.
- ↑ "Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril, do Estatuto de Autonomía para Galicia.". Xunta de Galicia. Consultado o 07-06-2026.
Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional básica.
- ↑ Press, Europa (2008-06-10). "Especialistas opinan que 'Galicia' y 'Galiza' son topónimos correctos y ven una decisión política elegir el "oficial"". www.europapress.es. Consultado o 2026-06-07.
- ↑ Montero Santalha, José-Martinho (2008). "O nome da Galiza". Boletim da Academia Galega da Língua Portuguesa (1): 11–34. ISSN 1888-8763. Consultado o 07-06-2026.
- ↑ Gamallo, Paulo (08-01-2011). "Galiza e Galicia e outras palavras con terminações análogas no período medieval". Consultado o 07-06-2026.
- 1 2 3 4 Montero Santalha, Jose Martinho. GZe-ditora, ed. "O nome da Galiza" (PDF). Consultado o 31 de decembro de 2015.
- 1 2 Fraga, Xesús. La Voz de Galicia, ed. "La Academia contesta a la Xunta que el único topónimo oficial es Galicia.". Arquivado dende o orixinal o 04/03/2016. Consultado o 31 de decembro de 2015.