Declaración de guerra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O presidente estadounidense Franklin Roosevelt asinando a declaración de guerra contra Alemaña en decembro de 1941.

A declaración de guerra é unha declaración formal mediante un documento, que provén dun estado cara a outro, onde o primeiro declara o inicio de hostilidades. Na actualidade, este feito concrétase mediante un documento formal, pero na historia moitas veces se iniciaron guerras sen previo aviso.

Formalmente este documento de "declaración de estado de guerra" pode estar refrendado pola sinatura do gobernante ou soberano, polo representante dos poderes do estado, o Senado ou a chancelería do país involucrado. Ademais, pode estar apoiado coa mención dos tratados vixentes ou disposicións legais que se tivesen estabelecido internacional ou nacionalmente e que se entendan vulnerados.

Este documento tamén ten uso xeopolítico, xa que, en ocasións, cando durante unha guerra unha nación é derrotada por outra, moitas nacións declaran a guerra ao vencido como un acto de apoio ou sumisión ante o vencedor. É o caso da Arxentina e de Chile que declararon en 1945 a guerra a Alemaña e Xapón cando estas xa estaban practicamente vencidas.

A declaración dun estado de guerra interno, ten o carácter de guerra civil e o goberno pode, de ser necesario, convocar un estado de sitio para intentar manter a orde pública.

As causas máis comúns dunha declaración de estado de guerra (denominadas "Casus belli") son:

  • Agresión ao territorio, bens ou patrimonios de cidadás ou cidadáns dun país ou un territorio.
  • Invasión, ocupación non autorizada ou algún acto intrusivo.
  • Actos hostís relevantes por parte dun país que malogran un tratado estabelecido ou a convivencia harmónica.
  • Incumprimento de tratados.
  • Actos terroristas.
  • Ameaza evidente sobre o ben nacional.
  • Ameaza á orde interna.

A situación de guerra dáse, moitas veces, polo fracaso da vía diplomática na resolución de conflitos internacionais e representa a imposibilidade de lograr un acordo de paz entre dúas ou máis nacións belixerantes. Con isto as partes belixerantes chaman á mobilización das súas forzas armadas e á iniciación de actos de guerra. A agresión e actos de asasinatos contra a poboación civil son catalogados como crimes de guerra ou contra a humanidade.

Normalmente a cesación de estado de guerra non se estipula formal ou diplomaticamente senón que se realiza como suspensión de hostilidades. Noutras ocasións, os países en guerra asinan mutuamente un acordo de paz no que se declara o fin das hostilidades.

Historia[editar | editar a fonte]

Nas repúblicas gregas de Esparta e Atenas a asemblea do pobo decidía a guerra. Os romanos non empezaban as hostilidades sen mandar os seus heraldos ao pobo de quen esixían satisfacción para facerlles comprender que desde aquel día eran mirados como inimigos. Os xermanos collían un prisioneiro, facíano combater cun dos seus máis valentes soldados e polas resultas da pelexa, xulgaban do éxito da guerra.

Na Idade Media, a imitación dos romanos, mandaban os reis de armas para anunciar a suspensión das relacións pacíficas. Os francos enviaban aviso do día en que rompían as hostilidades. Posteriormente, a retirada de embaixadores considerouse o primeiro paso de inimizade para manifestar a cesación de correspondencia pacífica.[1]

Notas[editar | editar a fonte]