Estai (barco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Estai foi un barco arrastreiro galego, con base en Vigo, famoso por ser apreixado polo goberno do Canadá no marco da así chamada guerra do fletán. Aínda que segue navegando, xa non o fai baixo o mesmo nome, senón baixo o de Argos Galicia.

Características[editar | editar a fonte]

O barco chamado Estai fora construído en 1988 nos estaleiros Freire, en Vigo. Tiña 76.4 metros de eslora, 12.7 metros de manga e unha quilla de 5.4 metros. Podía acadar unha velocidade de 13.8 nós e o seu motor tiña unha potencia de 1618 kw. Ademais, tiña unha capacidade de carga de 1300 toneladas e unha tara de 417 toneladas, o que fai un peso máximo de 1717 toneladas. Recolle as redes pola popa, no que se denomina arrastreiro de popa.

De cor branca, a súa matrícula era 3ª-VI-5-10001[1]. En 1995 mudou o seu nome polo de Puente Real, de novo outra vez Estai, e finalmente, en 1996 pasou a chamarse Argos Galicia, nome co que continúa en servizo en 2010, se ben con bandeira das illas Malvinas e matriculado en Stanley[2].

O capitán en 1995 era Enrique Davila, o patrón Serafín Blanco e o armador José Enrique Pereira Molares, da empresa Pereira SA.

O apreixamento[editar | editar a fonte]

Brian Tobin en 1998.

O 9 de marzo de 1995 unha patrulleira do Ministerio de Pesca e Océanos do Canadá, canda barcos da garda costeira canadense e da Armada do Canadá déronlle o alto e perseguiron o Estai en augas internacionais, fóra da área económica exclusiva.

Para escapar das patrulleiras, o Estai cortou as redes e liscou nunha persecución que durou varias horas e que só rematou cando o buque Cape Roger disparou un canonazo de calibre 50 que cruzou pola ponte do Estai. Ademais, o barco gardacostas Sir Wilfred Gernell disparou canóns de auga sobre outros buques galegos que acudiran ao auxilio do Estai. Finalmente forzas do ministerio e da Policía Montada do Canadá abordaron o Estai, sempre en augas internacionais, apreixaron o buque e detiveron a súa tripulación.[3]

A partir dese momento estourou o conflito diplomático entre a Unión Europea, liderada por España, e Canadá. A Armada Española chegou a enviar a patrulleira P-74 Vigía para protexer os intereses pesqueiros. Os buques canadenses recuperaron a rede do Estai e acusaron a embarcación galega de usar redes dun tamaño ilegal, menor ao permitido para a pesca do fletán negro. A tripulación do Estai, integrada por 26 galegos[4] foi conducida ata o porto de St. Johns's, onde foi recibida con apupos por parte do xentío[5]. O barco foi saqueado no porto canadense e perdeu 200 toneladas de carga[6].

O ministro canadense de pesca, Brian Tobin marchou a Nova York, onde deu unha rolda de prensa nun barco fronte ao edificio das Nacións Unidas, e onde ensinou as redes, ilegalmente pequenas, que supostamente pertencían ao Estai. O goberno español nunca argumentou que as redes non fosen as do Estai, senón que concentrou a súa protesta na ilegalidade do emprego da forza e do secuestro en augas internacionais. Madrid acudiu tamén ao Tribunal Internacional da Haia, pero este tribunal non admitiu o caso a trámite. Seis días despois, o 15 de marzo, Canadá liberou a tripulación cunha fianza de cincuenta millóns de pesetas (300.000 euros). O barco chegou ao porto de Vigo o 23 de marzo, onde tivo un recibimento público[4]. Ese mesmo ano o Estai mudou o seu nome.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ficha no Censo da Frota Pesqueira Operativa da Secretaría Xeral de Pesca". www.mapama.gob.es (en castelán). Consultado o 2017-08-23. 
  2. Argos Galicia, Merchantships Info.
  3. "Terranova y su sector pesquero dan por ganado el juicio al «Estai» Publicado o 15/03/2005". www.lavozdegalicia.es (en castelán). 
  4. 4,0 4,1 Héroes del Estai, por J. Otero Ricart, La Opinión de A Coruña, 14/3/2010.
  5. Guerra del fletán, RTVE, 9/3/2009.
  6. A guerra do fletán, capítulo 12 de A caixa negra. TVG, 11/8/2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]