O Voivodato de Gran Polonia (polaco: województwo wielkopolskie) é unha das 16 provincias (voivodatos) que conforman a República de Polonia, segundo a división administrativa do ano 1998. Creouse o 1 de xaneiro de 1999, a partir dos anteriores voivodatos de Poznań, Kalisz, Konin, Leszno, e dunha parte do antigo voivodato de Piła. É a segunda en tamaño e a terceira en poboación, con 29.826 km² e 3,4 millóns de habitantes. Está dividido en 35 distritos ou poviatos, dos que 4 cidades posúen a categoría de poviato, e 226 comunas. As súas principais cidades son Poznań, Kalisz, Konin, Leszno, Piła e Gniezno. Comprende a maioría da rexión histórica (agás algunhas pequenas comunidades do suroeste) do mesmo nome (en polaco Wielkopolska).
O voivodato sitúase no centro-oeste de Polonia. Ten dous parques naturais, varias reservas naturais e varios parques paisaxísticos. Os dous principais ríos da rexión son o Warta e o Noteć. O norte do voivodato é unha rexión lacustre.
O nome de Gran Polonia (en polaco: Wielkopolska, Francés: Grande-Pologne, Alemán:Großpole, latín: Polonia Maior) utilízase só dende os séculosXIV e XV. Menciónase por primeira vez en latín en 1257, e por primeira vez en polaco en 1449. O nome de Gran ou Vella Polonia adoitan referirse a que é o berce de Polonia como estado. Antigamente, esta zona estaba habitada pola tribo dos Polanos e chamábase sinxelamente Polonia. Os fortes de Giecz e de Poznań construíronse no século X. A Gran Polonia era á rexión central do país de Mieszko I e de Boleslao I o Bravo, Poznań era a capital de Polonia. Até o século XI no que se mudou a capital a Cracovia.