Foca de capelo
| Foca de capelo | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||

A foca de capelo[1] (Cystophora cristata) é unha especie de mamífero pinnípedo da familia Phocidae. É un animal peláxico, propio do Atlántico norte e o océano Ártico.
Taxonomía e etimoloxía
[editar | editar a fonte]A foca de capelo foi descrita por Erxleben en 1777 na súa obra Systema Regni Animalis.[2] É a única especie do seu xénero e non se coñecen subespecies.[3] A súa historia taxonómica foi un tanto complexa. Foi clasificada como emparentada cos elefantes mariños (Mirounga),[4] que do mesmo xeito que a foca de capelo posúen un nariz inchable, integrando con eles a tribo Cystophorini,[5] e as crías foron descritas como unha especie separada (Phoca mitrata) a principios do século XIX.[5]
O seu nome científico, Cystophora cristata, deriva do grego kustis (vexiga) e phoros (que leva, referíndose á membrana nasal inchable) e do latín cristata (crestada).[6]
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha foca xaspeada de cor marrón escuro ou negro, principalmente no dorso e parte superior dos flancos, sobre un fondo gris prateado, pero na auga vense dun gris escuro máis uniforme.[6] A face é negra até a altura dos ollos.[7] A coloración típica dos adultos vaise desenvolvendo lentamente a partir da pelame dos exemplares xuvenís (esbrancuxado pola parte inferior e gris azulado escuro pola superior) que manteñen desde o seu nacemento.[7] Os seus membros son relativamente curtos, pero poderosos, facendo das focas de capelo excelentes nadadoras e mergulladoras.[8]
Presenta un marcado dimorfismo sexual, sendo os machos de maior tamaño que as femias.[9] A lonxitude cabeza-corpo dos machos adultos é de 260 cm de media (máximo 350) e nas femias de 200 cm (máximo 300),[6] pero a diferenza máis importante entre os sexos é o peso,[9] os machos pesan 300 kg de media e as femias 160.[10] Os cachorros ao nacer miden 1 m e pesan 24 kg de media.[10] O seu trazo máis rechamante é unha protuberancia nasal inchable que vai dende os ollos ao extremo do fociño,[11] que o macho pode inchar a vontade con aire aumentando de tamaño,[4] parecendo entón un balón oval bilobulado,[12] cuxo apéndice valvular faino hermético.[13] A capacidade desta protuberancia calculouse nuns sete litros.[13] Nas femias non está tan desenvolvida e non é inchable, con todo os machos cando pechan unha das xanelas do nariz e expiran, poden facer saír a membrana internasal, moi elástica, polo outro burato do nariz,[14] xeralmente a esquerda,[15] formando un "globo" vermello do tamaño dun ovo de avestruz,[14] que cando está fláccido colga a modo de probóscide sobre a boca.[6]
O cranio é relativamente curto, co morro longo e amplo; a zona frontonasal é elevada e coas aperturas nasais máis amplas que en ningún outro fócido.[14] Ten os dentes poscaninos moi espazados e a modo de chavetas, a súa fórmula dental é a seguinte: 2/1, 1/1, 5/5 (poscaninos) = 30.[6]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Atópase principalmente en zonas de alta mar ao longo do xeo flotante no lado Atlántico do Ártico,[7] de 47° a 80° N de latitude e concentrándose principalmente na illa do Oso (Noruega), Islandia e o nordés de Groenlandia.[9] Polo menos estacionalmente pode atoparse no estreito de Davis e o interior do golfo de San Lorenzo.[15] Durante o inverno desprázase, seguindo a fronte da banquisa, cara ao sur e no verán retírase a latitudes máis árticas.[7]
Teñen presenza accidental en Galicia, xeralmente de individuos xuvenís arrastrados pola corrente do Golfo.[1]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Teñen hábitos solitarios, formando grupos soamente nas épocas de reprodución.
Presenta un dos períodos de lactación máis curtos entre os mamíferos; xeralmente as femias destetan ás súas crías aos catro días do nacemento.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Guía dos mamíferos de Galicia, Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle Serantes, Baía Edicións, 2007.
- ↑ Erxleben, J. C. P. (1777). Systema regni animalis per classes, ordines, genera, species, varietates, cum synonymia et historia. Classis I. Mammalia. Weygandianis, Lipsiae. p. 636.
- ↑ Wozencraft, W. Christopher (2005). Wilson, D. E., y Reeder, D. M., ed. Mammal Species of the World (3ª ed.). Baltimore, Maryland: The Johns Hopkins University Press. p. 595. ISBN 0-8018-8221-4. Arquivado dende o orixinal o 4 de xullo de 2010. Consultado o 4 de novembro de 2010.
- 1 2 Matthews, L. Harrison (1977). La Vida de los Mamíferos (en español). Tomo II. Barcelona: Ediciones Destino. pp. 569–570. ISBN 84-233-0700-X.
- 1 2 Kovacs, Kit M. "Hooded Seal (Cystophora cristata)". En Perrin, W. F., Würsig, B., Thewissen, J. G. M. Enciclopedia of Marine Mammals (en inglés) (2ª ed.). Burlington, Massachusetts: Academic Press. ISBN 978-0-12-3735-53-9.
- 1 2 3 4 5 MacDonald, David y Barrett, Priscilla (2008). Guía de Campo de los Mamíferos de España y de Europa (en español). Barcelona: Ediciones Omega. pp. 165–166. ISBN 978-84-282-1490-2.
- 1 2 3 4 Reichholf, Josef (1990). Mamíferos (en español). Barcelona: Blume. p. 194. ISBN 84-87535-06-2.
- ↑ Salman, Samantha. "Cystophora cristata (hooded seal)". Animal Diversity Web (en inglés). Consultado o 2021-05-09.
- 1 2 3 Salman, S. y D. Croft (2010). "Cystophora cristata (On-line)" (en inglés). Animal Diversity Web. Consultado o 15 de setembro de 2010.[Ligazón morta]
- 1 2 "Cystophora cristata". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008.
- ↑ Menéndez Valderrey, Juan Luis (23/12/04). "Cystophora cristata (Erxleben, 1777)". Asturnatura.com [en liña]. Num. 43. Consultado o 13 de outubro de 2010.
- ↑ Aulagnier, S., Haffner, P., Mitchell-Jones, A. J., Moutou, F. e Zima, J. (2009). Guía de los Mamíferos de Europa, del norte de África y de Oriente Medio. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-52-1.
- 1 2 Olds, J. M. (1950). "Notes on the hood seal (Cystophora cristata)". Journal of Mammalogy 31: 450.
- 1 2 3 Nowak, Ronald M. (1999). Walker's Mammals of the World (en inglés). Vol. II 882 a 884 (6ª ed.). Baltimore, Maryland: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-5789-9.
- 1 2 Kovacs, Kit M. y Lavigne D. M. (1986). "Cystophora cristata" (PDF). Mammalian Species (The American Society of Mammalogists) 258: 1–9. Consultado o 15 de setembro de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Foca de capelo |
| Wikispecies posúe unha páxina sobre: Foca de capelo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]