Ficus
xénero Ficus | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ficus elastica in Franz Eugen Köhler, Medizinal-Pflanzen, 1897 | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Arredor de 800, véxase no texto |
Ficus é un xénero de arboriñas da familia Moraceae. Entre as especies do xénero áchanse as figueiras e os ficus. Hai máis de 1.000 especies de figueiras no mundo, especialmente en climas tropicais e subtropicais (o xénero Ficus é un dos maiores do reino vexetal). O representante tipo é a figueira (Ficus carica), cultivada en Galiza. Hai tamén especies ornamentais.
Descrición
[editar | editar a fonte]As figueiras alcanzan normalmente porte arbóreo, aínda que algunhas especies non crezan moito e permanezan como arbustos, outros teñan hábito rubidor, e haxa até especies rastreiras. En todos os casos son plantas leñosas, moitas con tronco de forma irregular, ou escultural, con raíces adventicias e superficiais. As follas son alternas, usualmente providas de látex. As flores son diminutas, unisexuais, reunidas nunha inflorescencia especial denominada sicóns, que consiste nun receptáculo pechado, coas flores inseridas no interior, e un orificio de saída no ápice, ou ostíolo. Os froitos son aquenios que madurecen dentro do propio sinconio, dándoselle o nome de figo ó conxunto.
As principais diferenzas entre as especies danse no porte, forma do tronco, forma, textura e consistencia das follas, cor, textura e forma dos sinconios etc. Hai 4 subxéneros de Ficus separados entre si por características microscópicas nas súas pequenas flores, e pola ocorrencia de plantas unisexuais ou hermafroditas.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]As figueiras posúen un dos sistemas de reprodución máis curioso da natureza. As súas flores, encerradas nos sinconios, non teñen contacto directo co ambiente exterior, de forma que o pole non pode ser transferido dunha planta a outra espontaneamente.
Hai unha serie de especies de vespas minúsculas que se aproveitan da protección do sinconio para depositar os seus ovos. Procuran sinconios cuxas flores femininas estean maduras, e depositan os ovos nos seus ovarios, de modo que as larvas se alimentarán das sementes. Cando atinxen a fase adulta, os machos rapidamente fecundan ás femias e morren (sen xamais teren saído dos figos). As femias entón procuran saír polo ostíolo, escalando as paredes internas do sinconio. É neste momento que as flores masculinas están maduras, de modo que depositan o seu pole sobre as femias antes destas gañaren a liberdade. As femias entón repetirán o seu ciclo, buscando un sinconio con flores femininas para depositar os seus ovos, e ao mesmo tempo fertilizar as flores que non serán inoculadas.
Algunhas especies de figueiras só producen figos con flores masculinas ou femininas. Neste caso, é común que os sinconios "masculinos" presenten flores femininas estériles, incapaces de producir sementes, mais que aínda así servirán de alimento ás larvas das vespas, asegurando que o proceso antes descrito ocorra.
Especies
[editar | editar a fonte]Unhas 830 especies aceptadas das máis de 2.700 descritas e uns 75 táxones infra-específicos aceptados dos máis de 800 descritos.[1]
Especies de figueiras máis populares
[editar | editar a fonte]- F. carica, ou figueira común, é a árbore que produce os figos comestíbeis. Nativa do Oriente Medio e do Mediterráneo, os seus froitos son consumidos desde a antigüidade. Son popularmente usados ó natural, en compotas ou en doces.
- F. elastica, árbore do caucho[2] ou falsa-hevea, é unha das árbores tropicais mais cultivadas do mundo. Nativa da India, é unha árbore de porte impoñente, cuxo tronco e raíces - e até mesmo o tamaño das follas - se pode presentar de maneiras diferentes, de acordo coa variedade e as condicións de cultivo. Normalmente producen moitas raíces adventicias que, ao alcanzar o solo, engrosan como verdadeiros troncos auxiliares. Algúns usan o seu látex como bronceador. En realidade. este látex é extremamente tóxico, e exposto ao sol, destrúe a pel (o efecto de "bronceamento", na verdade, é consecuencia da morte do tecido). A exposición prolongada aínda pode causar cancro.
- F. benjamina, ficus ou figueira benxamina, orixinaria da India, é cultivada pola súa follaxe brillante e delicada. É común vela en vasos, con porte baixo e copa podada, mais é unha planta que pode superar os 20 metros de altura, e as súas raíces poden destruír muros e pavimentos con facilidade.
- F. microcarpa é outra especie indiana introducida no Brasil como ornamental. Ao contrario das anteriores, neste país hai vespas capaces de efectuar a súa polinización, de modo que ela consegue reproducirse libremente. As súas sementes xerminan en case calquera condición, inclusive en rachaduras de construcións, pontes, muros, calzadas etc. Esta especie crece tanto como a figueira benxamina, e en pouco tempo pode destruír todo á súa volta.
- F. pumila, ou hera, ou figueira-rubideira, é moi apreciada como ornamental. Posúe raíces adventicias pequenas que se prenden a calquera superficie, permitindo que a planta creza sobre muros.
- F. clusiifolia, ou figueira-vermella, nativa do Brasil, é unha das que se comportan como "estranguladoras". Ocasionalmente xerminan sobre outras árbores, e compórtanse como epífitas até que as súas raíces alcancen o solo. Entón as raíces engrosan, crecen en volta da árbore hospedeira, até que a sufocan por apertamento e destrución dos feixes vasculares, e a matan. Os seus froitos son vermellos, pequenos, mais saborosos.
- F. gomeleira, ou gameleira branca, é nativa do centro-sur do Brasil, e cultivada polas súas propiedades medicinais.
- F. benghalensis, ou bánian, nativa da India, posúe raíces adventicias monumentais, por veces crecendo máis en envergadura que en altura. No seu país de orixe, hai feiras e salas de aula construídas en medio das súas raíces.
- F. sycomorus, ou sicómoro, nativa do Oriente Medio, posúe un tronco forte, de gran circunferencia. É probabelmente a árbore citada na Biblia, no Evanxeo de Lucas, cando Zaqueu tería subido nunha árbore desta especie para ver a chegada de Xesús a Xerusalén.
- F. doliaria
- F. pandurata
- F. utilis
Precaucións
[editar | editar a fonte]De entre as cerca de 1.000 especies de figueiras hai moitas velenosas e moitas con froitos comestíbeis. As especies do subxénero Pharmacosyce son case todas tóxicas, mentres que os outros tres subxéneros son predominantemente inofensivas. Porén, a principal diferenza entre estes grupos reside nas minúsculas flores inseridas no interior dos sinconios, cuxa observación pode escapar aos ollos até mesmo dun botánico profesional. Polo tanto, antes de consumir figos descoñecidos, ou usar o seu látex ou as súas follas para fins medicinais, procure un botánico que poida identificar as especies correctamente, é dicir se a especie en cuestión é adecuada ao consumo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The Plant List
- ↑ Nome vulgar galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Carauta, J. P. P. & Dias, B. E. (2002). Figueiras do Brasil. Editora UFRJ. 211 pp.