Fento das boticas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fento das boticas

Asplenium trichomanes subsp. quadrivalens
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Polypodiopsida
Orde: Polypodiales
Familia: Aspleniaceae
Xénero: Asplenium
Especie: 'A. trichomanes'
Nome binomial
'Asplenium trichomanes'
L
Subespecies

Véxase no texto

O fento das boticas (Asplenium trichomanes) é un fentiño da familia Aspleniaceae. Moi abondoso nos penedos e muros sombrizos e nas ribeiras galegas, tamén recibe o nome vulgar de coandro. Recoñécese facilmente polas súas frondes miúdas e atoparse sempre pendurado dos muros.

En Galiza existen dúas subespecies: Asplenium trichomanes subsp. trichomanes, que foxe dos solos calcarios e prefire a montaña e Asplenium trichomanes subsp. quadrivalens, de maior tolerancia ecolóxica.

Descrición[editar | editar a fonte]

Fento vivaz, de tamaño moi variábel, ás veces moi pequeniño, duns 4 cm, até os 50 cm, con curto rizoma, escamoso, do que xorden numerosas raíces magras, duras, negras, e unha serie de frondes de 8–45 cm, estreitas e longas co pecíolo máis ou menos sen vilosidades. Escamas de até 5 mm, con banda central (raque) tesa, pardo escura e brillante. Limbo linear, pinnado unha soa vez, con 15-30(40) pares de segmentos ovais, un chisco irregulares, de bordos dentados, máis largos os basais ca os superiores. Soros lineares. Os esporanxios maduran ao longo de todo o ano.[1] Os soros son lineais e os esporanxios poden ser collidos coa man. Moi común a fins de primavera e verán.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Dáse moito en fendas de rochas e paredes de muros húmidos e sombrizos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Europa e gran parte de Asia no sur deica Turquía, Irán e o Himalaia, cunha poboación no Iemen. Aparece tamén no norte, sur e partes do leste de África, no leste de Indonesia, sueste de Australia, Tasmania, Nova Zelandia e Hawai. Atópase en América do Norte e América Central, en Cuba e no norte e o oeste de América do Sur. Moi abondoso nas beiras dos ríos galegos, especialmente en cavorcos e en zonas onde hai rochas, valados e muros de pedra, xa que o fento das boticas pendura das paredes. Atópase até os 2.000 m de altitude.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Indicacións: é emoliente, antiinflamatorio, expectorante.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Asplenium trichomanes foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1080. 1753.[3]

Etimoloxía

O nome científico do xénero Asplenium fai referencia ao uso terapéutico que se daba a estas plantas durante a Idade Media para sandar doenzas ligadas co bazo (exceso de bile negra). Así, Asplenium sería unha adaptación ao latín do grego "splen" (bazo). O nome vulgar da especie en galego ‘’das boticas’’ fai tamén referencia a este uso medicinal. trichomanes: epíteto da palabra grego: τριχομανεϛ, trichomanes que é o nome para os fentos.[4]

Variedades
  • Asplenium trichomanes L. subsp. trichomanes
  • Asplenium trichomanes L. subsp. quadrivalens
  • Asplenium trichomanes L. subsp. inespectans
  • Asplenium trichomanes L. subsp. pachyrachis
  • Asplenium trichomanes L. subsp. hexavalens
Sinonimia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Penas, A.; Diez J., Llamas F., Rodríguez M. (1991). Plantas Silvestres de Castilla y León. Valladolid:Ámbito. ISBN 84-86770-40-8. 
  2. "Asplenium trichomanes". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 30 de outubro de 2009. 
  3. "Fento das boticas". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 23 de setembro de 2012. 
  4. en Epítetos Botánicos
  5. "Fento das boticas en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2013. Consultado o 07 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Flora of North America. Asplenium trichomanes. Consultado 13 de agosto de 2008.
  • Hutchinson, G. (1996) Welsh Ferns, National Museums and Galleries of Wales.
  • Page C. N. (1982) The Ferns of Britain and Ireland, Cambridge University Press.
  • Preston, C. D. & Pearman, D. A. (2002) New Atlas of the British and Irish Flora, Oxford University Press.
  • Stace, Clive A. (1997) New Flora of the British Isles, Cambridge University Press.
  • Tutin, T. G. et al. (1964) Flora Europaea, Volume 1. Cambridge University Press.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]