Felipe Criado Martín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Felipe Criado Martín
Felipe Criado. Foto persoal 03.jpg
Nacemento8 de xaneiro de 1928
 Xixón
Falecemento23 de novembro de 2013
 Mera
NacionalidadeEspaña
Alma máterReal Academia de Belas Artes de San Fernando
Ocupaciónpintor, mestre e crítico de arte
FillosFelipe Criado Boado
editar datos en Wikidata ]

Felipe Criado Martín, nado en Xixón o 8 de xaneiro de 1928 e finado en Mera (Oleiros) o 22 de novembro de 2013 foi un pintor, profesor e crítico de arte español da posguerra, destacado polas súas obras en distintos soportes e polo seu dominio do debuxo.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de pais casteláns, Felipe Criado naceu en Xixón, mais debido á carreira militar do seu pai, carabineiro, vive a súa nenez en Asturias, Cataluña e Santander antes de instalarse en Galicia. Comezou a carreira de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, pero abandonou os estudos para aprender modelado no obradoiro do escultor Francisco Asorey e na Escola de Artes e Oficios de Santiago. En 1954 ingresou na Escola da Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid (1954-1959), onde compartiu formación con pintores como Antonio López, Lucio Muñoz, Amalia Avia ou Isabel Quintanilla.[4] De volta na capital galega, colaborou como crítico de arte no periódico La Noche. En 1961 gañou a cátedra de Anatomía Artística na Escola de Artes e Oficios compostelá e dous anos despois, a cátedra de Debuxo para centros de ensino medio. Desenvolveu a súa actividade docente en Santiago e posteriormente na Coruña, onde se instala en 1967.

Ao longo da súa traxectoria realizou varias exposicións individuais e colectivas, tanto en Galicia (Museo do Pobo Galego, Fundación Caixa Galicia, Galería Ceibe, Sala Giannini, etc.) coma noutras cidades españolas e estranxeiras (Madrid, Málaga, Oviedo, Huesca, Xixón, Barcelona, Os Ánxeles, Santiago de Chile, Río de Xaneiro, etc.). As obras de Felipe Criado pódense atopar en distintos espazos expositivos como o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Instituto Cervantes, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Quiñones de León e a Real Academia Galega de Belas Artes, entre outros.

Foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes desde 1996 e recibiu importantes galardóns como a medalla de prata da Exposición Trienal de Pintura de Santiago.[3][4]

Obra[editar | editar a fonte]

A pintura de Felipe Criado pertence ao expresionismo neobarroquista; é lúdica, alegre, expresiva, e ten como base un magnífico deseño e unha paleta rica e quente. Paisaxista nas súas primeiras obras, foi incorporando co tempo a figura humana, en especial a feminina, sobre a que "equilibra a realidade e a fantasía", "o mundo tanxible" e "o mundo irreal" dos soños. Sinoptiza as súas criaturas nun alarde de curvas de excelente composición rítmica, dotándoas dunha ironía moi peculiar [4][5].

Amais de distinguirse no debuxo e a pintura, traballou o mural, o gravado e o deseño de cerámica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Felipe Criado (1928-2013). El pincel que reinvento el desnudo". Consultado o 25 de marzo de 2018. 
  2. "Fallece el pintor gallego Felipe Criado Martín a los 85 años". Consultado o 24 de marzo de 2018. 
  3. 3,0 3,1 Galicia Digital (ed.). "Felipe Criado". Consultado o 24 de marzo de 2018. 
  4. 4,0 4,1 4,2 ABANCA. Colección de arte (ed.). "Criado Martín, Felipe". Consultado o 24 de marzo de 2018. 
  5. "FELIPE CRIADO - Afundación". www.afundacion.org. Consultado o 2020-04-09.