Factor biótico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Un factor biótico é calquera compoñente vivo dun ecosistema que afecta ás poboacións doutro organismo ou ao ambiente. Isto inclúe aos animais depredadores que consomen ese organismo, ou a comida viva que o organismo consome. Os factores bióticos tamén inclúen a influencia humana, a de parasitos e patóxenos e as enfermidades que poden producir.[1][2]

Os factores bióticos son xerados polos compoñentes bióticos do ecosistema, que son os organismos vivos que o compoñen, os cales poden pertencer a tres clases:

  • Produtores (autótrofos): fundamentalmente as plantas e as algas, que converten a enerxía da luz (por medio da fotosíntese) en materia orgánica, que será o alimento para outros organismos. En último extremo todo o ecosistema depende deles.
  • Consumidores (heterótrofos): son os animais, que se alimentan dos produtores (os herbívoros) ou doutros consumidores (os carnívoros).
  • Descompoñedores: consomen os detritos deixados por outros seres vivos, e son os fungos e microorganismos como as bacterias. Son fundamentais para degradar os restos orgánicos e pechar os ciclos bioxeoquímicos, que permiten reutilizar a materia.

Os seres vivos inflúen noutros tanto da súa especie coma doutras especies mediante as relacións intraespecíficas (familias, rabaños, colonias etc.) e interespecíficas (depredación, parasitismo, comensalismo, simbiose, antibiose etc.) que establecen entre eles. Todas as especies están influenciadas polos factores bióticos dun modo ou outro. Por exemplo, se se incrementa o número de depredadores, toda a rede trófica se ve afectada: diminuirán os herbívoros que eran as súas presas, aumentarán os produtores xa que hai menos herbívoros que os coman, e co tempo a escaseza de presas herbívoras repercutirá nos predadores. Os humanos xeran grandes e rápidos cambios no ambiente que causan a alteración de moitos hábitats. Unha especie invasora que entra nun ecosistema introduce un novo factor biótico ao que os demais organismos terán que adaptarse.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]