Estrés oxidativo
O estrés oxidativo é un desequilibrio entre os efectos producidos pola produción de especies reactivas do osíxeno e a capacidade dos sistemas biolóxicos de detoxificar rapidamente os intermediatos reactivos ou reparar os danos resultantes. As perturbacións do estado redox normal das células poden causar efectos tóxicos debido á produción de peróxidos e radicais libres que danan todos os compoñentes da célula, como as proteínas, lípidos, e ADN. Ademais, algunhas especies reactivas oxidativas actúan como mensaxeiros celulares na sinalización redox. Deste xeito, o estrés oxidativo pode causar perturbacións nos mecanismos normais da sinalización celular.
Nos humanos, pénsase que o estrés oxidativo está implicado no desenvolvemento de moitas doenzas ou que pode exacerbar os seus síntomas. Entre elas están o cancro,[1] enfermidade de Parkinson, enfermidade de Alzheimer,[2] aterosclerose, insuficiencia cardíaca,[3] infarto de miocardio,[4] esquizofrenia;[5] trastorno bipolar,[6] síndrome X fráxil,[7] anemia falciforme,[8] lique plano,[9] vitilixe,[10] autismo,[11] e síndrome de fatiga crónica.[12] Porén, as especies reactivas do osíxeno poden ser tamén beneficiosas, xa que son utilizadas polo sistema inmunitario como un modo de atacar e matar patóxenos.[13] O estrés oxidativo a curto prazo pode tamén ser importante na prevención do envellecemento por indución dun proceso chamado mitohormese.[14]
Efectos biolóxicos e químicos
[editar | editar a fonte]Quimicamente, o estrés oxidativo está asociado cun incremento na produción de especies químicas oxidantes ou un descenso significativo na efectividade das defensas antioxidantes, como o glutatión.[15] Os efectos do estrés oxidativo dependen da magnitude destes cambios, xa que a célula pode superar pequenas perturbacións e recobrar o seu estado orixinal. Porén, un estrés oxidativo máis severo pode causar a morte celular e mesmo unha oxidación moderada podería desencadear a apoptose, e un estrés máis intenso pode causar necrose.[16]
A produción de especies reactivas do osíxeno é un aspecto particularmente destrutivo do estrés oxidativo. Ditas especies inclúen radicais libres e peróxidos. Algunhas das menos reactivas delas (como o superóxido) poden converterse por reaccións de oxidorredución con metais de transición ou outros compostos que realizan ciclos redox (como quinonas) en especies de radicais máis agresivos, que poden causar un dano celular xeneralizado.[17] A maior proporción de efectos a longo prazo prodúcese ao danarse o ADN.[18] A maioría destas especies derivadas do osíxeno prodúcense en pequenas cantidades polo metabolismo aeróbico normal. Os mecanismos de defensa celulares normais destrúen a maior parte delas. Igualmente, os danos sufridos polas células están a ser constantemente reparados. Porén, en condicións de altos niveis de estrés oxidativo causantes de necrose, os danos orixinan a redución da ATP, o que impide a morte apoptótica controlada e causa que a célula simplemente se desfaga.[19][20]
Oxidante | Descrición |
---|---|
•O2-, anión superóxido | Estado de redución dun electrón do O2, formado en moitas reaccións de autooxidación e pola cadea de transporte electrónico. É máis ben non reactivo pero pode liberar Fe2+ das proteínas ferro-sulfuradas e da ferritina. Sofre dismutación para formar H2O2 espontaneamente ou por catálise encimática e é un precursor da formación de •OH catalizada por metal. |
H2O2, peróxido de hidróxeno | Estado de redución de dous electróns, formado por dismutación de •O2- ou por redución directa de O2. É soluble en lípidos e, por tanto, pode difundir a través das membranas. |
•OH, radical hidroxilo | Estado de redución de tres electróns, formado pola reacción de Fenton e a descomposición do peroxinitrito. É extremadamente reactivo, e ataca á maioría dos compoñentes celulares. |
ROOH, hidroperóxido orgánico | Formado por reaccións de radicais con compoñentes celulares como lípidos e bases nitroxenadas. |
RO•, radicais peroxi, alcoxi e ROO• | Radicais orgánicos centrados no osíxeno. As formas lipídicas participan nas reaccións de peroxidación de lípidos. Prodúcense en presenza de osíxeno pola adición do radical a dobres enlaces ou por extracción dun hidróxeno. |
HOCl, ácido hipocloroso | Formado a partir de H2O2 pola mieloperoxidase. É soluble en lípidos e moi reactivo. Oxida rapidamente os constituíntes das proteínas, incluíndo os grupos tiol, amino e a metionina. |
ONOO-, peroxinitrito | Formado nunha rápida reacción entre o •O2- e o NO•. É soluble en lípidos e similar en reactividade ao ácido hipocloroso. A súa protonación orixina ácido peroxinitroso, o cal pode sufrir unha clivaxe homolítica para formar o radical hidroxilo e dióxido de nitróxeno. |
Táboa adaptada de [21][22][23].
Produción e consumo de oxidantes
[editar | editar a fonte]Unha fonte de osíxeno reactivo en condicións normais en humanos é a fuga de osíxeno activado desde as mitocondrias durante a fosforilación oxidativa. Porén, os mutantes da bacteria E. coli que carecen dunha cadea de transporte electrónico activa producen tanto peróxido de hidróxeno como as células salvaxes (non mutantes), o que indica que outros encimas contribúen coa maior parte da produción de oxidantes no organismo.[24] Unha posibilidade é que múltiples flavoproteínas con actividade redox contribúan cunha pequena porción da produción global de oxidantes en condicións normais.[25][26]
Outros encimas capaces de producir superóxidos son a xantina oxidase, as NADPH oxidases e os citocromos P450. O peróxido de hidróxeno prodúceno unha ampla variedade de encimas incluíndo varias oxidases. As especies reactivas do osíxeno xogan un papel importante na sinalización celular, nun proceso denominado sinalización redox. Así, para manter unha correcta homeostase celular, debe conseguirse un equilibrio entre a produción e o consumo de osíxeno reactivo.
Os antioxidantes celulares mellor estudados son os encimas superóxido dismutase (SOD), catalase, e glutatión peroxidase. Antioxidantes encimáticos menos estudados (pero probablemente igual de importantes) son as peroxirredoxinas e a recentemente descuberta sulfirredoxina. Outros encimas que teñen propiedades antioxidantes (aínda que non sexa esta a súa función principal) son: paraoxonase, glutatión-S transferases, e aldehido deshidroxenases.
Estrés oxidativo e enfermidades
[editar | editar a fonte]Sospéitase que o estrés oxidativo é importante nas enfermidades neurodexenerativas como a enfermidade de Lou Gehrig (tamén chamada MND ou ALS), enfermidade de Parkinson, enfermidade de Alzheimer, e enfermidade de Huntington.[27] Evidencias indirectas obtidas por medio de biomarcadores de monitorización como a produción de especies reactivas do osíxeno, e especies reactivas do nitróxeno, e polo estudo da defensa antioxidante indican que na patoxénese destas doenzas pode estar implicado un dano oxidativo,[28][29] entanto que o estrés oxidativo acumulativo con interrupción da respiración celular e danos mitocondriais están relacionados coas enfermidades de Alzheimer e Parkinson, e outras doenzas neurodexenerativas.[30]
O estrés oxidativo pénsase que está ligado a certas enfermidades cardiovasculares, xa que a oxidación das LDL no endotelio vascular é un precursor da formación de placas ateromatosas. O estrés oxidativo tamén xoga un papel na cascada isquénica debida a danos de reperfusión do osíxeno que seguen á hipoxia. Esta cascada dáse en apoplexías e ataques ao corazón. O estrés oxidativo tamén foi envolvido na síndrome da fatiga crónica.[31] O estrés oxidativo tamén contribúe aos danos nos tecidos producidos pola irradiación e hiperoxia, e na diabetes.
O estrés oxidativo está probablemente implicado no desenvolvemento do cancro relacionado coa idade. As especies reactivas producidas no estrés oxidativo poden causar danos directos ao ADN, polo que son mutaxénicas, e poden tamén suprimir a apoptose e promover a proliferación, invasividade e metástase.[1] A infección por Helicobacter pylori, a cal incrementa a produción de especies reactivas do osíxeno e nitróxeno no estómago humano, tamén se cre que é importante no desenvolvemento de cancro gástrico.[32]
Antioxidantes e suplementos
[editar | editar a fonte]O uso de antioxidantes para previr enfermidades é controvertido.[33] Nun grupo de alto risco como son os fumadores, a subministración de altas doses de beta-carotenos sintéticos incrementa a taxa de cancro pulmonar.[34] En grupos de menor risco, o uso de vitamina E parece reducir o risco de enfermidades cardíacas, aínda que as evidencias máis recentes poden, de feito, suxerir o oposto.[35] Noutras doenzas, como o Alzheimer, as evidencias sobre a suplementación con vitamina E ofrecen resultados variados.[36][37] Como as fontes da dieta conteñen unha ampla variedade de carotenoides e tocoferois (vitamina E) e tocotrienois procedentes dos alimentos completos, os estudos epidemiolóxicos (ex post facto) poden ter conclusións diferentes das dos experimentos que utilizan compostos illados. Porén, a droga NXY-059 (unha nitrona que recolle os radicais) mostrou certa eficacia no tratamento dos accidentes cerebrovasculares.[38]
O estrés oxidativo (tal como se formula na teoría do envellecemento por radicais libres de Harman) tamén se pensa que contribúe ao proceso de envellecemento. Hai boas evidencias que apoian esta idea en organismos modelo como Drosophila melanogaster e Caenorhabditis elegans,[39][40] pero evidencias recentes obtidas no laboratorio de Michael Ristow suxiren que o estrés oxidativo pode tamén promover unha mellora na expectativa de vida de Caenorhabditis elegans ao inducir unha resposta secundaria para incrementar inicialmente os niveis das especies de osíxeno reactivo.[41] Este proceso foi denominado previamente mitohormese ou hormese mitocondrial sobre bases puramente hipotéticas.[42] A situación nos mamíferos é aínda menos clara.[43][44][45] Varios resultados epidemiolóxicos recentes apoian o proceso da mitohormese, e mesmo suxiren que os antioxidantes poden incrementar a prevalencia de enfermidades nos humanos (aínda que os resultados estaban influídos polos estudos en fumadores).[46]
Catalizadores metálicos
[editar | editar a fonte]Os metais como o ferro, cobre, cromo, vanadio e cobalto interveñen en reaccións redox nas que o metal pode aceptar ou doar un só electrón. Esta acción cataliza reaccións que producen radicais reactivos e pode producir especies reactivas do osíxeno.[47] As reaccións máis importantes son probablemente as reaccións de Fenton e de Haber-Weiss, nas cales se produce un radical hidroxilo a partir de ferro reducido e peróxido de hidróxeno. O radical hidroxilo despois pode orixinar modificacións nos aminoácidos (por exemplo, a formación de meta-tirosina e orto-tirosina a partir de fenilalanina), carbohidratos, iniciar a peroxidación de lípidos, e a oxidación de bases nitroxenadas. A maioría dos encimas que producen especies reactivas do osíxeno conteñen un destes metais. A presenza de ditos metais nos sistemas biolóxicos na súa forma non acomplexada (non formando parte dunha proteína ou outro complexo metálico protector) pode incrementar significativamente o nivel de estrés oxidativo. Nos humanos, a hemocromatose está asociada cun incremento dos niveis de ferro dos tecidos, a enfermidade de Wilson cun incremento nos niveis de cobre nos tecidos, e o manganismo crónico cunha exposición a minerais de manganeso.
A reacción dos metais de transición coas proteínas oxidadas por especies reactivas do osíxeno ou especies reactivas do nitróxeno pode orixinar produtos reactivos que se acumulan co tempo e contribúen ao envellecemento e a producir enfermidades. Por exemplo, nos pacientes de enfermidade de Alzheimer, acumúlanse lípidos peroxidados e proteínas nos lisosomas das células do cerebro dos pacientes.[48]
Catalizadores redox non metálicos
[editar | editar a fonte]Certos compostos orgánicos ademais de catalizadores redox metálicos poden tamén producir especies reactivas do osíxeno. Unha das clases máis importantes deles son as quinonas. As quinonas poden formar un ciclo redox cos sues conxugados as semiquinonas e hidroquinonas, nalgúns casos catalizando a produción de superóxidos a partir de diosíxeno (O2) ou de peróxido de hidróxeno (H2O2) a partir de superóxido. O estrés oxidativo xerado polo axente redutor ácido úrico pode estar implicado na síndrome de Lesch-Nyhan, accidentes cerebrovasculares, e síndrome metabólica. Igualmente, a produción de especies reactivas do osíxeno en presenza de homocisteína pode darse na homocistinuria, e na aterosclerose, accidente cerebrovascular, e Alzheimer.
Defensa inmunitaria
[editar | editar a fonte]O sistema inmunitario utiliza os efectos letais dos antioxidantes e fai da produción de especies oxidantes unha parte central do mecanismo para matar patóxenos. Os fagocitos activados producen especies reactivas do osíxeno e do nitróxeno. Entre estas especies químicas están os superóxidos (•O2-), óxido nítrico (•NO) e o seu produto particularmente reactivo, o peroxinitrito (ONOO-).[49] Aínda que o uso destes compostos altamente reactivos na resposta citotóxica dos fagocitos causa tamén danos nos tecidos do hóspede, a non especificidade destes oxidantes é unha vantaxe, xa que danan case todas as partes da célula sobre a que actúan.[23] Isto impide que o patóxeno escape desta parte da resposta inmunitaria debido a mutacións que puidera sufrir nunha determinada molécula diana, se só esta fose o obxectivo da resposta.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Halliwell, Barry (2007). "Oxidative stress and cancer: have we moved forward?" (PDF). Biochem. J. 401 (1): 1–11. PMID 17150040. doi:10.1042/BJ20061131.
- ↑ Valko, M., Leibfritz, D., Moncol, J., Cronin, MTD., Mazur, M., Telser, J. (2007). "Free radicals and antioxidants in normal physiological functions and human disease". International Journal of Biochemistry & Cell Biology 39 (1): 44–84. PMID 16978905. doi:10.1016/j.biocel.2006.07.001.
- ↑ Singh, N., Dhalla, A.K., Seneviratne, C., Singal, P.K. (1995). "Oxidative stress and heart failure". Molecular and Cellular Biochemistry 147 (1): 77–81. doi:10.1007/BF00944786.
- ↑ Ramond A, Godin-Ribuot D, Ribuot C, Totoson P, Koritchneva I, Cachot S, Levy P, Joyeux-Faure M. (2011). "Oxidative stress mediates cardiac infarction aggravation induced by intermittent hypoxia.". Fundam Clin Pharmacol. PMID 22145601. doi:10.1111/j.1472-8206.2011.01015.x.
- ↑ Boskovic, M.; Vovk, T.; Kores Plesnicar, B.; Grabnar, I. (2011). "Oxidative Stress in Schizophrenia". Current Neuropharmacology 9 (2): 301–312. doi:10.2174/157015911795596595. PMC 3131721. PMID 22131939. //www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC3131721/.
- ↑ Dean OM, van den Buuse M, Berk M, Copolov DL, Mavros C, Bush AI. (2011). "N-acetyl cysteine restores brain glutathione loss in combined 2-cyclohexene-1-one and D-amphetamine-treated rats: relevance to schizophrenia and bipolar disorder". Neurosci Lett. 499 (3): 149–53. PMID 21621586. doi:10.1016/j.neulet.2011.05.027.
- ↑ de Diego-Otero Y, Romero-Zerbo Y, el Bekay R, Decara J, Sanchez L, Rodriguez-de Fonseca F, del Arco-Herrera I. (2009). "Alpha-tocopherol protects against oxidative stress in the fragile X knockout mouse: an experimental therapeutic approach for the Fmr1 deficiency.". Neuropsychopharmacology 34 (4): 1011–26. PMID 18843266. doi:10.1038/npp.2008.152.
- ↑ Amer, J., Ghoti, H., Rachmilewitz, E., Koren, A., Levin, C. and Fibach, E. (2006). "Red blood cells, platelets and polymorphonuclear neutrophils of patients with sickle cell disease exhibit oxidative stress that can be ameliorated by antioxidants". British Journal of Haematology 132 (1): 108–113. PMID 16371026. doi:10.1111/j.1365-2141.2005.05834.x.
- ↑ Aly, D. G.; Shahin, R. S. (2010). "Oxidative stress in lichen planus". Acta dermatovenerologica Alpina, Panonica, et Adriatica 19 (1): 3–11. PMID 20372767.
- ↑ Arican, O.; Kurutas, EB. (2008). "Oxidative stress in the blood of patients with active localized vitiligo.". Acta Dermatovenerol Alp Panonica Adriat 17 (1): 12–6. PMID 18454264.
- ↑ James, SJ.; Cutler, P.; Melnyk, S.; Jernigan, S.; Janak, L.; Gaylor, DW.; Neubrander, JA. (2004). "Metabolic biomarkers of increased oxidative stress and impaired methylation capacity in children with autism.". Am J Clin Nutr 80 (6): 1611–7. PMID 15585776.
- ↑ Gwen Kennedy, Vance A. Spence, Margaret McLaren, Alexander Hill, Christine Underwood & Jill J. F. Belch (2005). "Oxidative stress levels are raised in chronic fatigue syndrome and are associated with clinical symptoms". Free radical biology & medicine 39 (5): 584–589. PMID 16085177. doi:10.1016/j.freeradbiomed.2005.04.020.
- ↑ Segal, AW (2005). "How neutrophils kill microbes". Annu Rev Immunol 9 ((5)): 197–223. PMC 2092448. PMID 15771570. doi:10.1146/annurev.immunol.23.021704.115653.
- ↑ Gems D, Partridge L (2008). "Stress-response hormesis and aging: "that which does not kill us makes us stronger"" (PDF). Cell Metab. 7 (3): 200–3. PMID 18316025. doi:10.1016/j.cmet.2008.01.001.
- ↑ Schafer FQ, Buettner GR (2001). "Redox environment of the cell as viewed through the redox state of the glutathione disulfide/glutathione couple". Free Radic. Biol. Med. 30 (11): 1191–212. PMID 11368918. doi:10.1016/S0891-5849(01)00480-4.
- ↑ Lennon SV, Martin SJ, Cotter TG (1991). "Dose-dependent induction of apoptosis in human tumour cell lines by widely diverging stimuli". Cell Prolif. 24 (2): 203–14. PMID 2009322. doi:10.1111/j.1365-2184.1991.tb01150.x.
- ↑ Valko M, Morris H, Cronin MT (2005). "Metals, toxicity and oxidative stress". Curr. Med. Chem. 12 (10): 1161–208. PMID 15892631. doi:10.2174/0929867053764635.
- ↑ Evans MD, Cooke MS (2004). "Factors contributing to the outcome of oxidative damage to nucleic acids". BioEssays 26 (5): 533–42. PMID 15112233. doi:10.1002/bies.20027.
- ↑ Lelli JL, Becks LL, Dabrowska MI, Hinshaw DB (1998). "ATP converts necrosis to apoptosis in oxidant-injured endothelial cells". Free Radic. Biol. Med. 25 (6): 694–702. PMID 9801070. doi:10.1016/S0891-5849(98)00107-5.
- ↑ Lee YJ, Shacter E (1999). "Oxidative stress inhibits apoptosis in human lymphoma cells". J. Biol. Chem. 274 (28): 19792–8. PMID 10391922. doi:10.1074/jbc.274.28.19792.
- ↑ Sies, H. (1985). "Oxidative stress: introductory remarks". En H. Sies, (Ed.). Oxidative Stress. London: Academic Press. pp. 1–7.
- ↑ Docampo, R. (1995). "Antioxidant mechanisms". En J. Marr and M. Müller, (Eds.). Biochemistry and Molecular Biology of Parasites. London: Academic Press. pp. 147–160.
- ↑ 23,0 23,1 Rice-Evans CA, Gopinathan V (1995). "Oxygen toxicity, free radicals and antioxidants in human disease: biochemical implications in atherosclerosis and the problems of premature neonates". Essays Biochem. 29: 39–63. PMID 9189713.
- ↑ Seaver LC, Imlay JA (2004). "Are respiratory enzymes the primary sources of intracellular hydrogen peroxide?". J. Biol. Chem. 279 (47): 48742–50. PMID 15361522. doi:10.1074/jbc.M408754200. Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2019. Consultado o 04 de outubro de 2012.
- ↑ Messner KR, Imlay JA (2002). "Mechanism of superoxide and hydrogen peroxide formation by fumarate reductase, succinate dehydrogenase, and aspartate oxidase". J. Biol. Chem. 277 (45): 42563–71. PMID 12200425. doi:10.1074/jbc.M204958200. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 02 de febreiro de 2021.
- ↑ Imlay JA (2003). "Pathways of oxidative damage". Annu. Rev. Microbiol. 57: 395–418. PMID 14527285. doi:10.1146/annurev.micro.57.030502.090938.
- ↑ Patel VP, Chu CT. (2011). "Nuclear transport, oxidative stress, and neurodegeneration.". Int J Clin Exp Pathol. 4 (3): 215–29. PMC 3071655. PMID 21487518.
- ↑ Nunomura A, Castellani RJ, Zhu X, Moreira PI, Perry G, Smith MA. (2005). "Involvement of oxidative stress in Alzheimer disease.". J Neuropathol Exp Neurol. 65 (7): 631–41. PMID 16825950. doi:10.1097/01.jnen.0000228136.58062.bf.
- ↑ Bošković M, Vovk T, Kores Plesničar B, Grabnar I. (2011). "Oxidative stress in schizophrenia". Curr Neuropharmacol. 9 (2): 301–12. PMC 3131721. PMID 22131939. doi:10.2174/157015911795596595.
- ↑ Ramalingam M, Kim SJ. (2012). "Reactive oxygen/nitrogen species and their functional correlations in neurodegenerative diseases". Journal of Neural Transmission 119. PMID 22212484. doi:10.1007/s00702-011-0758-7.
- ↑ Nijs J, Meeus M, De Meirleir K (2006). "Chronic musculoskeletal pain in chronic fatigue syndrome: recent developments and therapeutic implications.". Man Ther 11 (3): 187–91. PMID 16781183. doi:10.1016/j.math.2006.03.008.
- ↑ Handa O, Naito Y, Yoshikawa T. (2011). "Redox biology and gastric carcinogenesis: the role of Helicobacter pylori.". Redox Rep. 16 (1): 1–7. PMID 21605492. doi:10.1179/174329211X12968219310756.
- ↑ Meyers DG, Maloley PA, Weeks D (1996). "Safety of antioxidant vitamins". Arch. Intern. Med. 156 (9): 925–35. PMID 8624173. doi:10.1001/archinte.156.9.925.
- ↑ Ruano-Ravina A, Figueiras A, Freire-Garabal M, Barros-Dios JM (2006). "Antioxidant vitamins and risk of lung cancer". Curr. Pharm. Des. 12 (5): 599–613. PMID 16472151. doi:10.2174/138161206775474396.
- ↑ Pryor WA (2000). "Vitamin E and heart disease: basic science to clinical intervention trials". Free Radic. Biol. Med. 28 (1): 141–64. PMID 10656300. doi:10.1016/S0891-5849(99)00224-5.
- ↑ Boothby LA, Doering PL (2005). "Vitamin C and vitamin E for Alzheimer's disease". Ann Pharmacother 39 (12): 2073–80. PMID 16227450. doi:10.1345/aph.1E495.
- ↑ Kontush K, Schekatolina S (2004). "Vitamin E in neurodegenerative disorders: Alzheimer's disease". Ann. N. Y. Acad. Sci. 1031: 249–62. PMID 15753151. doi:10.1196/annals.1331.025.
- ↑ Fong JJ, Rhoney DH (2006). "NXY-059: review of neuroprotective potential for acute stroke". Ann Pharmacother 40 (3): 461–71. PMID 16507608. doi:10.1345/aph.1E636.
- ↑ Larsen PL (1993). "Aging and resistance to oxidative damage in Caenorhabditis elegans". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 90 (19): 8905–9. PMC 47469. PMID 8415630. doi:10.1073/pnas.90.19.8905.
- ↑ Helfand SL, Rogina B (2003). "Genetics of aging in the fruit fly, Drosophila melanogaster". Annu. Rev. Genet. 37: 329–48. PMID 14616064. doi:10.1146/annurev.genet.37.040103.095211.
- ↑ "Publication demonstrating that oxidative stress is promoting life span". Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2012. Consultado o 04 de outubro de 2012.
- ↑ Tapia PC (2006). "Sublethal mitochondrial stress with an attendant stoichiometric augmentation of reactive oxygen species may precipitate many of the beneficial alterations in cellular physiology produced by caloric restriction, intermittent fasting, exercise and dietary phytonutrients: "Mitohormesis" for health and vitality". Med. Hypotheses 66 (4): 832–43. PMID 16242247. doi:10.1016/j.mehy.2005.09.009.
- ↑ Sohal RS, Mockett RJ, Orr WC (2002). "Mechanisms of aging: an appraisal of the oxidative stress hypothesis". Free Radic. Biol. Med. 33 (5): 575–86. PMID 12208343. doi:10.1016/S0891-5849(02)00886-9.
- ↑ Sohal RS (2002). "Role of oxidative stress and protein oxidation in the aging process". Free Radic. Biol. Med. 33 (1): 37–44. PMID 12086680. doi:10.1016/S0891-5849(02)00856-0.
- ↑ Rattan SI (2006). "Theories of biological aging: genes, proteins, and free radicals". Free Radic. Res. 40 (12): 1230–8. PMID 17090411. doi:10.1080/10715760600911303.
- ↑ Bjelakovic G, Nikolova D, Gluud LL, Simonetti RG, Gluud C (2007). "Mortality in randomized trials of antioxidant supplements for primary and secondary prevention: systematic review and meta-analysis". JAMA 297 (8): 842–57. PMID 17327526. doi:10.1001/jama.297.8.842.. Véxase tamén letter Arquivado 24 de xullo de 2008 en Wayback Machine. do JAMA de Philip Taylor e Sanford Dawsey e reply Arquivado 15 de marzo de 2009 en Wayback Machine. dos autores do artigo orixinal.
- ↑ *Pratviel, Genevieve (2012). "Chapter 7. Oxidative DNA Damage Mediated by Transition Metal Ions and Their Complexes". En Astrid Sigel, Helmut Sigel and Roland K. O. Sigel. Interplay between Metal Ions and Nucleic Acids. Metal Ions in Life Sciences 10. Springer. pp. 201–216. doi:10.1007/978-94-007-2172-2_7.
- ↑ Devasagayam, TPA; Tilac JC, Boloor KK, Sane Ketaki S, Ghaskadbi Saroj S, Lele RD (2004). "Free Radicals and Antioxidants in Human Health: Current Status and Future Prospects". Journal of Association of Physicians of India 52: 796.
- ↑ Nathan C, Shiloh MU (2000). "Reactive oxygen and nitrogen intermediates in the relationship between mammalian hosts and microbial pathogens". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 97 (16): 8841–8. PMC 34021. PMID 10922044. doi:10.1073/pnas.97.16.8841.