Estación intermodal
Aparencia
Unha estación intermodal é unha infraestrutura de transporte construída sobre a base dunha estación de ferrocarril que acolle traxectos de longa distancia (incluíndo a alta velocidade), de media distancia e, de ser o caso, de proximidade, así como unha estación de autobuses para o transporte interurbano e unha parada de autobús urbano. En cidades que contan con rede de metro tamén adoitan integrar unha unha estación de metro.
Exemplos
[editar | editar a fonte]Exemplos destas estacións son:
- a Estación do Oriente de Lisboa. Proxectada polo arquitecto e enxeñeiro español Santiago Calatrava e inaugurada en 1998, dá servizo ás liñas de ferrocarril de Lisboa, Sintra e Azambuja, Intercidades, Alfa Pendular, Sud-Express (Internacional) e trens Rexionais. Inclúe unha terminal de autobuses e unha estación da liña vermella do metro de Lisboa. Conta ademais con aparcadoiro e parada de taxis.
- a Estación de Vigo-Urzaiz. Construída no mesmo lugar en que se levantaba a antiga estación de trens de Vigo, estaba chamada a ser a primeira estación intermodal de Galiza, se ben a de Santiago acabou tornando intermodal antes[1]. Inaugurouse, unicamente como terminal ferroviaria, o 6 de marzo de 2015, coa entrada do primeiro tren comercial de viaxeiros.[2] A construción da nova infraestrutura intermodal iniciou en 2016 e a conclusión prevíase para 2018, coa integración da nova terminal de autobuses. Segundo a Xunta, estas actuacións debían ir acompañadas da execución dos «compromisos do Concello no referente á reordenación dos accesos viais e das necesidades urbanísticas».[3] En 2021 abriu o centro comercial anexo e en 2022 comezou a operar como estación de autobuses[4].
- a Estación da Coruña-San Cristovo. A transformación en intermodal da estación coruñesa comezou a planearse nos primeiros anos da década do 2000, baseándose principalmente nas directrices do urbanista Joan Busquets, para agrupar nun mesmo recinto a estación de ferrocarril, a de autobuses interurbanos, a do proxectado metro lixeiro e unha parada de taxis, barallándose posibilidades de incluír vivendas e até un parque botánico nela. Entre os 7 proxectos presentados a concurso, foi elixido por unanimidade do xurado establecido ao efecto, en 2011, o presentado polo arquitecto César Portela. Como consecuencia da crise económica de 2008, a finais do 2012 o goberno central solicitou ao gañador do proxecto a presentación dunha nova proposta para abaratar o seu custo.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Santiago estrea a primeira estación intermodal de Galicia". Galicia Confidencial. Consultado o 2022-03-23.
- ↑ "El primer tren entra en la estación del AVE Faro de Vigo, 7-03-2015.
- ↑ La Xunta asegura que las obras para la estación intermodal de Vigo empezarán en el 2016 La Voz de Galicia, 1 de abril de 2015.
- ↑ Currás, Víctor P. (2022-03-15). "Los autobuses llegan por primera vez a la nueva estación de Urzáiz". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-03-23.
- ↑ El Gobierno ordena abaratar el proyecto de la intermodal. Amplía el plazo para que Portela presente la propuesta de la nueva estación La Voz de Galicia