Edvard Munch
Edvard Munch, nado en Løten o 12 de decembro de 1863 e finado en Ekely o 23 de xaneiro de 1944, foi un pintor e gravador noruegués expresionista. As súas evocativas obras sobre a angustia influenciaron profundamente o expresionismo alemán aos comezos do século XX.
O berro (1893; orixinalmente titulado Desesperación), é a súa obra máis coñecida e considerada coma unha icona da angustia existencial. Como en moitas das súas obras realizou numerosas versións. Foi roubada do museo Munch en Oslo, Noruega o 22 de agosto de 2004 e recuperada o 30 de agosto do 2006 con danos menores reparables.
O pintor dicía de si mesmo que, do mesmo modo que Leonardo da Vinci estudara a anatomía humana e disecado corpos, el tentaba disecar almas. Xa que logo, os temas máis frecuentes na súa obra foron os relacionados cos sentimentos e as traxedias humanas, coma a soidade (Melancolía), a angustia (O berro), a morte (Morte dun bohemio) e o erotismo (Amantes, O bico). Considéraselle o precursor do expresionismo, pola forte expresividade dos rostros e as actitudes das súas figuras, ademais do mellor pintor noruegués de todos os tempos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Edvard Munch medrou en Oslo, daquela chamada Christiania. Ten parentesco co pintor Jacob Munch (1776 – 1839) e o historiador Peter Andreas Munch (1810 – 1863). A súa nai e unha das súas irmás morreron sendo el moi mozo, e outra das súas irmás foi diagnosticada cunha enfermidade mental. O seu pai estaba dominado por obsesións relixiosas. O seu pai instilou nos seus fillos un profundo temor para o inferno, asegurándolles que se pecaban de calquera modo serían condenados ao inferno sen esperanza de perdón. Munch pasou unha infancia con numerosas enfermidades e dos cinco irmáns orixinais tan só Andreas casaría morrendo uns poucos meses despois do casamento. Estes feitos poderían explicar a escuridade e o pesimismo de gran parte da obra de Munch. Máis tarde afirmou: "A enfermidade, a tolemia e a morte foron os anxos que rodearon o meu berce e seguíronme durante toda a miña vida". Varias fontes modernas describen a enfermidade de Munch coma un caso probable de desorde bipolar. Munch consideraba esta personalidade conflitiva e un tanto desequilibrada como a base do seu xenio.
En 1885 levou a cabo o primeiro dos súas numerosas viaxes a París, onde coñeceu os movementos pictóricos máis avanzados e sentiuse especialmente atraído pola arte de Paul Gauguin. Non tardou en crear un estilo sumamente persoal, baseado en acentuar a forza expresiva da liña, reducir as formas á súa expresión máis esquemática e facer un uso simbólico, non naturalista, da cor, e de aí a súa clasificación como pintor simbolista. De 1892 a 1908 viviu en Alemaña, sobre todo en Berlín, aínda que fixo frecuentes viaxes a Noruega e París. En Berlín presentou en 1892 unha exposición que tivo que ser retirada polo escándalo que suscitou e que deu pé á creación da Secesión Berlinesa. En 1908 volveu definitivamente a Noruega, onde recibiu algúns encargos oficiais (pinturas do paraninfo da Universidade de Oslo) e pasou os seus últimos anos en soidade.
Nas décadas de 1930 e 1940 os Nazis etiquetaron o seu traballo como "arte dexenerada" e retiraron os seus traballos dos museos alemáns. Este feito feriu profundamente a Munch, que se consideraba un antifascista e chegara a apreciar Alemaña como seu segunda patria.
Morreu en Ekely, preto de Oslo, pouco despois de seu oitenta aniversario. Deixou máis de 1.000 cadros, 15.400 gravados, 4.500 debuxos e acuarelas e seis esculturas á cidade de Oslo que construíu o Museo Munch en Tøyen no seu honor.
Obras máis importantes
[editar | editar a fonte]- 1985: A moza enferma
- 1893: O berro
- 1894: Cinzas
- 1894-95: Madonna
- 1895: Puberdade
- 1895: Autorretrato
- 1896: Angustia
- 1896: Celos
- 1897: O bico
- 1897: A danza da vida
- 1900: Melancolía
- 1940-42: Autorretrato: Entre o reloxo e a cama
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Edvard Munch |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Art Gallery - Edvard Munch Arquivado 25 de abril de 2009 en Wayback Machine.
- Edvard Munch