Expresionismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Expresionista»)
Rehe im Walde by Franz Marc
" A ponte Elbe I" por Rolf Nesch
"Vista de Toledo" por O Greco, 1595/1610 .

O expresionismo é un movemento artístico xurdido en Alemaña a principios do século XX, en concordancia co fauvismo francés. Recibiu o seu nome en 1911 con ocasión da exposición da Secesión berlinesa, en que se expuxeron os cadros fauvistas de Matisse e os seus compañeiros franceses, amais dalgunhas das obras precubistas de Pablo Picasso. En 1914 foron tamén etiquetados como expresionistas o grupo dos pintores alemáns en Dresde e Berlín a partir de 1911; e Der Blaue Reiter (O Xinete Azul), formado en 1912 en Múnic, ó redor dun almanaque, dirixido por Kandinsky e Marc.

O expresionismo enténdese como unha acentuación ou deformación da realidade para conseguir expresar adecuadamente os valores que se pretenden poñer en evidencia, e manifestouse como unha reacción parcial ó impresionismo.

Die Brücke (A Ponte)[editar | editar a fonte]

Os seus fundadores foron Ernst Ludwig Kirchner, Bleye, Heckel e Schmidt-Rottluff, todos eles estudantes de arquitectura, ós que se uniron máis adiante Nolde e Pechstein en 1906 e Otto Müller en 1910. O fauvista Van Dongen tamén se uniu a eles e fixo de intermediario cos seus compañeiros franceses.

A intención do grupo era atraer a todo elemento revolucionario que quixese unirse, así o expresaron nunha carta dirixida a Nolde; o seu maior interese era destruír as vellas convencións, ó igual que se estaba facendo en Francia. Segundo Kirchner, non podían pórse regras e a inspiración debía fluír libre e dar expresión inmediata ás presións emocionais do artista. Preocupábanse menos dos aspectos formais, feito que os separaba do fauvismo de Matisse e Braque. Para os alemáns, o contido era máis importante cá forma. A carga de crítica social que imprimiron á obra valeulles os ataques da crítica conservadora que os tachou de ser un perigo para a xuventude alemá.

Kirchner foi considerado o máis xenuíno representante da Ponte. Foi un artista hipersensible que retratou as rúas e a vida urbana de Berlín de forma novidosa e orixinal. As súas formas secas e puntiagudas, con cores ácidas, son características en obras como A Escola de Danza de 1914.

Emil Nolde, inda que se saíse do grupo en 1911, tamén a foi a considerado como un dos máximos representantes. Influído polo belga Ensor e por Van Gogh, sentiuse fortemente atraído polo primitivismo negro e polo mito do salvaxe. A súa busca do paraíso centrouse máis na concreción do primordial que en actitudes escapistas, plasmando o seu sentimento tráxico da natureza e a súa inspiración, de carácter psicolóxico e instintivo, elementos que fixeron del un pintor expresionista por excelencia. Cara a 1909, e tras unha grave enfermidade, empezou a pintar cadros de tema relixioso, nos que expresou a súa inspiración mística.

En 1913, produciuse a disolución do grupo, consecuencia das claras diferenzas dos seus compoñentes e do establecemento dun mercado para todos eles que complicaba as esixencias dunha fronte común

Der Blaue Reiter (O Xinete Azul)[editar | editar a fonte]

A diferenza da Ponte, os artistas do Xinete Azul, sentían a necesidade de modular unha linguaxe máis controlada para emitir as súas mensaxes. Publicaron libros e organizaron exposicións. Desenvolveron unha arte espiritual, na cal reduciron o naturalismo ata chegar á abstracción. Certas actitudes aproxímanos ós expresionistas de A Ponte pero tendían máis a unha purificación dos instintos e o que querían era captar a esencia espiritual da realidade; neste sentido as súas actitudes eran máis refinadas e especulativas. Os seus máximos representantes foron Wassily Kandinsky e Franz Marc, os seus fundadores; o resto do grupo o compoñen August Macke, Javlensky e Paul Klee.

A poética de kandinsky definiuse como un expresionismo lírico, no cal a evasión non se encamiñaba cara ó mundo salvaxe senón cara ó espiritual da natureza e ó mundo interior. Para Kandinsky, o camiño da pintura debía ser dende a pesada realidade material ata a abstracción da visión pura, coa cor como medio, por iso desenvolveu toda unha complexa teoría da cor. N'A Pintura como arte pura, libro de 1913, sostén que a pintura é xa un ente separado, un mundo en si mesmo, unha nova forma do ser, que actúa sobre o espectador a través da vista e que provoca profundas experiencias espirituais. Anos antes, en 1910, Kandinsky realizara as primeiras acuarelas abstractas.

Para Klee, o artista debía integrarse nas forzas da natureza e actuar como medium, de maneira que as súas creacións chegasen a ser aceptadas do mesmo modo que se aceptan os fenómenos da natureza. A diferenza de Kandinsky, Klee estaba convencido de que a arte pode captar o sentido creativo da natureza e, polo tanto, rexeitaba a abstracción absoluta. Formalmente, Klee deixouse influír ó principio, ó igual que Macke, polo cubismo de Delaunay e a súa lei óptica dos contrastes simultáneos, ó mesmo tempo que foi o primeiro artista que penetrou nos dominios do inconsciente que Freud e Jung estaban comezando a estudar.

Tras a disolución do grupo, en 1919, Walter Gropius funda a Bauhaus en Weimar, escola de deseño e arquitectura, cuxos profesores foron os máis famosos mestres do expresionismo construtivo, nela impartiron clases homes como Feininger, Klee ou Kandinsky.

Finalizada a primeira guerra mundial en Alemaña, desenvólvese o Realismo Expresionista, movemento en que os artistas se separan da abstracción, reflexionando sobre a arte figurativa e rexeitando toda actividade que non atenda ós problemas da urxente realidade da posguerra. Encarnan este grupo Otto Dix, George Grosz, Max Beckmann e o escultor Barlach.

O expresionismo no cine[editar | editar a fonte]

Coa aparición da película O gabinete do doutor Caligari, Robert Wiene abre o expresionismo ó cine en 1919. Neste medio chégase ó simbolismo a través dos decorados, as luces, o vestiario e a interpretación dos personaxes, todo iso encamiñado á distorsión. Nun principio, o cine mudo alemán estivo plenamente vinculado ó expresionismo con directores como Fritz Lang, F. W. Murnau, Paul Leni e Paul Wegener, entre outros. Algunhas das obras máis representativas deste período foron: Nosferatu, Metropolis, As tres luces, A última gargallada, e Das Testament des Dr. Mabuse. A desmesura ía asociada a un tipo de cine de terror e fantástico, o que condicionou o seu desenvolvemento. Non obstante na cinematografía máis moderna, os seus representantes máis significativos como Orson Welles e Andrzej Wajda incorporaron unha estética moito máis madura e afastada do exceso de teatralismo.

O expresionismo no teatro[editar | editar a fonte]

A influencia do cine no teatro expresionista evidenciouse dende os primeiros momentos, utilizando tamén o decorado e a vestimenta dos actores como instrumentos ó servizo de obras dramáticas superadoras do conformismo das representacións teatrais convencionais. O autor, o actor e o público deben de compartir a visión interior do primeiro, chegando a un ton místico que acentúa a mímica. O seu representante máis destacado aparece despois da primeira guerra mundial: Ernst Toler. Con posterioridade veríanse influídos por este movemento autores como Bertold Brecht.

A música expresionista[editar | editar a fonte]

O Xinete Azul no seu primeiro número publicou a obra de tres compositores: Arnold Schönberg, Alban Berg e Anton von Webern. Na traxectoria destes músicos encontramos a presenza plenamente expresionista na ópera de Lulú de Berg e nos dramas Die Erwartung e Die Glücklihe Hand.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]